miniatura|Bandeira da Unión Europea. O crédito académico é a unidade convencional de tempo coa que se computa o proceso de ensino-aprendizaxe na universidade. Esta unidade é unha convención que se adopta de forma diferente segundo os países e as épocas. Até o acordo europeo sobre o Sistema Europeo de Transferencia e Acumulación de Créditos, máis coñecido como ECTSPronunciado "eceteese" (European Credit Transfer and Accumulation System), os créditos variaban entre os sistemas universitarios dos diferentes países europeos. En España, un crédito equivalía a 10 horas de docencia. O ECTS supón un acordo a nivel europeo para definir o crédito como unha unidade de tempo de 25 a 30 horas de dedicación do estudantes.

Sistema Europeo de Transferencia e Acumulación de Créditos O Sistema Europeo de Transferencia e Acumulación de Créditos é un sistema utilizado polas universidades europeas para definir o tempo que inverte un estudante na súa formación. Utilízase para diversas fins como validar cursos, recoñecer equivalencias formativas ou deseñar planos de formación. O tratado da Unión Europea permite a libre circulación dos traballadores entre os países membros mais as dificultades de recoñecemento dos títulos académicos viña dificultando esta posibilidade. Á hora de comparar titulación, un dos problemas é a definición da formación recibida e, neste proceso, a cuantificación do tempo requirido é esencial. Por exemplo, se, para ser físico, un estudante aprendeu a realizar experimentos con partículas atómicas, é de axuda saber como o aprendeu mais tamén durante canto tempo o estivo aprendendo.

Este proceso de unificación dos deseños formativos universitarios a nivel europeo coñécese como Proceso de Bologna e ten que dar lugar ao chamado Espazo Europeo de Educación Superior (identificado coas súas iniciais: EEES). Este sistema foi o único na práctica a partir de 2010 cos novos deseños de planos de estudo denominados graos e posgraos e a desaparición progresiva das anteriores diplomaturas e licenciaturas.

Innovacións introducidas Os ECTS non son unha simple unidade de tempo. Introducen algúns cambios relevantes que deben considerarse para o seu manexo adecuado: O tempo considerado non se refire a horas de aulas impartidas polos profesores senón ás horas invertidas polos estudantes. Deste xeito, se unha disciplina ten 6 créditos ECTS, as 150 horas que representan inclúen as horas de clase directa, os traballos en grupo ou individuais, as lecturas, as titorías individuais ou en grupo, o estudo da materia, o traballo en laboratorio ou de campo, a realización de probas escritas etc. O profesorado debe deseñar as disciplinas considerando como debe aprender o estudante e consecuentemente como debe ensinar. Reforza a relación entre ensino e aprendizaxe de modo que o ensino deixa de ser un proceso de transferencia de contidos e debe pasar a preocuparse pola aprendizaxe conseguida nos estudantes. Calquera título universitario outorgado en Europa, no Espazo Europeo de Educación Superior, terá de ser recoñecido polos países membros para todos os efectos, incluídos os laborais. Calquera estudante terá máis facilidades para moverse dunha universidade a outra dentro dese espazo formativo de modo que poderá recibir a súa formación en diversas universidades sen topar tantos problemas como os que se detectaron con programas de intercambio como o Programa Erasmus.

Aplicacións A creación dos ECTS ten unha serie de aplicación prácticas que se observan na universidade europea desde 2010:

Deseño de planos de estudo Os graos, posgraos e doutoramentos das universidades deben deseñarse utilizando unidades de tempo ECTS. Isto leva consigo que o número de créditos dos planos de estudo e das materias permanecen de forma similar pero o número de horas que representan é superior porque inclúe horas de dedicación non docentes.

Organización de horarios Os horarios describen o contido dos créditos levando á descrición do seu contido. Deste xeito, descríbense de forma explícita as horas dedicadas a outras actividades como as titorías individuais ou grupais e mesmo outras tarefas.

Definición do proceso de ensino-aprendizaxe O proceso de ensino-aprendizaxe define con maior precisión todas as actividades ás que se ten que dedicar o estudante. Este cambio de referencia (desde a perspectiva do estudante) entra en consonancia con outros cambios do Proceso de Bologna como a definición por competencias dos títulos académicos.

Recoñecemento da formación adquirida A formación adquirida noutras universidades, mesmo doutros países europeos, e doutros niveis e modalidades pode recoñecerse con maior facilidade. Aínda que deben considerarse outros parámetros, o tempo pasa a ser unha referencia fundamental. Ao facilitar este recoñecemento, tamén será máis doada e máis efectiva a mobilidade dos estudantes dunha universidade a outra.

Notas

Véxase tamén

Outros artigos Espazo Europeo de Educación Superior Sistema Europeo de Transferencia e Acumulación de Créditos

Bibliografía De Pablos Pons (2006). El proceso de integración en el Espacio Europeo de Educación Superior: Necesidades y demandas del profesorado de la Universidad de Sevilla. Sevilla: Universidad de Sevilla. Feliz Murias, T. (2010). Diseño de programas de Educación Social. Madrid: McGraw Hill. Vega Gil, L. El Proceso de Bolonia y la Educación Comparada: miradas críticas. Salamanca: Universidad de Salamanca.

Ligazóns externas Información da Comisión Europea sobre ECTS Erasmus Información do Ministerio de Educación español sobre o Proceso de Bologna

Categoría:Ensino superior