Sonic the Hedgehog (en ; en ) é un personaxe creado polos deseñadores de videoxogos Yuji Naka e Naoko Oshima. Trátase do protagonista da franquía Sonic the Hedgehog e a mascota da empresa de videoxogos nipoa Sega, substituíndo a Alex Kidd en 1991. Sonic é un ourizo cacho azul antropomorfo que pode correr a velocidade supersónica. Adoita correr a través dos niveis, colectando aneis e evitando obstáculos, namentres tenta derrotar ao vilán, o doutor Eggman. Acompañan a Sonic unha serie de personaxes secundarias, como o seu mellor amigo Tails, a súa namorada Amy ou o seu rival Knuckles.
Sonic fixo a súa primeira aparición como cameo no xogo de arcade Rad Mobile (1990), para logo debutar como protagonista en Sonic the Hedgehog, un videoxogo de plataformas para a Mega Drive. Sonic buscaba unha mascota que puidera competir con Mario, de Nintendo, polo que Oshima deseñou ao ourizo azul en base a un prototipo programado por Naka. Entre as influencias artísticas, cabe incluír ao gato Félix, a Mickey Mouse, a Michael Jackson e a Papá Noel; a súa pigmentación escolleuse para combinar co logo azul cobalto de Sega. Yuji Uekawa redeseñou a Sonic para o Sonic Adventure de 1998, adaptándoo á transición cara a gráficos 3D por ordenador, cunha aparencia máis madura que atraese tamén a xogadores de máis idade.
As obras da franquía presentan a Sonic como un ourizo impaciente, sarcástico e destemido que odia a inxustiza. Adoita loitar contra Eggman, un científico tolo que busca roubar as máxicas esmeraldas do caos para dominar o mundo. Sonic pode anicarse como unha bóla para atacar aos seus inimigos, e usar o poder das esmeraldas do caos para facerse invulnerable. Apareceu en máis de 100 xogos, así como noutras franquías de Sega e en obras alleas, como a serie Super Smash Bros. de Nintendo. En xaponés, Jun'ichi Kanemaru deulle voz ao ourizo azul.
Sonic é un dos personaxes máis famosos da historia dos videoxogos, así como unha figura célebre da cultura popular. A súa sona inspirou multitude de imitacións. A saga de Sonic the Hedgehog é unha das máis vendidas do mundo, e contribuíu ao éxito de Sega durante a era dos 16-bit da década de 1990. Sonic foi adaptado á banda deseñada, á animación e ao cinema, incluíndo unha saga de películas de imaxe real.
Categoría:Personaxes de videoxogos Categoría:Mascotas