Aos pés do monte Parnaso en Focea, Delfos é o lugar dun santuario panhelénico onde falaba o oráculo de Apolo a través da súa profetisa, a Pitia ; tamén albergaba o ónfalos ou «embigo do mundo». Investido cun significado sagrado, Delfos foi do século -VI ao -IV o verdadeiro centro e o símbolo da unidade do mundo grego.
Os santuarios panhelénicos eran complexos arquitectónicos externos ás cidades: constituían os únicos lugares onde todos os antigos gregos, e algúns bárbaros (lidios e etruscos) tomaban parte en celebracións relixiosas comúns.
Historia do sitio
upright=2|miniatura|Localización de Delfos
O nome de Delfos (plural en grego antigo Δελφοί Delphói) vén da palabra golfiño (grego antigo δελφίς delphís): na poesía homérica, Apolo tomou a forma deste animal para atraer os mariños cretenses encargados de instaurar o seu culto neste lugar.
As pegadas máis antigas dunha ocupación humana na rexión de Delfos (nunha cova da meseta do Parnaso) remóntanse ao neolítico.
No lugar do santuario atopáronse restos dunha modesta aldea de aproximadamente o -1400: este lugar, chamado Pytho (grego antigo Πυθώ -οῦς (ἡ) e Πυθών -ῶνος (ἡ)) na IlíadaII, 519 e IX, 405 e na Odisea VIII, 80, foi abandonado entre -1100 e -800. O santuario desenvólvese probabelmente a partir desta data, coa aparición dun primeiro altar e dun primeiro templo, que a tradición délfica e antiga sitúan sobre unha pendente onde se tería atopado unha fenda natural que exhalaba vapores Especialmente Estrabón, IX, 3, 5..
É sobre todo entre mediados do século -VIII e a metade do século -VII, cando Apolo Pitio gaña unha notoriedade importante: é o patrón das empresas coloniais efectuadas neste período.
Atribúese a destrución do templo ao tremor de terra de -373, pero a catástrofe, provocada por un corremento de terra, foi bastante limitada. A partir do século -IV perde a súa importancia política e sobre todo a súa autonomía e comeza un longo declive, marcado polos problemas políticos que axitan Grecia. O século -III é o do dominio da Liga etolia, cuxas tropas rexeitan preto de Delfos os invasores gálatas en -279.
Despois da conquista de Grecia por Roma (o piar de Paulo Emilio conmemora a derrota de Perseo, derradeiro rei de Macedonia), construíronse poucos edificios importantes, coa excepción do estadio refeito por Herodes Ático.
En 392, a prohibición dos cultos pagáns no imperio romano polo Edicto de Teodosio marca o final oficial do culto de Apolo Pitio. Daquela Instálase unha vila cristiá no santuario (igrexas, villae importantes), posteriormente desaparece probabelmente no século VII ou VIII. O sitio fica provisionalmente abandonado e as ruínas vanse recubrindo progresivamente. O lugar foi ocupado despois ata finais do século XIX por unha aldea chamada Kastri. Ciríaco de Ancona visita Delfos no século XV.
O oráculo de Apolo Pitio
miniatura|Orestes en Delfos, a Pitia, o trípode. Crátera con figuras vermellas, sobre -330
Apolo en persoa tería fundado o santuario de Delfos despois de construír o templo de Delos. O santuario estaba gardado daquela por unha serpe chamada Pitón, filla de Gaia (a Terra) e gardiá dun oráculo consagrado a Gaia. Apolo, desexando establecer un oráculo para guiar os homes, matou a Pitón (e despois deixouna podrecer ao sol) co seu arco e apropiouse do oráculo cf. Himnos homéricos. Para facer vir sacerdotes desviou un barco cretense.
Este mito, que fai de Apolo Pitio un conquistador fundador, explica o seu padroado sobre a fundación de colonias gregas e a expansión do seu culto no conxunto das colonias. Sitúa así o oráculo no centro do santuario.
Segundo outra tradición, que segue Esquilo e cuxa música foi gravada sobre un dos muros do Tesouro dos Atenienses (en Delfos), o oráculo foi primeiro o da Terra, logo o de divindades femininas sucesivas para ser transmitido finalmente a Apolo.
O santuario de Delfos, en efecto é oracular: a palabra do deus transmítese aquí aos homes por medio da Pitia, da cal a tradición antiga fai unha xove virxe inculta, instalada sobre un trípode situada nunha foxa oracular, o adyton, xusto enriba dunha fisura onde os antigos pensaban que emanaban vapores tóxicos; a Pitia sostén unha póla de loureiro (a árbore do deus Apolo) e unha φιάλη phiále, recipiente plano sen asas, que servía para as libacións.
Ao principio a consulta do oráculo era anual: tiña lugar o sete do mes byzios (febreiro-marzo), día da festa de Apolo. Despois facíase o sete de cada mes durante o período de nove meses nos que se pensaba que Apolo residía no templo: ese día denominouse πολύφθοος polyphthoos (día das múltiples preguntas).
A consulta estaba precedida por algúns ritos: cumpríanse en función da profetisa e requirían a presenza de dous sacerdotes. Estes últimos exercían o seu cargo de por vida e estaban secundados por cinco ὅσιοι hosioi que mantiñan o culto, e dous profetas.
Un destes últimos axudaba á Pitia, esencialmente traducindo as súas palabras para que o oráculo emitido fose comprensíbel. As respostas do deus transmitíanse en prosa e en verso en forma de hexámetros.
No detalle ignórase se a Pitia era visíbel, xa que non hai testemuños dignos de confianza neste eido. A tradición máis habitual conta porén que a Pitia estaría tapada por un veo e que o consultante non a podía ver.
Unha parte da historiografía moderna intentou explicar, seguindo a tradición antiga probabelmente de orixe délfica, os transos e as palabras incomprensíbeis da Pitia nas sesións oraculares. A explicación que se ten dado durante moito tempo era a inhalación pola profetisa de vapores que se escapaban das entrañas da terra (causa física) En realidade unha explicación deste tipo sería falsa, segundo as investigacións dos alicerces do templo de Apolo levados a cabo pola École française d'Athènes: non se atopou fisura ningunha e a natureza do solo de xisto non permite exhalacións de gas.
miniatura|upright 0.8| Ónfalos, copia de época romana, Museo arqueolóxico de Delfos.
É seguro que o desenvolvemento mesmo do oráculo debeu sufrir cambios notábeis no curso do tempo. Entre as testemuñas máis próximas, Plutarco, que foi sacerdote de Apolo en Delfos, transmitiu numerosas consideración sobre o culto: relata que na súa época (século I) unha única Pitia só recibía unha vez por mes, mentres que no pasado debíanse relevar tres profetisas. Noutro santuario de Apolo, o oráculo transmitíase mentalmente: o que viña consultar o oráculo conversaba só co deus e recibía as respostas ás súas preguntas directamente na súa mente (cousa que autorizaba unha interpretación máis libre).
Na época cristiá a figura da Pitia asociouse á dunha muller posuída polo demo (Xoán Crisóstomo) ; este entraba no corpo da profetisa desde as profundidades da terra sobre a que se consideraba.
Delfos era segundo a mitoloxía grega, o centro do mundo. Tamén, o ónfalos (literalmente o embigo) estaba alí representado por unha pedra de forma cónica, situada directamente no adyton, rodeada de tecidos e con dúas aguias douradas sobre ela. Na mitoloxía grega, en efecto, Zeus fixera partir dúas aguias, cada unha desde un lado do disco terrestre e estas aves de presa atopáronse no centro do mundo.
Non tiña lugar o oráculo na ausencia de Apolo, e numerosos fieis ficaban a agardaren o seu regreso. Nese momento instaurouse a προμαντεία promantéia (quendas de paso establecidas polo s sacerdotes). Facíanselle regalos á divindade , despois os sacerdotes botaban unhas pingas de auga fría sobre unha cabra e, se non tremía, facía perder a quenda ao peregrino. Este último, en caso de aceptación entraba no adyton onde podía facer a súa pregunta: isto daba lugar ou non a unha resposta da Pitia, segundo a vontade do deus.
O culto de Dioniso
miniatura|O Parnaso, pintura de Andrea Mantegna (1497).
Durante os meses de inverno, críase que Apolo abandonaba o santuario de Delfos para ir se purificar entre os hiperbóreos. Era substituído entón en Delfos por Dioniso. Este último estaba presente durante tres meses e era obxecto dun culto no monte Parnaso (as libacións das tíades omofagas). No adyton atopábase a tumba de Dioniso.
O estatuto deste último cambiou pouco a pouco en razón da súa relación co Apolo Pitio: era inferior ao deus solar, pero grazas ao seu papel de oposto, converteuse progresivamente en indisociábel da divindade apolínea; así, o culto de Dioniso aproveitouse probabelmente da fama de Delfos no conxunto do mundo grego.
O santuario panhelénico
Nun santuario, o elemento máis importante para o culto é o altar (βῶμος bόmos) sobre o que se procede aos sacrificios.
O templo alberga a estatua da divindade: suponse que nel habita o deus, polo menos por momentos. En Delfos, o templo de Apolo reviste unha importancia particular, posto que alberga o oráculo. Está construído, segundo a tradición, sobre unha falla volcánica que se interna nas entrañas da terra e pon os homes en comunicación co deus Apolo, por intermediación da Pitia.
Buscouse o mellor lugar posíbel para establecer o templo de xeito que estivese ben á vista de todos os que visitasen o santuario: é o ἐπιφανέστατος τόπος epiphanéstatos tópos. O templo dε Apolo en Delfos está situado nas abas do monte Parnaso, cuxo cumio está a 2459 m de altitude e domina a Grecia central. Está implantado nunha pendente moi empinada. Un pouco máis abaixo dedicóuselle outro templo a Atenea Pronaia, divindade que protexe ou precede o santuario.
Os visitantes poden entrar no santuario de Delfos por varias portas, a principal das cales está orientada cara ao leste. Unha vía, abusivamente chamada Vía Sagrada, bordeada por monumentos diversos ofrecidos ao deus leva ata a explanada do templo: unha vintena de edificios, a maioría dos cales son tesouros, serven para presentar as ofrendas feitas ao deus, ben sexa por piedade, ben por razóns políticas. Estas capelas votivas conteñen xeralmente depósitos de obxectos ofrecidos polos naturais da cidade que ofreceu o edificio.
miniatura|upright=1.0|O estadio.
O estadio, o hipódromo (non atopado) e o ximnasio son anexos do santuario: son os lugares onde se desenvolven as celebracións panhelénicas dedicadas ao deus, segundo un calendario relixioso moi preciso: estas competicións de ximnasia, de loita ou de canto corresponden aos Xogos Olímpicos, cuxa fama eclipsa hoxe en día a do santuario epónimo de Olimpia.
Para a organización destas festas e, máis xeralmente, a administración do santuario panhelénico os gregos reuníronse en anfictionía, é dicir, unha asociación de cidades e de pobos arredor do santuario. A de Delfos, chamada anfictionía pileodélfica agrupa, a partir de -590, unha ducia de cidades. É esta anfictionía a que financia os traballos por subscrición e supervisa as eventuais reconstrucións do templo, como a finais do século -VI.
Arredor do santuario atópase a cidade de Delfos, que vivía principalmente grazas aos visitantes do santuario, a partir do século -VI.
O templo de Apolo Pitio
miniatura|upright=1.2|Templo de Apolo
miniatura|upright=1.2|Templo de Apolo
Pausanias menciona que se sucederon seis templos dedicados ao deus Apolo no curso do tempo: o primeiro deles puido ser unha cabana de loureiro. A arqueoloxía ignórao todo del, como dos dous seguintes construídos por abellas do Parnaso con cera e plumas de paxaro o segundo e por Hefesto en bronce o terceiro.
O cuarto templo, cuxa estrutura era de estuco, foi construído por Trofonio e Agamedes e destruído por un incendio en -538.
Os templos quinto e sexto, de plano similar, son os mellor coñecidos: do primeiro subsisten fragmentos de escultura atopados nunha foxa e numerosos bloques de arquitectura reutilizados nos alicerces do sexto templo.