Compromiso por Galicia é unha formación política galega de orientación progresista e galeguista, constituída en maio de 2012 por Máis Galiza, o Espazo Ecosocialista e Acción Galega (Rafael Cuíña, Teresa Táboas, Xosé Manuel Pérez Bouza), así como por outras pequenas formacións como Terra Galega, PNG-PG, PG, PGD e CG.

Máis Galiza, algúns integrantes de Acción Galega, e o PNG-PG, proveñen do BNG. Unha das formacións fundadoras, o Espazo Ecosocialista, decidiu posteriormente a súa saída da organización.

No momento da súa fundación definíase como galeguista, progresista e socialdemócrata. En 2019 desbotou a socialdemocracia da súa ideoloxía e engadiu o europeísmo.

Formacións creadoras

Máis Galiza, antiga corrente interna do BNG creada en 2009, de corte socialdemócrata, constituída en partido político en 2012. Ese ano abandonou o BNG trala súa XIII Asemblea Nacional, debido a diferenzas ideolóxicas e organizativas coa candidatura promovida pola Unión do Povo Galego (UPG), gañadora da citada Asemblea. O seu líder era Carlos Aymerich, quen, trala escisión do BNG, decidiu ficar nel, con Xoán Bascuas como secretario xeral. Acción Galega, organización política de centro progresista transversal liderada polo empresario Rafael Cuíña, anterior membro do Partido Popular de Galicia. Outros membros destacados da organización son Teresa Táboas, exconselleira do bipartito galego, ou o exsenador do BNG Xosé Manuel Pérez Bouza. Espazo Ecosocialista Galego, tamén coñecido como Ecogaleguistas, liderado por Xoán Hermida, ten un perfil máis próximo ao ecosocialismo. Porén, en setembro de 2012 abandonou CxG para integrarse en Alternativa Galega de Esquerda.

Outras formacións integradas no proxecto son o Partido Nacionalista Galego-Partido Galeguista (PNG-PG), Esquerda Nacionalista, Espazo Socialista Galego, Unidade da Esquerda Galega e o Partido Galeguista Demócrata (PGD).

Historia Formouse a raíz das desavinzas entre as formacións creadoras e a folla de ruta que quería Xosé Manuel Beiras no Novo Proxecto Común, que lideraba o Encontro Irmandiño. O 21 de xuño de 2012 anunciouse a incorporación do colectivo Unidade da Esquerda Galega, grupo escindido do PSdeG. Porén, apenas un mes máis tarde, o seu responsable, Óscar Lomba, abandonaría CxG para integrarse en Anova-Irmandade Nacionalista, a formación de Beiras.

Presentouse en solitario ás eleccións ao Parlamento de Galicia 2012, despois de fracasaren as negociacións para concorrer con Anova-Irmandade Nacionalista e Esquerda Unida en coalición.

O 21 de xaneiro de 2017, tralo II Congreso Nacional do partido, Juan Carlos Piñeiro substituíu a Xoán Bascuas como Secretario Xeral. O 21 de setembro dese ano, durante o III Congreso Nacional, o partido mudou a súa orientación política. Desbotou a socialdemocracia e pasou a definirse nos seus estatutos como "unha forza demócrata, progresista, ecoloxista, galeguista, europeísta e transversal".

Compromiso por Galicia mantén estreita relación co Partido Nacionalista Vasco, co que concorreu ás eleccións ao Parlamento Europeo de 2014 e de 2019. No Congreso Nacional de 2019 anunciouse que solicitarán a súa inclusión no Partido Demócrata Europeo, do que forman parte, amais do PNV, Coalición Canaria (socio tamén das candidaturas para os comicios europeos) e o portugués Partido Democrático Republicano. Compromiso por Galicia é parte do Partido Demócrata Europeo, con dous membros no seu Consello de Dirección: Juan Carlos Piñeiro e Daniel Lago.

Nas eleccións galegas de 2020, CxG participou na coalición Marea Galeguista, obtendo 2.883 votos (o 0,22% do total). Nas eleccións galegas de 2024 CxG participou nunha nova coalición, desta vez con Espazo Común e outros pequenos partidos, nomeada Espazo Común Galeguista, que só obtivo 1.542 votos (o 0,1% do total) e ningún escano.

Notas

Véxase tamén

Outros artigos Novo Proxecto Común Ricardo Sánchez Oroza

Categoría:Compromiso por Galicia