Boaventura de Bagnoregio nado na Toscana en 1221 e finado en Lión en 1274 foi un filósofo e teólogo, profesor da Universidade de París, superior da Orde franciscana e cardeal da Igrexa católica.
Traxectoria miniatura|300px|San Boaventura nunha pintura de Francisco Herrera el Viejo, 1628, Museo do Prado. O seu primeiro nome foi Giovanni da Fidanza. Obtivo o diploma en Arte. En 1243 pediu o ingreso na Orde franciscana ou de Freires Menores e asumiu o nome de Boaventura. Matriculouse na Facultade de Teoloxía de París obtendo os títulos de bacharel bíblico e bacharel sentenciario. A súa tese defendida para poder adicarse ao ensino versou sobre Cuestións verbo do coñecemento de Cristo.
Sufriu unha forte oposición por parte das autoridades académicas e relixiosas. Agromou unha violenta polémica debido a que círculos eclesiásticos moi influentes eran radicalmente contrarios ás innovacións que supoñían as ordes mendicantes seguindo os exemplos de Domingos de Guzmán e Francisco de Asís, non inseridos directamente na xerarquía eclesiástica e tendo a pobreza como eixo da súa vida. Neste conflito mediou o propio Papa Alexandre IV, que apoiou a presenza dos mendicantes na Universidade. Así, en 1257 acadou o título de doutor xunto co dominico Tomé de Aquino. Moi cedo, renunciou a ese cargo ao ser elixido como ministro xeral da Orde franciscana.
Boaventura dirixiu a Orde nun momento de grande expansión desta dende Marrocos ata China. Loitou por preservar o espírito de pobreza da Orde e conseguiu neutralizar os riscos de fractura debido as maneiras diferentes de interpretar a mensaxe do fundador. En 1260 o capítulo xeral de Narbona aceptou os seus principios e regras.
O Papa Gregorio X confioulle a preparación do II concilio de Lión cuxo principal obxectivo era conseguir a unidade da Igrexa Católica e a Igrexa Ortodoxa.
Pensamento Deus, orixe do universo, fonte de amor, é a verdade esencial e transcendente. Para chegar a el propón a vía iluminativa. As criaturas, animais, plantas e obxectos son coma unha linguaxe que manifestan vestixios do divino. O mundo expresa a Deus, é un libro escrito para ser lido polo home e lembrarlle sen cesar o amor do seu autor. A beleza de cada cousa e do universo enteiro convídanos a percibir directamente a Deus. As cousas fálannos da súa causa eficiente, formal e final. Porén onde atopamos unha auténtica imaxe do creador é no fondo da nosa interioridade, na alma mesma.
O entendemento do home non capta plenamente os obxectos se non a partir do ser puro absoluto e total. Isto permítenos coñecer os obxectos como o imperfecto e o relativo. A noción mesma de Deus implica a súa existencia. Boaventura concorda con Agostiño de Hipona en que o home encontra a Deus afondando en si mesmo. Isto non significa que o home poida comprender a esencia divina que sempre será para el inalcanzable. Pola súa parte, ningunha criatura é por si mesma unha razón suficiente da súa existencia
Aínda que defendeu o espírito de pobreza e o igualitarismo propios da orde franciscana, Boaventura saíu ao paso da idea en voga naquel momento dun ritmo trinitario da historia. Moitos franciscanos vían en Francisco de Asís o inicio dunha era do Espírito que superaba ás dúas eras anteriores: a do Antigo Testamento ou era do Pai, e a do Novo Testamento ou era do Fillo. Para Boaventura Deus é un e trino ao longo de toda a historia e é a Santa Trindade quen a conduce en todo o seu percorrido.
Porén, non renuncia a sacar conclusións da novidade que supuxo Francisco de Asís, o que lle leva a defender que, en teoloxía e nos acontecementos históricos, pode xurdir o novo. A historia conducida por Deus é renovación e progreso. Francisco de Asís pon de manifesto que a Palabra encarnada en Xesús de Nazaret e a acción do Espírito son inesgotables. A partir de Boaventura, os Pais da Igrexa, aínda que seguen a ser os grandes mestres no eido da teoloxía cristiá, xa non son considerados como o cumio ao que hai que ancorarse, senón que se empeza a admitir que poden agromar outras luces, que pode abrollar o novo. A obra de Cristo non retrocede senón que avanza.
Significación Foi canonizado o 14 de abril de 1482 e en 1588 foi nomeado doutor da Igrexa.
Obras Itinerarium mentis in Deum Quaestiones disputatae De reductione artium ad theologian Breviloquium Commentarii in Quattuor Libros Sententiarum Petri Lombardi De scientia Christi Legenda Maior Legenda Minor
Véxase tamén
Bibliografía Schauber-Schindler, Bildlexikon der heiligen. Múnic 1999 Étienne Gilson, La Philosophie au moyen age. París, 1952 Etienne Gilson, La Philosophie de Bonaventure, París, 1924 Pedro R. Santidrián, Diccionario de pensadores cristianos. Estella, 1999 Buenaventura, biógrafo e intérprete de Francisco de Asís, en José Antonio Guerra: Francisco de Asís, Escritos, Biografías, Documentos de la época, Madrid, 1995 Bissen, L´exemplarisme divine selon Bonaventure, París, 1929 Opera Omnia, trad. castellana en 6 vols, Madrid, 1955
Categoría:Filósofos de Italia Categoría:Teólogos católicos Categoría:Santos do catolicismo Categoría:Doutores da Igrexa Categoría:Nados en 1217 Categoría:Finados en 1274 Categoría:Franciscanos de Italia