miniatura|dereita|Células epiteliais coa queratina en vermello.
Os queratinocitos son o tipo celular principal que forma a capa externa (epiderme) da pel humana, xa que constitúen o 95% das células que a forman. Atópanse tamén noutros epitelios planos estratificados. Os queratinocitos que se atopan na capa basal (estrato xerminativo) da pel denomínanse ás veces "células basais" ou "queratinocitos basais".ISBN 9780721629216
A función principal dos queratinocitos é a formación dunha barreira que protexa contra os danos producidos polo medio externo e da entrada de patóxenos (bacterias, fungos, parasitos, virus), calor, radiación ultravioleta (UV) e a perda de auga. Varias proteínas estruturais (filagrina, queratina), encimas (proteases), lípidos e péptidos antimicrobianos (defensinas) contribúen a manter esta importante función de barreira da pel. Unha vez que os patóxenos comezan a invadir as capas superiores da epiderme, os queratinocitos poden reaccionar producindo mediadores proinflamatorios e en particular quimiocinas como CXCL10 ou CCL2, que atraen os leucocitos ao lugar da invasión do patóxeno (máis tarde poden producir tamén substancias antiinflamatorias).
A queratinización é parte da cornificación que ten lugar durante a formación desta barreira física, na cal os queratinocitos producen cada vez máis queratina e finalmente sofren unha morte celular programada. A capa externa de queratinocitos cornificados da pel está descamándose continuamente e sendo substituída por células das capas inferiores. O tempo medio de renovación da pel é de 21 días.
Os queratinocitos forman unións herméticas cos nervios da pel e manteñen as células de Langerhans e os linfocitos intradérmicos na súa posición na epiderme. Os queratinocitos tamén modulan o sistema inmunitario, xa que, ademais da xa mencionada liberación de péptidos antimicrobianos e quimiocinas, son tamén grandes produtores de mediadores antiinflamatorios como a IL-10 e o factor de crecemento transformante beta (TGF-β). Cando son activados, poden estimular a inflamación cutánea e a activación das células de Langerhans por medio do TNFα e a secreción da IL-1β Tomohiro Banno, Alix Gazel, Miroslav Blumenberg. Effects of Tumor Necrosis Factor- (TNF) in Epidermal Keratinocytes Revealed Using Global Transcriptional Profiling (2004). The Journal of Biological Chemistry. Published, JBC Papers in Press, DOI 10.1074/jbc.M400642200 .
Os queratinocitos migran desprazándose por medio dun movemento rodante durante o proceso de curación de feridas.
Captación da melanina Os queratinocitos contribúen a protexer o corpo dos raios ultravioleta ao captaren melanosomas, que son vesículas que conteñen o fotoprotector endóxeno melanina, formado polos melanocitos epidérmicos. Cada melanocito epidérmico ten unhas prolongacións chamadas dendritas que se estenden tomando contacto con moitos queratinocitos. A través destas prolongacións dendríticas traspasan os melanocitos aos queratinocitos. A melanina almacénase entón nos queratinocitos arredor do núcleo, onde protexe o ADN dos danos causados pola luz ultravioleta. Por tanto, os queratinocitos non producen melanina, senón que a captan dos melanocitos.
Capas da epiderme miniatura|dereita|Estratos da epiderme. Os queratinocitos están en continua renovación e pasan progresivamente da capa basal ás zonas superiores, por diferenciación celular, ata a capa córnea, onde forman unha capa de células mortas en forma de escamas e rica en queratina, que se van pouco a pouco desprendendo. Calcúlase que poden tardar ata un mes no traxecto desde a capa basal (capa xerminativa) ata a capa córnea (de 15 a 30 días), aínda que o proceso pode verse acelerado en casos de hiperproliferación de queratinocitos (psoríase).
A epiderme divídese en 5 capas segundo a morfoloxía dos queratinocitos, que da máis interna á máis externa son D. W. Fawcett. Tratado de Histología. Editorial Interamericana-Mc. Graw Hill. 11ª edición. Páxinas 550-558. ISBN 84-7605-361-4:
1.- Capa xerminativa ou de rexeneración. Capa basal veciña á derme, de células cuboideas con moitos desmosomas e hemidesmosomas, onde se forman novos queratinocitos por mitose.
2.- Capa espiñosa. Células con moitos gránulos e tonofilamentos
3.- Capa granulosa. Células con gránulos de queratohialina e con corpos laminados membranosos, que verten lípidos impermeables nos espazos intercelulares.
4.- Capa lúcida. A queratinización está bastante avanzada e as células perderon xa o seu núcleo.
5.- Capa córnea. O contido en queratina chega ata o 85 % da proteína total e as moléculas son de maior peso molecular e con máis enlaces cruzados disulfuro ca as das queratinas das capas inferiores. Fórmase unha capa proteica insoluble debaixo da membrana plasmática. A célula morre, desaparecen o núcleo e orgánulos e acaba por desprenderse por descamación na parte máis externa (estrato de descamación).
Células queimadas polo sol
Unha célula epitelial queimada polo sol é un queratinocito cun núcleo picnótico (con condensación irreversible da cromatina) e un citoplasma eosinófilo, que aparece despois da exposición aos raios ultravioleta C ou B ou tamén aos A en presenza de psoralenos (substancias usadas en certos tratamentos de problemas cutáneos). Mostran unha queratinización prematura e anormal, e o proceso foi descrito como un exemplo de apoptose.
Notas
Véxase tamén
Outros artigos Melanocito Pel Corneocito
Ligazóns externas
Categoría:Histoloxía