Josep Samitier i Vilalta (alcumado O Mago e O home langosta), nado o 2 de febreiro de 1902 en Barcelona e finado o 4 de maio de 1972, foi un mítico xogador e adestrador de fútbol que lle adicou a maioría da súa carreira ó FC Barcelona, aínda que tamén xogou no Real Madrid e no OGC Nice francés.

Traxectoria Xogador de club A súa carreira comezou no Internacional de Sans, equipo hoxe desaparecido dun barrio de Barcelona. Con 17 anos asinou polo FC Barcelona a cambio dun chaleco e un reloxo con esfera luminosa. Dende o principio converteuse nun xogador emblemático para o club, sendo un dos xogadores máis populares do seu tempo pola súa habilidade. Alcumado o mago, a súa fama superou o terreo deportivo, chegando a protagonizar anuncios publicitarios e películas como Once pares de botas.

Foi unha peza indispensable no exitoso Barça dos anos 20, cuxas vitorias provocaron que o Camp del Carrer Indústria quedase pequeno para acoller ós milleiros de seareiros que desexaban ver os encontros daquel equipo, polo cal o club tivo que construír un novo estadio moito máis grande, o Camp de Les Corts, inaugurado en 1922.

Durante os 13 anos que Samitier xogou no FC Barcelona conquistou 5 Campionatos de España, 12 Campionatos de Cataluña e a primeira liga disputada en España entre 1928 e 1929. Marcou 326 goles coas cores do Barça (o que fai del o segundo máximo goleador da historia do club), 63 deles no torneo de Copa do Rei (récord histórico do Barça). O 18 de abril de 1926 marcoulle 4 goles ó Real Madrid no encontro de ida da eliminatoria de cuartos de final da Copa do Rei xogado en Chamartín, que rematou con vitoria culé por 1 gol a 5. Dende 1928 ocupou a capitanía do equipo.

En 1932 deixou o club por razóns económicas, e asinou polo Real Madrid. No equipo madrileño xogou 2 anos, gañando a liga en 1933 e a copa en 1934. En 1935 deixou o equipo merengue, recibindo un encontro de homenaxe.

A comezos de 1936 adestrou ó Atlético de Madrid, pero co inicio da Guerra Civil española fuxiu a Francia. En outubro uniuse ó OGC Nice da liga francesa, equipo co cal xogou até a súa retirada definitiva en 1939. Tanto no FC Barcelona, como no Real Madrid e no OGC Nice, coincidiu co seu grande amigo, o porteiro internacional Ricardo Zamora.

Xogador da selección Coa selección española xogou 21 encontros, e marcou 2 goles. Samitier pasou á historia por ser un dos 11 xogadores que disputaron o primeiro encontro da historia da selección de fútbol de España, o 28 de agosto de 1920 fronte a Dinamarca, nos Xogos Olímpicos de Antuerpen, onde España conquistou a medalla de prata. Samitier tamén xogou varios encontros coa selección de fútbol de Cataluña.

Adestrador Despois da súa retirada como futbolista, adestrou durante un tempo ó OGC Nice, ata que en 1944 asinou de novo polo FC Barcelona, esta vez como adestrador. Con el dirixindo o equipo, o Barcelona conquistou a súa segunda liga. Tamén gañou a Copa de Ouro (competición precursora da actual Supercopa de España) e outros torneos de menor importancia.

Asesor técnico En 1947 deixou de ser o adestrador para ser o secretario técnico do club, sendo o responsable en 1950 da contratación doutro futuro símbolo culé, o xogador húngaro László Kubala.

En 1959 foi contratado polo Real Madrid como asesor técnico, para volver en 1962 ó FC Barcelona no mesmo posto, que ocupou ata a súa morte, o 4 de maio de 1972, con 70 anos de idade.

Véxase tamén Ligazóns externas Historial de Samitier en Primeira División Información coa Selección española Biografía de Samitier na web oficial do Real Madrid

Categoría:Xogadores do FC Barcelona Categoría:Xogadores do Real Madrid CF Categoría:Nados en 1902 Categoría:Nados en Barcelona Categoría:Finados en 1972 Categoría:Xogadores da selección de baloncesto de España Categoría:Futbolistas nos Xogos Olímpicos de 1920 Categoría:Futbolistas nos Xogos Olímpicos de 1924 Categoría:Futbolistas olímpicos de España Categoría:Medallistas olímpicos en fútbol Categoría:Medallistas olímpicos de prata por España Categoría:Medallistas nos Xogos Olímpicos de 1920