miniatura|dereita|Dímero de activina (de 2ARV.pdb).

A activina é unha hormona proteica dímera segregada polas gónadas, hipófise e placenta. A activina fai aumentar a síntese e secreción de hormona estimulante dos folículos (FSH) e participa na regulación do ciclo menstrual. Describíronse ademais moitas outras funcións da activina, como influír na proliferación celular, diferenciación celular, apoptose, metabolismo, homeostase, respostas inmunitarias, curación de feridas, e funcións endócrinas.

A activina actúa conxuntamente coa hormona inhibina, moi relacionada con ela e con estrutura química similar (teñen unha subunidade igual). A activina e a inhibina teñen efectos opostos.

Estrutura A activina é unha proteína dímera composta por dúas subunidades beta moi similares ou idénticas (e similares á unidade beta da inhibina). Os dous monómeros que forman o dímero de activina están unidos por unha ponte disulfuro. A activina pertence á superfamilia proteica do TGF-β, xunto coa inhibina e outras proteínas estruturalmente relacionadas como a hormona antimülleriana, a proteína morfoxenética ósea, e o factor de diferenciación do crecemento.

Na táboa móstranse os complexos de activina máis comúns:

Clase Actividade Complexo Subunidades do dímero 1 2 Activina estimula a secreción de FSH Activina A βA βA Activina AB βA βB Activina B βB βBminiatura|esquerda|330px|Diagrama esquemático das estruturas das activinas e das inhibinas relacionadas. A liña negra que une os monómeros representa unha ponte disulfuro.

A similitude entre as subunidades beta é do 65% (e teñen un 25% de homoloxía coa subunidade alfa da inhibina).

Nos mamíferos, describíronse catro subunidades beta, chamadas activina βA, activina βB, activina βC e activina βE. A activina βA e a βB son idénticas ás dúas subunidades beta da inhibina. Describiuse unha quinta subunidade, a activina βD, no anfibio Xenopus laevis. A unión de dúas subunidades de activina βA dá lugar á activina A, a unión dunha subunidade βA e unha βB orixina a activina AB, e así sucesivamente. Atopáronse varios heterodímeros, aínda que non todos os teoricamente posibles.

A subunidade βC pode formar heterodímeros de activina coas subunidades βA ou βB pero non pode dimerizarse coa subunidade α da inhibina.

Funcións A activina prodúcese nas gónadas, hipófise (ou pituitaria), placenta, e outros órganos, e exerce as seguintes funcións:

No folículo ovárico, a activina actúa incrementando a unión da FSH e a aromatización inducida pola FSH. Participa na síntese de andróxenos potenciando a acción da hormona luteinizante (LH) no ovario e testículos. Nos machos, a activina aumenta a espermatoxénese. A activina exprésase en abundancia na pel ferida, e a sobreexpresión da activina na epiderme de ratos transxénicos mellora a curación de feridas e favorece a cicatrización. A súa acción na reparación de feridas e na morfoxénese da pel realízase a través da estimulación dos queratinocitos e células estromais dun modo dependente da dose. A activina tamén regula a morfoxénese de órganos como a próstata, pulmóns, e especialmente os riles. A activina A incrementa o nivel de expresión do coláxeno tipo I, o que suxire que a activina A actúa como un activador potente dos fibroblastos. A falta de activina durante o desenvolvemento orixina defectos no desenvolvemento neural.

Mecanismo de acción As activinas interaccionan con dous tipos de receptores de superficie transmembrana, denominados tipo I e II, os cales teñen actividades intrínsicas de serina/treonina quinase nos seus dominios citoplasmáticos:

Receptores de activina tipo 1: ACVR1, ACVR1B, ACVR1C. Receptores de activina tipo 2: ACVR2A, ACVR2B.

A activina únese ao receptor tipo II e inicia unha cascada de reaccións que leva ao recrutamento, fosforilación, e activación do receptor de activina tipo I. Este despois interacciona cos SMAD2 e SMAD3 e despois fosforílaos, os cales son dúas das proteínas citoplasmáticas SMAD.

O SMAD3 despois translócase ao núcleo celular e interacciona co SMAD4 a través da multimerización, orixinando na súa modulación como factores de transcrición responsables da expresión dunha gran variedade de xenes.

Véxase tamén Outros artigos Inhibina

Ligazóns externas MeshName - Activin

Notas

Categoría:Hormonas Categoría:Aparato reprodutor Categoría:Proteínas