Simón José Antonio de la Santísima Trinidad Bolívar y Palacios, coñecido como Simón Bolívar (), e tamén coloquialmente por El Libertador, nado en Caracas o 24 de xullo de 1783 e finado en Santa Marta (Colombia) o 17 de decembro de 1830, foi un líder político e militar venezolanoHernández Sánchez-Barba, Mario, «Simón Bolívar y Palacios», Diccionario biográfico español, Real Academia de la Historia. que levou, a independizarse do Imperio español, aos que hoxe son os estados de Venezuela, Colombia, Ecuador, e Panamá, axudou tamén a consolidar a independencia do Perú, e aprobou o recoñecemento de Bolivia como república.

Liderou as campañas que deron a independencia a varias nacións americanas, ademais foi fundador da Gran Colombia. Tamén foi lexislador e redactor de constitucións, ambientalista e xurista. Levou a cabo o Congreso Anfictiónico de Panamá, para crear unha confederación hispanoamericana, que uniría desde México até a Arxentina. No entanto, debido a conflitos políticos económicos internos na Gran Colombia, non puido continuar con este proxecto emancipador que incluía a Cuba, Porto Rico, A Florida e do apoio militar á independencia das Provincias Unidas do Río da Prata. Polos seus actos durante a Campaña Admirable, outorgóuselle tamén o título de Libertador de Venezuela.

Bolívar naceu no seo dunha acomodada familia crioula e, como era habitual entre os herdeiros das familias de clase alta da época, cando tiña 16 anos foi enviado a España para completar a súa educación, trasladándose posteriormente a Francia. Durante a súa estadía en Europa coñeceu as ideas da Ilustración, que máis tarde o motivaron para derrocar o reinado colonial español en Suramérica. Aproveitando a desorde provocada pola Guerra da Independencia española, Bolívar comezou a súa campaña pola independencia en 1808. Despois da vitoria na batalla de Boyacá o 7 de agosto de 1819, o vicerreinado de Nova Granada deixou de ser efectivo, instaurando Bolívar a República da Gran Colombia nos territorios dos actuais estados de Colombia e Venezuela. A pesar de varios atrancos, incluída a chegada dunha forza expedicionaria española sen precedentes, a nova república quedou definitivamente consolidada despois do triunfo dos revolucionarios na Batalla de Carabobo en 1821. Nese mesmo ano incorpórase Panamá, e no ano seguinte a provincia de Quito, en maio, e a Provincia Libre de Guayaquil, en xullo. Bolívar foi presidente da Gran Colombia de 1819 a 1830.

En posteriores campañas, Bolívar liberou Perú e Bolivia, esta última nomeada así na súa honra. Foi simultaneamente presidente da Gran Colombia (formada polos actuais países de Venezuela, Colombia, Panamá e Ecuador), Perú e Bolivia, aínda que pouco despois o seu segundo ao mando, Antonio José de Sucre, foi nomeado presidente de Bolivia. Bolívar tiña como obxectivo unha América hispana forte e unida capaz de facer fronte non só ás ameazas que emanaban de España e da Santa Alianza europea, senón tamén do poder emerxente dos Estados Unidos. No punto álxido do seu poder, Bolívar gobernou un amplo territorio desde a fronteira arxentina ata o Caribe.

Bolívar loitou en 472 batallas, 79 das cales foron importantes; e durante as súas campañas montou a cabalo unha distancia de 123 000 quilómetros, que é dez veces máis que o percorrido por Haníbal, tres veces máis que Napoleón, e o dobre que Alexandre o Grande. Bolívar é visto coma unha icona nacional na maioría da Suramérica moderna, e está considerado un dos grandes heroes dos movementos de independencia da América Latina de comezos do século XIX, xunto con José de San Martín, Francisco de Miranda e outros. Cara a fin da súa vida, Bolívar amosou unha certa decepción. Atribúeselle a frase "arei no mar e sembrei no vento" cando se desmembrou a Gran Colombia; e nun discurso ao Congreso Constituínte da República de Colombia, Bolívar declarou: "Compañeiros cidadáns! Abofé en dicir isto: a independencia é o único beneficio que obtivemos, en detrimento de todo o resto".

Historia familiar Devanceiros O apelido paterno Bolívar procede da vila biscaína de Ziortza-Bolibar no País Vasco. Por liña materna, Bolívar descende de familias das Illas Canarias.

En 1589, procedente de Santo Domingo, onde estaba servindo ao noble e militar español Diego de Osorio, chegou a Venezuela o primeiro Bolívar, o contador Simón Otxoa de Bolíbar y la Rentería, coñecido como Simón de Bolíbar “o Vello”. Ía acompañando a Diego de Osorio cando este foi nomeado Gobernador e Capitán Xeneral de Venezuela, para desempeñar o cargo de Secretario de Residencia. Chegou a Venezuela co seu fillo, nado en Santo Domingo, Simón de Bolíbar "o Mozo".

O mozo Simón seguiu os pasos do seu pai e chegou a ser auditor da tesourería real. En 1593 recibiu unha encomenda polos seus servizos, sendo recompensado cunhas terras de labor no val de San Mateo, e casou coa filla doutro encomendero. Seguindo os costumes da época, o fillo do mozo Simón, Antonio, casou cunha muller doutra familia de encomenderos. O fillo de Antonio, Juan de Bolívar de Villegas (avó do Libertador) casou con María Petronila de Ponte y Marín. Con esta unión, Juan chegou a ser un dos homes máis ricos de Venezuela. Cómpre destacar a ascendencia galega do Libertador por parte da súa avoa, xa que o avó materno desta, Jacinto de Ponte y Andrade, era oriúndo de Santiago de Compostela.

Simón Bolívar era fillo de Juan Vicente Bolívar y Ponte e de María de la Concepción Palacios y Blanco, que eran membros destacados da aristocracia de Caracas. Cando casaron, en 1773, había entre eles unha gran diferenza de idade pois Juan Vicente, daquela, contaba con 47 anos e María de la Concepción, 15. Ademais de Simón, tiveron catro fillos máis: tres maiores que Simón -Juan vicente, María Antonia e Juana Nepomucena- e unha irmá máis pequena, María del Carmen, quen morreu aos poucos de nacer.

Árbore xenealóxica ascendente de Simón Bolívar

Primeiros anos miniatura|esquerda|upright|Casa natal de Simón Bolivar en Caracas. Infancia Simón naceu na noite do 24 ao 25 de xullo de 1783 nunha casa solariega situada na praza San Jacinto de Caracas. Foi bautizado o 30 de xullo de 1783 na catedral de Caracas cos nomes de Simón José Antonio de la Santísima Trinidad Bolívar Ponte y Palacios Blanco polo doutor Juan Félix Jerez de Aristeguieta, o seu primo irmán quen, de acordo con Juan Vicente, pai do neno, púxolle o nome de Simón. O segundo nome de Simón Bolívar (Santísima Trinidad) vén da capela na que foi bautizado, que ten ese mesmo nome, capela que ademais era propiedade da familia Bolívar e Palacios. Tiña tres irmáns: María Antonia (1777), Juana (1779) e Juan Vicente (1781).

Sendo Bolívar un neno este foi criado por unha amiga da súa nai, dona Inés Manceba de Miyares, xunto coa escrava desta, Matilda, e pola escrava da familia, Hipólita, experiencia que tivo unha gran transcendencia na súa vida. O pai de Simón morreu de tuberculose en xaneiro de 1786, cando Simón tiña apenas dous anos de idade. Concepción quedou como cabeza de familia, velando eficientemente polos intereses da familia até a súa morte.

Con todo, as responsabilidades fixeron que a súa saúde, tamén enferma de tuberculose, decaese rapidamente e, segundo a opinión de médicos historiadores, é posible que xa entón Bolívar sufrise a primo-infección tuberculosa, este é un tipo de tuberculose que pasa inadvertida mentres as defensas corporais son favorables.

Concepción morreu o 6 de xullo de 1792, cando Simón tiña nove anos, pero tomando a precaución de facer un testamento no que dispuxo quen debería facerse cargo dos seus fillos.

Despois da morte da súa nai, Bolívar quedou dous anos baixo a custodia do instrutor Miguel José Sanz, despois do cal foi enviado de volta ao seu fogar.

Os irmáns Bolívar pasaron entón á custodia do seu avó, Feliciano Palacios, que cando asumiu o papel de titor sentiase tan enfermo que empezou a preparar tamén o seu testamento para designar un substituto como titor dos seus netos e decidiu pedir opinión a estes para respectar a súa vontade.

Simón foi confiado a Esteban Palacios y Blanco, un dos seus tíos maternos, pero como este se atopaba en España permaneceu baixo a custodia de Carlos Palacios y Blanco, outro dos seus tíos, que polo visto era un home co que non se levaba ben e que era basto, de carácter duro, mentalidade estreita, que se ausentaba frecuentemente de Caracas para atender as súas propiedades e que por tanto adoitaba deixar ao seu sobriño atendido pola servidume e asistindo pola súa conta á Escola Pública de Caracas. Educación miniatura|upright|Simón Rodríguez foi mestre de Bolívar. A traxectoria escolar de Bolívar non foi moi brillante como alumno da Escola Pública, institución administrada polo cabido de Caracas que funcionaba de forma deficiente debido á carencia de recursos e organización.

Naquel entón, Simón Rodríguez era mestre de Bolívar nesta escola. Carlos Palacios y Blanco, tío materno de Bolívar, pensaba envialo a vivir con el porque non podía atendelo persoalmente e as protestas da súa sobriña María Antonia sobre a educación e atencións que recibía o seu irmán eran frecuentes.

Ante a perspectiva de vivir co seu mestre, Simón escapou da casa do seu tío o 23 de xullo de 1795, para refuxiarse na casa da súa irmá María Antonia, que exerceu a súa custodia temporal, ata que se resolveu o litixio xudicial na Real Audiencia de Caracas que devolveu a Carlos a custodia de Simón.

Simón tratou de resistirse, pero foi sacado pola forza de casa da súa irmá e levado polo aire por un escravo até a vivenda do seu mestre.

Unha vez alí, as condicións nas que vivía co mestre Rodríguez non eran as ideais, tiña que compartir o espazo con 20 persoas nunha casa non apta para iso, e por isto Simón escapou de alí un par de veces, nas que terminou volvendo por orde dos tribunais.

A pesar das dificultades, a relación mestre-alumno foi frutífera e reveladora para ambos. A aprendizaxe foi mutuo. Bolívar chamou a Rodríguez "O Sócrates de Caracas" e "filósofo cosmopolita". A profunda admiración que sentia Bolívar polo seu mestre quedou documentada nunha carta do 19 de xaneiro de 1824, na que comeza dicindo: "Oh, o meu Mestre" e prosegue máis adiante: "Sen dúbida é vostede o home máis extraordinario do mundo". Temas de conversación entre Rodríguez e Bolívar non se coñecen de primeira man nin documentalmente, máis cando Rodríguez tiña 33 anos e Bolívar de 21, mestre o primeiro, discípulo o segundo, aquel escribiu "aseguro que fun discípulo, pois por adiviñación el sabía máis que eu por meditación e estudo".

Ao pouco tempo, Rodríguez renunciou ao seu cargo de mestre para irse a Europa e a Real Audiencia de Caracas determinou que Simón fose trasladado á Academia de Matemáticas, dirixida polo pai Andújar e que funcionaba en casa do seu tío Carlos. A amizade entre os dous perdurou por sempre.

Ao parecer, nesta academia a formación de Bolívar mellorou notablemente en calidade e cantidade, e foi complementada con leccións de Historia e Cosmografía impartidas por Andrés Bello até o seu ingreso no Batallón de Milicias de brancos dos Vales de Aragua o 14 de xaneiro de 1797.

Existe a falsa idea de que entre 1793 e 1795, estivo inscrito no Colexio Real de Sorèze no Sur de Francia, no departamento de Tarn.

A demais recibiu educación privada dos renomeados profesores Guillermo Pelgrón, José Antonio Negrete, Fernando Vides, o pai Andújar, e Simón Rodríguez, anteriormente coñecido como Simón Carreño. Simón Rodríguez converteuse en profesor, amigo e mentor de Simón Bolívar. Apredendeulle a nadar e cabalgar, así como nocións de liberdade, dereitos humanos, política, historia e socioloxía. Posteriormente, Rodríguez foi fundamental na decisión de Bolívar de comezar a revolución, inculcando nel as ideas de independencia, iluminación e liberdade. Mentres tanto, Bolívar foi coidado principalmente pola súa neneira, a escrava Hipólita, á que despois chamou "a única nai que coñecín". Primeira viaxe a Europa e matrimonio