Aqua (do latín aqua, que significa auga), tamén denominado EOS PM-1, é un satélite artificial da NASA e instrumentación con colaboración internacional. Aqua foi lanzado o 4 de maio de 2002 desde a base Vandenberg da Forza Aérea mediante un foguete Delta II 7920 a unha órbita terrestre.
Características A misión de Aqua consiste en estudar as precipitacións, evaporación e o ciclo da auga da Terra. O satélite é o segundo compoñente principal do Sistema de Observación Terrestre (Earth Observing System, EOS) da NASA. Foi precedido polo satélite Terra (lanzado en 1999) e seguido por Aura (lanzado en 2004).
Aqua segue unha órbita heliosincrónica e cruza o ecuador na tarde local. Na súa órbita vai diante do chamado A-train (tren A), un conxunto de satélites de observación terrestre (Aura, CALIPSO, CloudSat e PARASOL) que voa en formación. O satélite usa hidracina como propelente.
Instrumentación Aqua leva seis instrumentos para a observación da auga nas súas distintas formas na superficie e na atmosfera terrestre:
AMSR-E (Advanced Microwave Scanning Radiometer-EOS): mide as propiedades das nubes, a temperatura da superficie mariña, a velocidade do vento en superficie e o fluxo de enerxía radiativo. Proporcionado pola NASDA xaponesa. Deixou de funcionar en outubro de 2011. MODIS (Moderate Resolution Imaging Spectroradiometer): mide as propiedades das nubes e o fluxo de enerxía radiativo, así como as propiedades dos aerosois, da cobertura do solo e os cambios nos usos da terra. Un instrumento idéntico voa a bordo do satélite Terra. AMSU-A (Advanced Microwave Sounding Unit): mide a temperatura e humidade da atmosfera. AIRS (Atmospheric Infrared Sounder): mide a temperatura e humidade da atmosfera, así como as temperaturas da superficie terrestre e mariña. HSB (Humidity Sounder for Brazil): usa a banda VHF para medir a humidade atmosférica. Proporcionado polo Instituto Nacional de Pesquisas Espaciais do Brasil. CERES (Clouds and the Earth's Radiant Energy System): mide o fluxo de enerxía radiativa en banda larga.
Notas
Véxase tamén Outros artigos CALIPSO (satélite) Aura (satélite) PARASOL CloudSat Terra (satélite artificial)
Ligazóns externas Páxina de Aqua na NASA
Categoría:Satélites artificiais dos Estados Unidos de América