Lunyu ou Analectas (chinés tradicional: 論語; chinés simplificado: 论语; pinyin: Lúnyǔ; Wade-Giles: Lun2-yü3) é o texto fundamental do confucianismo, consistente nunha escolma desordenada de ditos, diálogos e pequenos relatos realizada polos discípulos de Confucio durante aproximadamente un século despois da súa morte e completada, xa que logo, ao redor do -400. Está considerado un dos Catro Libros.

Recolle un modelo de sabedoría moi influente na historia da China ata a chegada do comunismo. Trata de actitudes éticas, da educación e do goberno. Defende o respecto aos pais, o esforzo por acadar a virtude, a ecuanimidade e o sentido da rectitude, a lealdade, a prudencia e a xustiza.

Transmisión A compilación dos textos do Lunyu é sen dúbida posterior ao pasamento de Confucio, xa que neles se tratan como defuntas persoas que morreron despois del, coma o duque Ai de Lu 魯哀公 (494-467). Tamén se mencionan afirmacións de discípulos coma Zeng Shen 曾參 (505-436), polo que a escolma debeu realizarse arredor do século -IV. Porén, o libro non foi considerado un clásico até a dinastía Song (960-1279), cando o erudito neoconfuciano Zhu Xi (1130-1200) o escolleu coma un dos chamados Catro Libros (sishu 四書).

Contidos Non existen moitas fontes sobre Confucio, a excepción do Lunyu. A principal biografía do pensador é a realizada por Sima Qian no seu célebre Shiji ("Rexistros do gran historiador", s. I a.C.), que contén, emporiso, materiais non dispoñibles en textos anteriores e posiblemente lendarios. Xa que logo, a fonte biográfica fundamental e máis fiable sobre Confucio é o propio Lunyu. No texto, Confucio preséntase a si mesmo como un mero transmisor dunha tradición social e política herdada dos comezos da dinastía Zhou (c. 1000-800 a.C.), ao tempo que nega ter inventado nada. Porén, os seus ideais non foron populares no seu tempo.

Filosofía social Confucio debateu sobre a natureza do sobrenatural, defendendo que as crenzas en pantasmas e espíritos deberían respectarse, mais distanciándose delas. Pola contra, os seres humanos deberían basear os seus valores e ideais de sociedade na filosofía moral, na tradición, e no amor natural entre as persoas. A filosofía social de Confucio depende en gran medida do cultivo do ren por todos os individuos da comunidade.

Notas

Véxase tamén Bibliografía

Outros artigos Confucianismo Confucio Si shu wu jing

Ligazóns externas Analectas Texto completo en chinés (Chinese Text Project) Texto completo en inglés (Proxecto Gutenberg) Textos de Confucio en inglés

Categoría:Confucianismo Categoría:Filosofía chinesa Categoría:Literatura en lingua chinesa