A relaxina (/ks/) é unha hormona proteica descrita en 1926 por Frederick Hisaw.
A familia de péptidos similares á relaxina pertence á superfamilia da insulina e consta de 7 péptidos de gran semellanza estrutural pero baixa semellanza secuencial, que son as relaxinas 1 (RLN1), 2 (RLN2) e 3 (RLN3), e os péptidos similares á insulina (INSL), INSL3, INSL4, INSL5 e INSL6. As funcións da relaxina-3, INSL4, INSL5, e INSL6 non foron aínda caracterizadas.
Síntese Na femia prodúcese no corpo lúteo do ovario, no peito e, durante o embarazo, na placenta, corion, e decidua.
No macho prodúcese na próstata e está presente no seme humano.
Estrutura Estruturalmente, a relaxina é un heterodímero formado por dúas cadeas peptídicas de 24 e 29 aminoácidos unidas por pontes disulfuro, e está relacionada coa insulina.
A relaxina prodúcese a partir da súa prohormona, "prorelaxina", á que se lle elimina unha cadea peptídica adicional.
Funcións Nos humanos Nos machos a relaxina potencia a motilidade de esperma no seme. Nas mulleres a relaxina prodúcese principalmente no corpo lúteo, tanto en mulleres preñadas coma non preñadas; a súa produción chega a un pico aproximadamente 14 días despois da ovulación, e despois declina se non hai embarazo, e prodúcese a menstruación. Durante o primeiro trimestre de xestación, os seus niveis aumentan e a decidua produce relaxina adicional.
O papel ou a necesidade de relaxina durante o embarazo humano aínda está a investigarse, xa que nos humanos o seu pico atínxese durante as 14 semanas do primeiro trimestre de embarazo e no parto. Crese que relaxa a sínfise pubiana.
Noutros animais Nos animais a relaxina alarga o óso pubiano e facilita o parto; abranda o cérvix (maduración cervical), e relaxa a musculatura uterina. Por esta razón, durante un longo tempo, a relaxina foi vista como unha hormona do embarazo. Porén, pode ter máis efectos. A relaxina afecta ao metabolismo do coláxeno, inhibe a síntese de coláxeno e aumenta a súa degradación ao incrementar as metaloproteinases da matriz. Tamén aumenta a anxioxénese e é un potente vasodilatador renal.
Receptores A relaxina interacciona co receptor da relaxina LGR7 (RXFP1) e o LGR8 (RXFP2), que pertencen á superfamilia de receptores acoplados á proteína G . Estes receptores conteñen un dominio transmembrana heptahelicoidal e un ectodominio glicosilado grande, vagamente relacionado cos receptores de hormonas glicoproteicas, como o receptor de LH ou o receptor de FSH.
Os receptores da relaxina atopáronse no corazón, músculo liso, tecido conectivo, e sistema nervioso central e autónomo.
Enfermidades Non se describiron trastornos específicos relacionados coa relaxina, aínda que se suxeriu que ten unha relación co escleroderma e a fibromialxia.
Notas
Ligazóns externas MeshName - Relaxin
Categoría:Hormonas Categoría:Aparato reprodutor