O volcán da Serreta é unha zona de fondos mariños situados ao oeste da costa da illa Terceira, no arquipélago das illas Azores. Está situado fronte á poboación da Serreta, onde teñen ocorrido erupcións submarinas frecuentes ao longo de liñas de fractura coa dirección xeral leste-oeste. Estas erupcións foron ocasionalmente acompañadas por actividade sísmica, como ocorreu en maio e xuño de 1867, ou só por microsismos. A erupción que se iniciou o 1 de xuño de 1867 proxectou grandes columnas de vapor e de expulsións en altitude, saíndo da superficie do mar, e deixou un rochedo, a Baixa da Serreta, que aínda subsiste. A erupción de 1998/1999 ocorreu a unha profundidade ben maior (500 a 600 m), sen provocar sismos sentidos. Nesta última erupción, as rochas atinxían a superficie apenas como "balóns" de gas que explotaban e se afundían de inmediato. Puideron ter ocorrido mentres tanto outras erupcións que non foron detectadas, dada a profundidade en que ocorreron.
Erupcións A erupción de maio e xuño de 1867 A erupción que se iniciou de forma visíbel o 1 de xuño de 1867 é a máis violenta que ocorreu no Volcán da Serreta desde a colonización das illas. Iniciouse cunha crise sísmica que foi crecendo de intensidade e frecuencia ao longo dos primeiros meses de 1867. Durante o mes de maio a intensidade e frecuencia dos tremores era tal que case todas as casas das freguesías da Serreta, Raminho e Altares se encontraban arruinadas e os seus habitantes non se atrevían a entrar nelas, durmindo en cabanas feitas de palla e de ramaxes de árbore. Nos últimos días de maio iniciouse unha fase de violento tremor continuo, máis sensíbel na freguesía do Raminho.
O 31 de maio a violencia do tremor era tal que as poboacións organizaron unha procesión na que transportaban as coroas do Divino Espírito Santo, que, partindo dos Altares, se dirixiu para o oeste, incorporando as do Raminho. Igual cortexo organizouse nas Doce Ribeiras e na Serreta, dirixíndose tamén para oeste. Reunido o pobo no lugar sobranceiro á Ponta do Raminho (onde hoxe está o miradoiro e o altar que asinala o acontecemento), celebrouse misa campal. Poucas horas despois rebentou o volcán no mar fronte ao local, desaparecendo o tremor.
Unha carta do Gobernador Civil de Angra para o seu conxénere da Horta fai un relato sucinto da erupción:
No verán de 1872 o lugar da erupción foi visitado polo xeólogo Ferdinand André Fouqué, que, a bordo dunha embarcación foi ás inmediacións da Baixa da Serreta, e puido recoller gases que entón aínda manaban profusamente da superficie do mar. Na costa, baixo a Punta do Raminho, existe unha poderosa nacente termal fortemente gaseificada (con dióxido de carbono), coñecida como a Auga Santa da Serreta, usada para fins medicinais até xaneiro de 1980, cando un grande derrubamento de rochas desencadeado polo sismo de 1 de xaneiro de 1980 impediu o acceso ao local.
A erupción de 1998/1999 Foron rexistrados microsismos na área a partir do 25 de novembro de 1998. O 18 de decembro de 1998 uns pescadores detectaron a existencia de columnas de vapor que saían das augas a cerca de 10 km a oeste-noroeste da punta da Serreta.
A erupción ocorreu de forma intermitente con emisión de gases e de lava basáltica, cos centros eruptivos dispoñéndose ao longo de faixa con 2,5 km de lonxitude de dirección NE-SW, aparentemente coincidente coa dirección xeral do Rifte da Terceira naquela rexión.
Durante as fases máis activas, algúns clastos de material en semi-fusión, rico en gases e en vesículas cheas de vapor de auga, alcanzaron a superficie, formando pequenas columnas de vapores individuais, que, con boa visibilidade, podían ser vistas desde terra. Cando se aproximaban á superficie, os clastos estoupaban debido á diminución da presión externa, expondo o seu interior en fusión. Algunhas das explosións ocorrían encima da superficie do mar, o que á noite permitía que fosen vistos desde terra como puntos de luz de cor laranxa que se acendían e rapidamente desaparecían.
Os clastos emitidos son na realidade grandes balóns de lava, con por veces máis de 3 m de lonxitude, con formas que varían do case esférico ao elipsoidal, que debido ao seu contido en gas son máis leves que a auga, o que os forza a subir en dirección á superficie do océano. Cando a diferenza entre a presión interna e externa se inverten, os “balóns” rebentan, liberando os gases contidos no seu interior e xerando, debido ao contacto da rocha en fusión no seu interior coa auga do mar, grandes columnas de vapor. Algúns clastos permanecían en flutuación á superficie durante algúns minutos, até que o arrefecemento diferencial os fixese estalar, permitindo a entrada de auga que ao se vaporizar os facía explotar.
A orixe destes clastos aparentemente é a formación de lagos submarinos de lava moi fluída e rica en gas, que, ao fraccionarse na auga, arrefece á superficie aprisionando os gases no seu interior. O conxunto fica con densidade global inferior á da auga do mar, acendendo rapidamente en dirección á superficie. Durante os anos de 1999 e 2000 foi posíbel identificar cerca de sete puntos de emisión de lava e gases, dispostos de forma case linear en zonas con profundidades que oscilan entre os 300 m e os 800 m. A pesar dos numerosos enxames de microsismos que foron rexistrados, a erupción non provocou sismicidade perceptible.
A erupción foi por última vez visíbel en febreiro de 2000, con emisión de gases e lava. Desapareceu progresivamente ao longo daquel ano.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Información sobre a erupción de 1998/2000; Observatorio Vulcanolóxico dos Azores; Observación do Volcán da Serreta pola FC-UL; Información sobre a erupción de 1998/2000.
Categoría:Volcáns de Portugal Categoría:Artigos sen imaxes