Roberto Jorge D'Alessandro di Ninno, nado en Buenos Aires o 28 de xullo de 1949, é un exfutbolista, adestrador e comentarista deportivo arxentino. Xogaba como gardameta.
Como xogador defendeu as camisolas do San Lorenzo de Almagro e da UD Salamanca, sendo gardameta titular durante nove tempadas cos salmantinos na Primeira División de España. Iniciou a súa carreira como adestrador dirixindo o UD Salamanca B en 1989. O seu último equipo como técnico foi a SD Huesca, á que dirixiu en 2013. Na actualidade forma parte do elenco do programa deportivo El chiringuito de Jugones.
Traxectoria
Como xogador A súa carreira profesional comezou na súa Arxentina natal co Club Atlético San Lorenzo de Almagro. En 1968 formou parte do histórico equipo de Los Matadores, sendo suplente dos porteiros Carlos Buttice e Agustín Irusta. Pertenceu á disciplina do Ciclón entre 1968 e 1974, coincidindo coa idade dourada do club porteño, que conquistou catro ligas de primeira división.
En xuño de 1974, o San Lorenzo visitou España para enfrontarse á Unión Deportiva Salamanca, con motivo do Trofeo Internacional San Juan de Sahagún. A destacada actuación de D'Alessandro chamou a atención do club español, que decidiu facerse cos seus servizos, aínda que antes tivo que superar a burocracia da Federación Arxentina, que prohibía aos menores de 26 anos xogar fóra do país. D'Alessandro converteuse nun dos xogadores lendarios do club salmantino, ao defender a súa portería durante nove tempadas —sete consecutivas— na Primeira División de España.
Titular indiscutible, só unha grave lesión o apartou do equipo na tempada 1977-78. Sucedeu nun encontro de liga entre o Athletic Club e a UD Salamanca. Nun lance do partido, D'Alessandro sufriu un encontrón que lle produciu un desgarro nun ril. O gardameta puido rematar o encontro con normalidade, mais empezou a sentirse indisposto no autobús de regreso a Salamanca. Ingresado de urxencia, foi sometido a unha nefrectomía. A pesar de lle ser extirpado o ril, quixo continuar a súa carreira, facendo caso omiso das recomendacións médicas. Esa mesma tempada regresou aos terreos de xogo, precisamente coincidindo co partido da segunda volta contra o Athletic Club.
O 13 de outubro de 1983, un novo encontrón volveu afastalo dos terreos de xogo. Desta vez foi un choque co madridista John Metgod, no Estadio Santiago Bernabéu. Sufriu unha lesión de menisco e do ligamento cruzado externo, que o mantivo varios meses afastado da competición. Tras a súa recuperación, non puido desprazar da titularidade o seu suplente, Ángel Lozano, polo que viviu a recta final da tempada desde o banco.
O 17 de maio de 1984 xogou un dos últimos partidos da súa carreira, defendendo a portería dun combinado de futbolistas latinoamericanos que se enfrontou ao FC Barcelona na homenaxe a Cholo Sotil.
Rematada a tempada 1983-84, e tras dez anos ao servizo do club, a directiva unionista decidiu non renovarlle o contrato. O xogador, moi arraigado á cidade de Salamanca, onde abrira o seu propio negocio, rexeitou ofertas para seguir en activo e, con 35 anos, preferiu retirarse e establecerse na capital charra, aceptando a oferta de adestrar no fútbol base da Unión.
En total, vestiu a camisola da UD Salamanca en 334 partidos de Primeira División de España, un récord aínda vixente.
O 16 de decembro de 2019, grazas a unha reclamación recibida polo diario Marca en relación coa regulamentación do Trofeo Zamora, o gardameta hispano-arxentino foi recoñecido polo xornal, 45 anos despois, como cogañador dos trofeos Zamora ao porteiro menos goleado das tempadas 1974-75 e 1976-77.
Como adestrador Iniciou a súa carreira como adestrador nas categorías inferiores da UD Salamanca. Na tempada 1989-90 colleu as rendas do filial de Terceira División, o UD Salamanca B, co que loitou polo ascenso a Segunda B.
No verán de 1990 asinou pola UE Figueres, de Segunda División de España. En dous anos levou o modesto club empordanés ao maior éxito da súa historia deportiva: disputar a promoción de ascenso a Primeira División de España. Non conseguiu a xesta do ascenso, mais D'Alessandro converteuse nun técnico cotizado. Na tempada 1992-93, o Real Betis Balompié confioulle o proxecto de devolver o equipo verdibranco á máxima categoría, aínda que non tivo fortuna nesta etapa. Cuestionado o seu sistema polo presidente bético, Manuel Ruiz de Lopera, foi destituído a media tempada, cando o equipo marchaba en sétima posición.
Un ano máis tarde, Jesús Gil deulle a oportunidade de debutar nun banco de Primeira División de España. Tras cesar cinco técnicos en seis meses de competición, en marzo de 1994 Gil apostou por D'Alessandro para sacar o Atlético de Madrid dos postos de descenso a Segunda División de España. Nas nove últimas xornadas os branquivermellos sumaron 12 dos 18 puntos en xogo e remataron a liga na 14.ª posición. A pesar de lograr o obxectivo, o adestrador non renovou o contrato, e o seu posto foi ocupado por Pacho Maturana.
Porén, o técnico colombiano só aguantou cinco meses no banco do Vicente Calderón. En novembro de 1994, Jesús Gil volveu contratar a D'Alessandro, de novo co obxectivo de sacar o equipo da parte baixa da clasificación. Nesta ocasión, o traballo de D'Alessandro non convenceu o mandatario colchoeiro, que lle rescindiu o contrato en febreiro de 1995.
Na tempada 1995-96, a UD Salamanca, que loitaba por salvarse do descenso a Segunda División, contratou a D'Alessandro a falta de trece xornadas para finalizar a liga. O técnico trouxo novos aires ao equipo, mais non conseguiu sacalo da cola da clasificación.
Todo o contrario que na tempada seguinte. D'Alessandro chegou ao CP Mérida, de Segunda División de España, a media campaña, e logrou o ascenso a Primeira División. Con todo, os estremeños só aguantaron un ano na máxima categoría.
En xaneiro de 2000 regresou aos bancos para substituír a Tolo Plaza no Elche CF, da Segunda División de España. Cunha gran segunda volta logrou a permanencia. Non lle valeu para renovar, pero D'Alessandro non tardou en regresar ao club ilicitano, xa que a media campaña 2000-01 foi chamado de novo tras o cesamento de Felipe Mesones. Nesta ocasión non puido mellorar os números do seu antecesor, conseguindo só dúas vitorias en 15 partidos. Foi destituído antes de rematar o curso, deixando o equipo en postos de descenso.
A súa segunda etapa no banco da UD Salamanca iniciouse pouco despois de comezar a tempada 2002-03, desta vez en Segunda División de España. O 13 de outubro de 2002, D'Alessandro foi escollido para substituír o dimisionario Balta, e completou o curso clasificando os salmantinos en sétima posición.
En novembro de 2003 converteuse de novo nun recambio de urxencia, nesta ocasión para sacar o Rayo Vallecano da cola da Segunda División de España. Non logrou remontar a delicada situación, e foi relevado tres meses despois do seu nomeamento.
En abril de 2010, a finais da tempada 2009-10, recalou de novo no banco da UD Salamanca para exercer como adestrador na súa terceira etapa salmantina e intentar conseguir a permanencia en Segunda División de España. Nesta etapa contou con Pablo Zegarra como segundo adestrador. Finalmente, tras sumar cinco vitorias, dous empates e tres derrotas en dez partidos, logrou a permanencia na última xornada. Unha vez conseguida a meta de salvar o equipo da súa vida, decidiu non continuar adestrándoo.
O 30 de outubro de 2011 converteuse no novo adestrador do Gimnàstic de Tarragona, de Segunda División de España, substituíndo a Juan Carlos Oliva co obxectivo de lograr a salvación. O 6 de novembro de 2011 disputou o seu primeiro partido á fronte do equipo catalán e conseguiu golear por 5-0 o CE Sabadell. Nas seguintes xornadas remontou ata alcanzar o 19.º posto, a só catro puntos da zona de permanencia. Porén, a reacción freouse aí e finalmente o Nàstic descendeu a Segunda B. Consumado o descenso, D'Alessandro non continuou no conxunto granate.
O 26 de decembro de 2012 oficializouse a súa contratación pola SD Huesca, tamén na categoría de prata e co obxectivo da permanencia. Ao comezo mellorou os resultados do equipo aragonés, que chegou a estar dúas xornadas fóra dos postos de descenso, mais finalmente acabou caendo a Segunda B, e tampouco puido aproveitar a última oportunidade aberta polo descenso administrativo do Guadalajara.
Outros traballos
Comentarista deportivo Paralelamente á súa traxectoria como adestrador, traballou como comentarista e analista técnico en varios medios de comunicación. Deuse a coñecer nesta faceta xunto ao xornalista José María García na COPE. Despois seguiuno a Onda Cero, onde tamén foi comentarista para Antena 3, a cadea televisiva do mesmo grupo. Tras a retirada de García, colaborou como faladoiro no espazo Punto Pelota, emitido simultaneamente por Radio Intereconomía e Intereconomía TV. Actualmente traballa como contertulio en El chiringuito de Jugones, de Mega.
Clubs
Como xogador ClubPaísAnosPartidosGolesSan Lorenzo de AlmagroArxentina1968-1974560UD SalamancaEspaña1974-19843340
Como adestrador ClubPaísAnosPPGPEPP% v.UD Salamanca BEspaña1989-1990UE Figueres1990-19927931272139,24Real Betis1992-199326910734,62Atlético de Madrid1994-199528109935,71UD Salamanca199613301023,08CP Mérida1997-19986020162433,33Elche CF2000-2001349141126,47UD Salamanca2002-2003361317636,11Rayo Vallecano2003-20041352638,46UD Salamanca20101052350,00Gimnàstic de Tarragona2011-201231691619,35SD Huesca2012-201323851034,78
Palmarés
Como xogador TítuloClubPaísAnoPrimeira División da Arxentina MetropolitanoSan Lorenzo de AlmagroArxentina1972Primeira División da Arxentina Nacional
Como adestrador TítuloClubPaísAnoSegunda División de EspañaCP MéridaEspaña1996-97
Trofeos amigables TítuloClubPaísAnoTrofeo Villa de MadridAtlético de MadridEspaña1994Trofeo Teresa RiveroRayo Vallecano2003
Distincións individuais DistinciónAnoTrofeo Zamora1974-75Trofeo Zamora1976-77
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Datos do xogador en BDFutbol Datos do adestrador en BDFutbol Ficha de Jorge D'Alessandro en Transfermarkt Jorge D'Alessandro no Twitter
Categoría:Nados en 1949 Categoría:Nados en Buenos Aires Categoría:Futbolistas da Arxentina Categoría:Gardametas de fútbol Categoría:Xogadores da UD Salamanca Categoría:Adestradores de fútbol da Arxentina Categoría:Adestradores do Rayo Vallecano Categoría:Xogadores do CA San Lorenzo de Almagro Categoría:Adestradores da UD Salamanca Categoría:Adestradores do Real Betis Balompié Categoría:Adestradores do Atlético de Madrid Categoría:Adestradores do CP Mérida Categoría:Adestradores do Elche CF Categoría:Adestradores do Gimnàstic de Tarragona Categoría:Adestradores do SD Huesca Categoría:Gañadores do Trofeo Zamora