miniatura|200px|O estróxeno estriol. Leva dous grupos hidroxilo (-OH) unidos ao anel D (o anel da dereita) e outro no anel A. Denomínase E3 porque ten 3 grupos OH. miniatura|200px|O estróxeno estradiol. Leva un grupo hidroxilo unido ao anel D e outro no A (á esquerda). A partícula 'di' e a denominación E2 refírense a que ten 2 grupos OH. miniatura|200px|O estróxeno estrona. Leva un grupo cetona no anel D. Denomínase E1 porque ten 1 só grupo OH.
Os estróxenos son un grupo de compostos con actividade hormonal chamados así pola súa importancia no control do ciclo estral nos humanos e outros animais (que vén do grego οἶστρος oistros, que significa figurativamente desexo sexual). Son as principais hormonas sexuais femininas, aínda que o home produce tamén pequenas cantidades de estróxenos. Os estróxenos naturais son hormonas esteroides, e os sintéticos non son esteroides.
Todos os vertebrados sintetizan estróxenos e tamén algúns insectos. A súa presenza en vertebrados e insectos suxire que as hormonas sexuais estroxénicas teñen unha historia evolutiva moi antiga.
Os estróxenos forman parte dalgúns contraceptivos orais, e da terapia de substitución hormonal para mulleres menopáusicas, e do tratamento hormonal ao que se someten as mulleres trans para a súa transición hormonal.
Como todas as hormonas esteroides, os estróxenos difúndense con facilidade a través da membrana plasmática. Unha vez dentro da célula, únense e activan o receptor de estróxenos, que á súa vez regulan a expresión de moitos xenes. Ademais, os estróxenos activan os receptores acoplados á proteína G, GPR30.
Tipos de estróxenos Esteroides endócrinos
Os tres principais estróxenos naturais nas mulleres son a estrona (E1), estradiol (E2), e estriol (E3), os cales supoñen, respectivamente, o 10-20%, 10-30%, e 60-80% dos estróxenos circulantes normalmenteNiveis hormonais. Aínda que o estriol é o máis abundante dos tres estróxenos é tamén o de actividade máis feble, mentres que o estradiol é o máis potente (80 veces máis ca o estriol e 12 veces máis ca a estrona)A. C. Guyton. Tratado de Fisiología médica. Interamericana. 6ª edición. Páxina 1191. ISBN 84-7605-029-1.. Xa que logo, o estradiol é o estróxeno máis importante nas mulleres que non están preñadas e están no período fértil das súas vidas. Porén, durante o embarazo este papel de estróxeno principal pasa ao estriol, e nas mulleres posmenopáusicas a estrona faise a forma principal de estróxeno do corpo. Durante o embarazo prodúcese ademais outro tipo de estróxeno chamado estetrol (E4). Todas estas formas de estróxenos sintetízanse a partir de andróxenos, especificamente a partir da testosterona e androstenediona, polo encima aromatase.
O Premarin un fármaco estroxénico frecuentemente prescrito producido a partir da urina de eguas preñadas, contén os estróxenos esteroides equilina e equilenina. Existen parches cutáneos de estradiol, que son unha alternativa a este tratamento.
miniatura|350px|Rangos de referencia para análises de sangue nos que se mostra o contido sanguíneo de estradiol, o principal tipo de estróxeno, durante o ciclo menstrual.References and further description of values are given in image page in Wikimedia Commons at Commons:File:Estradiol during menstrual cycle.png.
Non endócrinos Foron identificadas tamén diversas substancias naturais non esteroides, que teñen actividade estroxénica (similar á dos estróxenos) ou sintéticas. Entre elas están:
Substancias sintéticas chamadas xenoestróxenos. Produtos vexetais con actividade estroxénica chamados fitoestróxenos. Produtos de orixe fúnxica chamados micoestróxenos.
A diferenza dos estróxenos producidos polos mamíferos, estas substancias non son necesariamente esteroides.
Biosíntese miniatura|dereita|450px|Esteroidoxénese, cos estróxenos na parte inferior dereita dentro do triángulo rosa.
Os estróxenos prodúcense principalmente nos ovarios polos folículos ováricos en desenvolvemento, o corpo lúteo, e tamén pola placenta. A hormona estimulante dos folículos (FSH) estimula a produción de estróxenos nas células da granulosa do ovario. Algúns estróxenos prodúcense tamén en pequenas cantidades noutros tecidos como o fígado, glándulas adrenais ou suprarrenais, e nos seos. Estas formas secundarias de estróxenos son especialmente importantes nas mulleres posmenopáusicas. Os adipocitos tamén producen estróxenos,
Nas mulleres a síntese de estróxenos empeza nas células da teca interna do ovario, pola síntese de androstenediona a partir de colesterol. A androstenediona é unha substancia de actividade androxénica moderada. Este composto cruza a membrana basal e pasa ás células da granulosa que a rodean, onde se converte en estrona ou estradiol, de forma directa ou a través da testosterona. A conversión de testosterona en estradiol, e de androstenediona en estrona, está catalizada polo encima aromatase.
Os niveis de estradiol varían durante o ciclo menstrual, e chegan ao seu nivel máis alto xusto antes da ovulación.
Funcións As accións dos estróxenos son mediadas polo receptor de estróxenos (ER), unha proteína dímera do núcleo celular que se une ao ADN e controla a expresión xénica. Como ocorre con outras hormonas esteroides, os estróxenos entran pasivamente na célula, e únense e activan o seu receptor. O complexo estróxeno:receptor de estróxenos únese a secuencias específicas do ADN chamadas elemento de resposta a hormonas para así activar a transcrición duns 137 xenes regulados polo receptor de estróxenos, dos cales 89 son dianas directas.TI - Discovery of estrogen receptor alpha target genes and response elements in breast tumor cells. FAU - Lin, Chin-Yo, SO - Genome Biol. 2004;5(9):R66. Epub 2004 Aug 12. PMID- 15345050 Como os estróxenos entran en todas as células, a súa acción depende da presenza ou non do receptor de estróxenos na célula. O receptor de estróxenos exprésase só en tecidos específicos, como o ovario, útero e seo.
Os estróxenos están presentes tanto nos homes coma nas mulleres, pero en cantidades moito maiores nas mulleres en idade reprodutiva. Promoven o desenvolvemento dos caracteres sexuais secundarios femininos, como as mamas, e están tamén implicados no engrosamento do endometrio e outros aspectos na regulación do ciclo menstrual. Nos homes, os estróxenos regulan certas funcións do aparato reprodutor importantes para a maduración do esperma e poden ser necesarios para ter unha libido saudable. Ademais, inducen outros varios cambios estruturais e outras funcións.
Estrutural: Promoven a formación das características sexuais secundarias femininas. Aceleran o metabolismo. Aumentan as reservas de graxa. Estimulan o crecemento do endometrio. Incrementan o crecemento uterino. Incrementan a lubricación vaxinal. Engrosan a parede da vaxina. Manteñen os vasos sanguíneos e a pel. Reducen a reabsorción ósea, incrementan a formación de óso. Síntese de proteínas: Acrecéntase a produción hepática de proteínas de unión. Coagulación: Increméntase o nivel dos factores de coagulación circulantes, como o 2, 7, 9, 10, e o plasminóxeno. Decrece a antitrombina III. Aumenta a adhesividade das plaquetas. Lípidos: Aumentan as lipoproteínas de alta densidade (HDL), e triglicéridos. Decrecen as lipoproteínas de baixa densidade (LDL), e o depósito de graxas. Balance de fluídos: Retención de sal (sodio) e auga. Incremento de cortisol, e SHBG. Tracto gastrointestinal: Reducen a motilidade intestinal. Aumentan o colesterol na bile. Melanina: Incrementan a feomelanina, reducen a eumelanina. Cancro: Axudan ao desenvolvemento do cancro de mama sensible a hormonas (véxase máis abaixo) Función pulmonar: Promoven a función pulmonar alveolar (en roedores e probablemente en humanos).
Desenvolvemento fetal
Nos ratos os estróxenos (que se aromatizan localmente no cerebro a partir de andróxenos) xogan un importante papel na diferenciación psicosexual, por exemplo, masculinizan o comportamento territorial; pero isto non se produce en humanos. Nos humanos, os efectos masculinizantes dos andróxenos prenatais no comportamento (e noutros tecidos, coa posible excepción dos ósos) parecen actuar exclusivamente por medio do receptor de andróxenos. Como resultado de todo isto, a utilidade do uso de modelos de roedores para estudar a diferenciación psicosexual humana foi cuestionada.
Saúde mental Considérase que os estróxenos xogan un papel significativo na saúde mental das mulleres. Unha privación repentina de estróxenos, ou flutuación, ou períodos de tempo con niveis baixos sostidos de estróxenos correlaciónase cun decaemento significativo do estado de ánimo. As depresións posparto, da perimenopausa, e da posmenopausa desaparecen cando os niveis de estróxenos se estabilizan ou son restaurados.
Os niveis baixos de estróxenos no rato de laboratorio macho poden ser unha causa do trastorno obsesivo-compulsivo (OCD). Cando no rato macho os niveis de estróxenos soben polo aumento da actividade do encima aromatase, os rituais do trastorno obsesivo-compulsivo decrecen drasticamente. Os niveis de proteínas hipotalámicas do xene COMT son potenciados ao incrementárense os niveis de estróxenos, o cal se cre fai que os ratos que mostraban condutas obsesivas-compulsivas volvan á actividade normal. Sospéitase que, en última instancia, a deficiencia en aromatase, a cal está implicada na síntese de estróxenos, ten implicacións terapéuticas en persoas con trastorno obsesivo-compulsivo.
Aplicacións médicas Contraceptivos orais
Como o estróxeno circulante en sangue pode ter unha retroalimentación negativa que reduce os niveis circulantes de hormona estimulante dos folículos (FSH) e de hormona luteinizante (LH), a maioría dos contraceptivos orais conteñen un estróxeno sintético, xunto cunha proxestina sintética. Mesmo nos homes, a principal hormona implicada na retroalimentación negativa da LH é o estradiol máis que a testosterona.
Terapia de substitución hormonal Na terapia de substitución hormonal os estróxenos e outras hormonas adminístranse a mulleres posmenopáusicas para evitar a osteoporose e tratar os síntomas da menopausa, como abafos, sequidade vaxinal, incontinencia urinaria, sensacións de frío, mareos, fatiga, irritabilidade, e suoración. As fracturas na espiña dorsal, pulsos e cadeiras diminúen nun 50-70% e a densidade ósea aumenta nun ~5% nas mulleres tratadas con estróxenos aos 3 anos do comezo da menopausa e durante os 5-10 anos seguintes.
Antes de que se comprendesen ben os danos específicos que podían producir os estróxenos equinos conxugados, a terapia estándar era a administración de 0,625 mg/día de estróxenos equinos conxugados (como Premarin). Hoxe coñécense os riscos asociados coa terapia con estróxenos equinos conxugados. Entre as mulleres posmenopáusicas máis vellas estudadas como parte da Iniciativa da Saúde da Muller (Women's Health Initiative, WHI), encontrouse que a suplementación con estróxeno equino conxugado estaba asociada cun incremento do risco de formación de coágulos sanguíneos perigosos. Nestes estudos utilizouse unha alta dose oral de Premarin equino só e con medroxiproxesterona acetato como PremPro.
Nun estudo feito polo Instituto Nacional da Saúde (NIH) dos Estados Unidos, os estróxenos esterificados non demostraron ter os mesmos riscos para a saúde cós estróxenos equinos conxugados. A terapia de substitución hormonal ten efectos favorables nos niveis séricos de colesterol, e cando se inicia inmediatamente despois de comezar a menopausa pode reducir a incidencia de enfermidades cardiovasculares, aínda que esta hipótese ten aínda que ser comprobada en ensaios aleatorios. Os estróxenos parecen ter un efecto protector sobre a aterosclerose, xa que fan baixar a cantidade de lipoproteínas LDL e triglicéridos, aumentan as lipoproteínas HDL e teñen propiedades de vasodilatación endotelial e un compoñente antiinflamatorio.