Xunta de Galicia é o nome de varias estruturas nas que se organizou o poder político en Galicia ao longo da súa historia:
Xunta do Reino de Galicia, institución creada en 1528, que foi a representación do Reino de Galicia cando este formaba parte da Coroa de Castela, e que perdurou, con algunhas interrupcións, até a reforma liberal do Estado, en 1833. Era un organismo colectivo formado polos deputados das 7 cidades ou provincias (Santiago, Betanzos, A Coruña, Lugo, Mondoñedo, Ourense e Tui) que se reunían para trataren asuntos relacionados co conxunto do Reino. A súa orixe non está clara, e hoxe en día acéptase que hai unha relación directa entre a Xunta e as reunións da Santa Irmandade, das que partiría o costume de manter reunións periódicas entre os representantes das principais cidades para resolver as cuestións relativas ao repartimento de tributos e ás levas militares. Xunta Suprema do Reino de Galicia ou Xunta Suprema de Galicia, goberno realmente soberano de Galicia durante o ano 1808, ao comezo da Guerra da Independencia, cando Galicia era o único territorio do Reino de España libre (aínda) da presenza do exército francés, e que foi creada para dirixir a loita contra os franceses e manter a orde pública. A Xunta Suprema asumiu funcións militares, lexislativas e de relacións internacionais até a creación da Xunta Central Española. Xunta Superior de Galicia, creada en decembro de 1809 en canto saíron de Galicia os franceses e se lle encargou, pola Xunta Central ao Capitán Xeneral de Galicia que recuperara o poder que tradicionalmente exercera. Nalgunhas atribucións foi a sucesora da Xunta Suprema (que desapareceu en decembro de 1808), pero sen nigún poder político, sendo máis ben unha delegación da Xunta Central no país. Xunta Superior de Galicia, xunta que, en 1836, constituíron os carlistas galegos na Coruña, ao comezo da primeira guerra carlista. Xunta Central de Galicia, formada en 1840 por representantes das xuntas locais en oposición á rexencia de María Cristina. Xunta Central de Galicia, constituída en 1843 e presidida por Xosé María Suances, oposta á rexencia de Baldomero Espartero. Xunta Superior de Galicia, organizada no curso da Revolución de 1846 impulsada por Miguel Solís e fundada en Santiago baixo a presidencia de Pío Rodríguez Terrazo e da que era secretario Antolín Faraldo; remataría co fusilamento dos Mártires de Carral (Solís incluído). Xunta Revolucionaria da República Galega, proclamada o 27 de xuño de 1931 como o goberno da República de Galicia e presidida por Antón Alonso Ríos, durou unhas horas. Xunta de Galicia, órgano do poder executivo de Galicia desde 1978, ao abeiro da Constitución española de 1978 e do Estatuto de Autonomía de Galicia de 1981, actualmente vixentes.
Véxase tamén Outros artigos Consello de Galiza