A exoderme é un tecido vexetal situado nas raíces de moitas plantas anxiospermas xusto debaixo da epiderme, formado pola(s) última(s) capa(s) de células do córtex, que están diferenciadas dun modo especial. A exoderme é un tecido protector, xa que as paredes das súas células están impregnadas de suberina, que forma laminiñas de suberina na parede primaria ou bandas de Caspary. As laminiñas de suberina poden estar cubertas por máis capas de celulosa ou estar lignificadas. A exoderme pode estar acompañada de esclerénquima inmediatamente subxacente. Nalgúns casos as láminas de suberina non son tan evidentes. As células están dispostas de modo moi compacto. Nalgunhas exodermes as células son todas iguais, alongadas e suberificadas como se describiu, pero algunhas plantas (Allium, Asparagus) teñen, ademais das anteriores, un segundo tipo de células exodérmicas, curtas e sen suberificar.Esau, K. 1976. Anatomía Vegetal. Omega. Páxinas 525-526. ISBN 84-282-0169-2.
A exoderme ten características similares á endoderme (tecido máis interno). A función da exoderme é impedir o paso de auga polo apoplasto (espazos entre as células) e limitalo ao simplasto (atravesando o citoplasma das células). Proporciona protección contra a perda de auga na raíz e tamén serve de defensa contra a entrada de microorganismos.Raven, Peter H., Ray F. Evert, Susan E. Eichhorn. (2005) Biology of Plants. 7th Edition. W.H. Freeman and Company Publishers
No talo poden atoparse tamén ás veces capas subepidérmicas protectoras chamadas hipoderme, e este termo tense aplicado tamén á exoderme (hipoderme do talo e hipoderme da raíz), pero en xeral prefírese chamar exoderme á da raíz, porque ten características distintivas.
Notas
Véxase tamén Outros artigos Suberina Endoderme Epiderme
Categoría:Histoloxía vexetal