Edward Teach ou Edward Thatch, máis coñecido como Barbanegra (), nado circa 1680 e finado o 22 de novembro de 1718 en Ocracoke, Carolina do Norte, foi un pirata inglés que navegaba nas Indias Occidentais e na costa leste das trece Colonias. Aínda que non se sabe moito da súa infancia, probablemente naceu en Bristol, Inglaterra. Puido ser un mariñeiro en navíos corsarios durante a guerra da raíña Ana antes de estabelecerse na illa de Nova Providencia, nas Bahamas, lugar onde reuniu unha tripulación por volta de 1716. O capitán Benjamin Hornigold colocouno ao mando dunha corveta capturada, participando xuntos en numerosos actos de pirataría. As súas actuacións foron impulsadas coa incorporación á frota de dous barcos máis, un dos cales era comandado por Stede Bonnet, mais a finais de 1717 Horningold retirouse da pirataría levando dous dos navíos con el.

Teach capturou un buque mercante francés e deulle o nome de Queen Anne's Revenge (do inglés: Vinganza da raíña Ana), e equipouno con corenta canóns. O seu alcume derivaba da súa espesa barba negra e a súa aparencia, hai mesmo referencias a que acendía mechas no cabelo, debaixo do seu chapeu, para asustar os seus inimigos. Formou unha alianza de piratas e bloqueou o porto de Charleston. Após unha extorsión dos seus habitantes, encallou o Queen Anne's Revenge nun banco de area preto de Beaufort. Partiu en compañía de Bonnet, estabelecéndose na cidade de Bath, onde recibiu o perdón da coroa Británica. Con todo, logo volveu ao mar e atraeu a atención do gobernador de Virxinia, Alexander Spotswood. Spotswood organizou un grupo de soldados e mariñeiros para tentar capturar o pirata, o que conseguiron o 22 de novembro de 1718. Durante a batalla Teach e varios membros da súa tripulación faleceron a mans dunha pequena forza de mariñeiros liderados polo tenente Robert Maynard.

Considerado un líder astuto e calculador, Teach rexeitaba o uso da forza, confiando na súa aterradora imaxe para provocar a resposta que desexaba. Contrariamente ao clixé moderno do tradicional pirata tiránico, Barbanegra comandaba os seus barcos co beneplácito da súa tripulación, e non hai ningún rexistro coñecido de que tivese prexudicado ou asasinado nunca os seus prisioneiros. Foi idealizado trala súa morte e converteuse en fonte de inspiración para varias obras de ficción de temática pirata en diversos xéneros.

Xuventude Non se conservan rexistros sobre os primeiros anos de vida de Barbanegra. Crese que faleceu cunha idade de entre 35 e 40 anos e que polo tanto tería nacido ao redor do ano 1680. En rexistros contemporáneos o seu nome adoita aparecer escrito como Blackbeard, Edward Thatch ou Edward Teach, sendo este último o máis utilizado polos historiadores. Existen tamén rexistros doutras variacións do seu apelido: Thatch, Thach, Thache, Thack, Tack, Thatche e Theach. Os piratas habitualmente empregaban apelidos ficticios para evitar que o verdadeiro nome da súa familia se vise involucrado na pirataría, a fin de non manchalo, o que limita as posibilidades de certificar o seu apelido real.

No século XVII, o ascenso das colonias da Gran Bretaña en América, xunto coa rápida expansión do comercio de escravos no Atlántico do século XVIII, converteron a Bristol nun importante porto internacional, polo que Teach probabelmente viviu no que naquel momento era a segunda maior cidade de Inglaterra. Sábese que sabía ler e escribir grazas a rexistros de comunicacións escritas con comerciantes, e cando morreu verificouse que tiña en posesión unha carta dirixida a el do Xefe de Xustiza e Secretario da Provincia de Carolina, Tobias Knight. O autor Robert Lee especulou que por mor disto Teach puido nacer nunha familia respectábel e rica, chegando ao Caribe probablemente a finais do século XVII nun navío mercante (posibelmente nun navío negreiro). O autor do século XVIII Charles Johnson afirmou que Teach foi durante algún tempo un mariñeiro operando en Xamaica en navíos corsarios durante a Guerra da raíña Ana, e que "se distinguira pola súa ousadía e coraxe pouco comúns". As datas exactas nas que Teach participou nesta guerra ou pasou a converterse nun pirata son descoñecidas. Porén, un estudo xenealóxico concluíu que a súa familia trasladouse de Inglaterra a Xamaica, e alí atopáronse rexistros de Edward Thatch, Jr. como un mariñeiro da Royal Navy a bordo do HMS Windsor no ano 1706.

Nova Providencia Coa súa historia de colonialismo, comercio e pirataría, as Indias Occidentais foron escenario de moitos incidentes marítimos durante os séculos XVII e XVIII. A comezos do século XVIII o corsario Henry Jennings e os seus seguidores decidiron utilizar a illa inhabitada de Nova Providencia como base das súas operacións. Esta illa estaba a pouca distancia do Estreito de Florida e as súas augas eran moi transitadas por multitude de barcos europeos que atravesaban o Atlántico. O porto de Nova Providencia podía aloxar centenares de navíos, e ademais era o suficientemente pouco profundo para impedir navegar aos grandes buques da Armada Real Británica. Ademais nesa época a illa non era aínda o destino turístico no que se tornaría máis adiante. O autor George Woodbury describiuna como "non cidade de fogares, era un lugar de permanencia temporal e de descanso para unha poboación literalmente flotante", afirmando que "os únicos moradores permanentes eran piratas que acampaban, comerciantes e parasitos, e o resto só pasaban polo lugar." En Nova Providencia os piratas eran benvidos, e a lei e a orde "eran descoñecidos".

miniatura|esquerda|200px|Barbanegra, ilustración de Benjamin Cole da segunda edición de General Historie Teach foi un dos piratas que sacou proveito dos beneficios da illa. Trala sinatura do Tratado de Utrecht chegou á illa desde Xamaica, e xunto da maioría dos corsarios involucrados na guerra, comezou a involucrarse na pirataría. Ao redor do ano 1716 uniuse á tripulación do capitán Benjamin Hornigold, un pirata de renome que operaba dende as augas seguras de Nova Providencia. En 1716, Hornigold asignoulle a Teach o mando dunha corveta que capturara. A comezos de 1717 Hornigold e Teach, cada un ao mando dunha corveta, partiron para o continente. Capturaron un barco que transportaba cento vinte barrís de fariña chegados da Habana e, pouco tempo despois, tomaron unha corveta con cen barrís de viño procedentes das Bermudas. Poucos días despois, pararon un veleiro procedente de Madeira con destino a Charleston, Carolina do Sur. O 29 de setembro preto de Cape Charles, Virxinia saquearon do navío Betty a súa carga de viño de Madeira, deixando que o navío se afundise coa carga restante.

E nesta viaxe xunto a Hornigold cando xorden os primeiros rexistros coñecidos sobre Teach, nos que se lle recoñece como un pirata de dereito propio ao mando dunha gran tripulación. Nun informe do Capitán Mathew Munthe en Carolina do Norte, "Thatch" aparece descrito operando "nunha corveta de seis canóns e preto de 70 homes". En setembro de 1717, Teach e Hornigold encontráronse con Stede Bonnet, un terratenente e militar dunha familia rica que comezara na pirataría a comezos daquel ano. A tripulación de Bonnet, con cerca de setenta membros, atopábase aparentemente insatisfeita co seu comandante, polo que, co permiso de Bonnet, Teach asumiu o control do navío 'Revenge (do inglés: Vinganza). A flotilla de piratas consistía agora de tres navíos; Teach no Revenge, a vella corveta de Teach e a embarcación Ranger de Hornigold. En outubro, outro navío foi capturado e engadido á pequena frota. As corvetas Robert de Filadelfia e Good Intent (do inglés: Boa Intención) de Dublín foron detidas en 22 de outubro de 1717 e as súas cargas baleiradas.

Como excorsario británico, Hornigold atacaba só os seus vellos inimigos. Porén, a súa tripulación non aturaba ver os navíos británicos cheos de carga valiosa pasando ilesos, polo que nalgún momento a finais de 1717 Hornigold foi relevado do mando. A implicación de Teach nesta decisión é descoñecida, e Hornigold retirouse da pirataría tralo feito. Hornigold ficou co Ranger e cunha das corvetas, deixando a Teach co Revenge e a corveta restante. Os dous nunca máis se volveron atopar, e como moitos outros ocupantes de Nova Providencia, Hornigold aceptou o perdón real outorgado por Woodes Rogers en xuño do ano seguinte.

Teach convértese en Barbanegra O 28 de novembro de 1717, os dous navíos de Teach atacaron unha embarcación mercante francesa na costa de San Vicente. Cada un deles disparou unha salva lateral que matou a varios dos tripulantes do mercante, forzando o capitán a se render. O navío era o La Concorde de Saint-Malo, cun cargamento de escravos. Teach e a súa tripulación levaron ao navío rumbo sur ao longo de San Vicente e as Granadinas con destino a Bequia, onde desembarcaron a tripulación e a carga do mercante, ficando co navío para o seu propio uso. A tripulación do La Concorde recibiu a menor das dúas corvetas de Teach, a que renomearon como Mauvaise Rencontre (do francés: Mal Encontro) e viaxaron cara a Martinica. Teach puido recrutar algúns dos escravos, mais os restantes foron deixados na illa e posteriormente foron capturados de novo pola tripulación do Mauvaise Rencontre.

Teach inmediatamente cambiou o nome do navío de La Concorde a Queen Anne's Revenge (do inglés: Vinganza da raíña Ana) e equipouno con corenta canóns. A finais de novembro, preto de San Vicente, atacou o navío Great Allen. Tras un longo enfrontamento forzou ao gran e ben armado navío mercante a se render e ordenoulle que navegase cara á costa, desembarcando a tripulación e baleirando as bodegas de carga, para posteriormente queimar e afundir o navío. Este incidente publicouse no The Boston News-Letter, que describiu a Teach como o comandante dun "navío francés de trinta e dous canóns, un bergantín de dez canóns e unha corveta de doce canóns." Descoñécese en que momento ou lugar conseguiu Teach o bergantín de dez canóns, pero sábese que naquel entón estaba ao mando de como mínimo cento cincuenta homes divididos entre os tres navíos.

O 5 de decembro de 1717 Teach parou a corveta mercantil Margaret na costa da Illa do Cangrexo, próxima a Anguila. O seu capitán Henry Bostock e a tripulación permaneceron como prisioneiros case oito horas e foron forzados a ver como saqueaban a súa corveta. Bostock, levado a bordo do Queen Anne's Revenge, foi devolto ileso ao Margaret e puido marchar coa súa tripulación. Bostock retornou a súa base de operacións na Illa de Saint Kitts e informou do suceso ao gobernador Walter Hamilton, quen lle pediu que asinase unha declaración xurada sobre o acontecido. O mariñeiro describiu a Teach ao mando de dous navíos: unha corveta e un gran navío negreiro francés de construción neerlandesa, con 36 canóns e unha tripulación de trescentos homes. O capitán cría que o navío máis grande levaba unha gran carga de ouro, prata e "unha copa moi fina" presuntamente roubada do comandante do Great Allen. A tripulación pirata aparentemente comentaralle a Bostock a destrución de varios outros navíos, e que posuían a intención de navegar cara a Hispaniola e agardar por varios barcos da armada española, que estarían cargados de diñeiro para pagar as forzas militares. Bostock declarou tamén que Teach lle preguntara sobre os movementos de navíos locais, e que o pirata non se sorprendera ao ser informado de que se esperaba un perdón real de Londres para todos os piratas.