A hormona liberadora da hormona do crecemento (GHRH), tamén chamada factor liberador da hormona do crecemento (GRF ou GHRF), somatoliberina ou somatocrinina, é unha hormona peptídica hipotalámica, que ten como misión estimular a liberación da hormona do crecemento (GH). Trátase dun péptido de 44 aminoácidos producido no núcleo arqueado do hipotálamo.
A GHRH aparece no hipotálamo humano entre as 18 e 29 semanas de xestación, o que se corresponde co inicio da produción de hormona do crecemento no feto.
Orixe
A GHRH libérase nos terminais nerviosos neurosecretores das neuronas do núcleo arqueado hipotalámico, e é transportada por vía sanguínea polo sistema portal hipotalámico-hipofisario ata a adenohipófise ou pituitaria anterior, onde estimula a secreción de hormona do crecemento (GH) ao unirse ao receptor da GHRH das células hipofisarias. A GHRH libérase dun modo pulsátil, estimulando unha liberación de GH tamén pulsátil. Ademais, a GHRH tamén promove o sono de ondas lentas de forma directa. A GH requírese para o crecemento normal posnatal, crecemento dos ósos, e polos seus efectos reguladores sobre o metabolismo das proteínas, carbohidratos, e lípidos.GeneGlobe -> GHRH Signaling Retrieved on May 31, 2009
Estrutura Está codificada nun xene do cromosoma 20 humano. A secuencia de 44 aminoácidos da GHRH humana é:
HO - Tyr - Ala - Asp - Ala - Ile - Phe - Thr - Asn - Ser - Tyr - Arg - Lys - Val - Leu - Gly - Gln - Leu - Ser - Ala - Arg - Lys - Leu - Leu - Gln - Asp - Ile - Met - Ser - Arg - Gln - Gln - Gly - Glu - Ser - Asn - Gln - Glu - Arg - Gly - Ala - Arg - Ala - Arg - Leu - NH2
Efectos
A GHRH estimula a produción e liberación de GH ao unirse ao receptor da GHRH (GHRHR) da membrana das células da adenohipófise.
Receptor
O receptor da GHRH é un membro da familia da secretina de receptores acoplados á proteína G, e o seu xene está localizado no cromosoma 7. Esta e unha proteína transmembrana con 7 pregamentos, cun peso molecular de aproximadamente 44 kD.
Modo de acción
A unión da GHRH ao seu receptor orixina un incremento na produción de GH principalmente pola vía dependente do AMP cíclico, pero tamén pola vía da fosfolipase C (vía IP3/DAG), e outras vías menores.
A vía dependente do AMPc iníciase coa unión da GHRH ao seu receptor, o que fai que o receptor adopte unha conformación que activa a a subunidade Gs alfa do complexo da proteína G acoplada no lado intracelular. Isto ten como resultado a estimulación da adenilato ciclase unida á membrana e incrementa o AMPc intracelular. O AMPc únese ás subunidades reguladoras da proteína quinase A, activándoas e permitindo que as subunidades catalíticas libres se transloquen ao núcleo e fosforilen o factor de transcrición CREB. O CREB fosforilado, xunto cos seus coactivadores, p300 e proteína de unión ao CREB (CBP) amplifican a transcrición de GH uníndose aos CREs (elementos de resposta ao AMPc) na e rexión promotora do xene da GH. Isto tamén incrementa a transcrición do xene do receptor da GHRH, por retroalimentación positiva.
Na vía da fosfolipase C, a GHRH estimula a fosfolipase C (PLC) por medio do complexo βγ das proteínas G heterotriméricas. A activación da fosfolipase C produce diacilglicerol (DAG) e inositol trifosfato (IP3), e este último fai que se libere Ca2+ intracelular desde o retículo endoplasmático, incrementando a concentración de Ca2+ citosólico, que orixinará a fusión das vesículas secretoras e a liberación da hormona do crecemento que conteñen previamente fabricada.
Parte do fluxo de Ca2+ é resultado tamén da acción directa do AMPc, o cal é diferente da vía dependente do AMPc normal de activación da proteína quinase A.
A activación dos receptores da GHRH pola GHRH tamén produce a apertura das canles de Na+ polo fosfatidilinositol 4,5-bisfosfato, que causa a despolarización da célula. O cambio resultante na voltaxe intracelular abre unha canle de calcio dependente de voltaxe, o que dá lugar á fusión de vesículas secretoras e liberación de GH.
Relacións entre a GHRH e a somatostatina
As accións da GHRH son as opostas ás da somatostatina (ou hormona inhibidora da hormona do crecemento). A somatostatina libérase das terminacións nerviosas neurosecretoras das neuronas de somatostatina periventriculares, e chega por vía sanguínea á adenohipófise, onde inhibe a secreción de GH. A somatostatina e a GHRH segréganse de forma alternante, orixinando o tipo de secreción marcadamente pulsátil que presenta a GH.
Outras funcións
A expresión da GHRH foi demostrada tamén en tecidos periféricos lonxe do seu sitio principal de produción, que é o hipotálamo, como, por exemplo, no páncreas, mucosa gastrointestinal e, de forma patolóxica, en células tumorais.
Análogos da GHRH O análogo da GHRH tesamorelina (nome comercial Egrifta) é un fármaco usado no tratamento da lipodistrofia en pacientes infectados polo VIH sometidos a unha terapia antiviral moi activa, que foi aprobado pola FDA en EEUU en novembro de 2010. Quimicamente é o (3E)-hex-3-enoíl-GHRH.World Health Organisation: INN List 57 pode tamén reducir as perdas cognitivas nas persoas vellas.
Tamén se fixeron investigacións iniciais cos análogos Pro-Pro-hGHRH(1-44)-Gly-Gly-Cys, CJC-1295, CJC-1293 e Sermorelina.
Notas
Categoría:Hormonas