miniatura|325px|dereita|Nena expresando alegría, felicidade ou ledicia. Etimoloxicamente, a palabra emoción provén do latín emovere e emotionem "movemento, conmoción, acción de mover", á súa vez derivado da raíz protoindoeuropea *meue. É derivado tardío dunha forma composta de dúas palabras latinas: ex "fóra, para fóra", e motio "movemento, acción", "conmoción, abaneo" e "xesto". Esta formación latina será tomada como empréstito por todas as linguas modernas europeas. A primeira documentación do francés émotion é de 1538. A do inglés é emotion é de 1579. O italiano emozione, o portugués emoçâo son de comezos do século XVII. Nas dúas primeiras linguas, a acepción máis antiga é a de "axitación popular, desorde". Posteriormente documéntase no sentido de "axitación da mente ou do espírito". A palabra aparece normalmente denotando a natureza inmediata desa axitación nos humanos e a forma en que é experimentada por eles, aínda que nalgunhas culturas e en certos modos de pensamento é atribuída a todos os seres vivos. A comunidade científica aplícaa na linguaxe da psicoloxía, desde o século XIX, a toda criatura que amosa respostas complexas similares ás que os humanos refiren xeralmente como emoción.
Definición e utilidade do concepto Na lingua común emoción designa un estado afectivo intenso causado por impresións, ideas ou sentimentos fortes. O concepto científico é, non obstante, de difícil precisión pois abrangue estados moi diversos que van desde os que agradan ó individuo (alegría, amor, orgullo...) ós que causan desagrado (vergonza, aflición, depresión...) ou desacougo (rabia, sorpresa, medo...).
En psicoloxía, pode dicirse de maneira xenérica que a emoción é unha experiencia mental dos seres humanos de carácter á vez subxectivo e obxectivo, vencellada a mecanismos sensoriais externos (sociais) e internos (físicos) da persoa. Tanto pode ser construtiva, no senso de tornar máis eficaz o comportamento, como destrutiva; tanto fortalecedora como debilitadora. En xeral, os psicólogos tenden a concibila hoxe como unha reacción necesaria, e en todo caso benéfica. Antonio Damasio, entre outros, vea como un factor esencial do dinamismo vital do individuo.
O amor, o odio, a valentía, o medo, a alegría, a tristura, o pracer, o noxo e o resto das emocións e sentimentos foron descritos a través dos tempos en termos filosóficos (dende perspectivas psicolóxicas, antropolóxicas e teolóxicas) e fisiolóxicos (dende perspectivas biolóxicas).
Dalgunha maneira os animais -e non só os humanos- son capaces de experimentar emocións.
Unha emoción reúne en si estes trazos en aparencia opostos:
é unha experiencia subxectiva e interna; pode ser experimentada por un individuo ou un grupo; é o resultado de reaccións biolóxicas obxectivas (adrenalina...) aparece como resposta a certas situacións séntese en oposición ou non a un desexo consciente.
As emocións tradúcense por unha resposta que pode caracterizarse como:
afectiva (tristura, rabia, alegría...); fisiolóxica (cambios no funcionamento corporal interno, aínda que fan parte das causas da emoción); cognitiva (interpretación da situación - ver lavado de cerebro); condutiva (reacción adaptativa ó estímulo).
A emoción é ás veces mirada como antítese da razón. As emocións xogan un papel importante en situacións que resultan en estados mentais non esperados ou desexados e naqueles procesos cognitivos (o caso da arte, por exemplo) nos que o individuo é capaz de sentilas. En consecuencia, os estados emotivos incontrolados poden ocasionar, dependendo da cultura, efectos negativos tales como pesar ou desgusto ou sentimentos positivos de natureza transcendental.miniatura|Sixteen faces expressing the human passions. Gravado coloreado por J. Pass en 1821, a partir dun orixinal de Charles Le Brun.As emocións, no que supoñen de potencial para a oposición e enmarañamento entre vontade e razón, constitúen un dos feitos psicolóxicos máis distintivos e asombrosos dos seres humanos. Non existe evidencia empírica que permita aceptar a antítese entre razón e emoción. A rabia e o medo poden ser pensados como respostas sistemáticas a feitos observados. A psique humana posúe unha variada gama de posibles reaccións e perspectivas en resposta ó mundo externo e interno. Trataríase dun contínuum que iría desde a pura lóxica intelectual nun extremo (a miúdo cualificada de "fría") á reacción puramente irracional, sen resposta a argumentos lóxicos ("a calor da paixón"), no outro extremo. En todo caso, está claro que a relación entre lóxica e argumento dunha parte e emoción da outra parte, merecen un coidadoso estudo. Como é notorio, a paixón, a emoción, ou o sentimento poden axudar a reforzar un argumento, mesmo un baseado principalmente na razón -en particular os referidos a ideoloxía ou relixión, áreas do pensamento humano que demandan frecuentemente unha radical aceptación ou rexeitamento, isto é, a adopción dunha cosmovisión parcialmente esteada en argumentos empíricos e en parte no sentimento e na paixón.miniatura|Emocións segundo o Atlas of Personality, Emotion and Behaviour.
Varios investigadores teñen suxerido que non hai decisión nin pensamento "puro", é dicir, que non existe pensamento baseado na pura lóxica intelectual ou na pura e simple emoción. A maior parte das decisións e do coñecemento apóianse nunha mestura de ambas. O concepto filosófico: unha perspectiva histórica A emoción foi tradicionalmente considerada, polo menos dende o Fedro de Platón (427-347 a. C.), un problema do estado habitual do suxeito. Platón introduce a teoría dos tres estados: o pracer e a dor son estados que se apartan do estado neutral ou normal da alma. É ademais o primeiro filósofo en propoñer que a alma afecta o corpo e viceversa.
Para Aristóteles (384-322 a. de C.), contrariamente ó que propón Platón, o pracer non é un movemento, unha partida do estado neutral. O pracer é un estado normal no exercicio das facultades dos seres vivos. A dor, pola contra, é contraria á natureza pois significa o impedimento das funcións vitais.
O pracer e a dor están vinculadas á acción, ó movemento. Se non hai actividade (sensorial, motora ou mental) non pode haber emocións. Aristóteles distingue dous tipos de praceres: os praceres do corpo (comer, beber, apetito sexual) e os praceres da alma (vitoria, éxito, vinganza etc.). Canto máis dependan da materia menos puros serán. Os praceres intelectuais serán os máis puros.
As teorías post-aristotélicas formúlanse en relación coa ética, coa relixión e coa posibilidade da "mellor vida". O corpo é visto como o locus ou fonte das emocións. Para os epicúreos todos os praceres son bos e o propósito da vida é maximizar o pracer. Epicuro (341-270 a. de C.) define o pracer como a ausencia de dor no corpo e de problemas na alma e distingue entre un pracer baseado no movemento (rápido e agudo) e un pracer estático (relacionado coa mente). Para el é este último o que debe ser perseguido na vida.
Os estoicos ofrecen a primeira tentativa de clasificación dos estados afectivos e das paixóns. Os tres estados afectivos óptimos do estoicismo son: (1) a alegría, froito das boas amizades e do bo talante (2) a prudencia, resultado da discreción e do temor á deshonra e (3) a vontade virtuosa, froito da benevolencia, afabilidade e cordialidade. Estas disposicións racionais contrastan con hábitos favorables ó pracer, ó medo e ó apetito respectivamente. As catro paixóns básicas que refiren como impulsos ou retrocesos irracionais son: (1) o desexo ou apetito, (2) o pracer ou gozo, (3) o medo ou temor, e (4) a dor ou pena.
René Descartes (1596-1650), o fundador da filosofía moderna, diferenza radicalmente o corpo da mente (ou alma). Para o racionalista francés, Deus dotou o home dun corpo e dun sistema sensorial, que se revelan incertos (na súa opinión, é posible percibir o corpo a través dos sentidos pero de forma limitada), e dunha mente, que en esencia é do único do que non podemos dubidar ("Penso, por tanto, existo"). A razón, produto da mente, é, por conseguinte, superior ás emocións.
Baruch de Spinoza afirmaba que o "Deus sive Natura" ("Deus ou a Natureza") era un ser de atributos infinitos, dos cales a extensión e o pensamento só eran dous deles. O mundo físico e mental forman dous "submundos" diferentes e paralelos que nin interactúan nin se solapan. Esta formulación panpsiquista ó problema do corpo-mente é coñecido como monismo neutral.
Spinoza foi un determinista confeso que mantiña que todo sucedía a través da operación da necesidade. Para el, cada comportamento humano estaba totalmente determinado. No seu sistema, a liberdade só serve para entender por que actuamos como actuamos. A liberdade non é a posibilidade de dicir non ó que nos pasa senón a posibilidade de dicir si e de entender por que as cousas deben necesariamente suceder así. Formándonos ideas máis adecuadas do que facemos e das nosas emocións e afectos, tornámonos na causa adecuada dos nosos efectos externos e internos, algo que comporta un aumento na actividade (vs. pasividade). Así somos máis libres e máis como Deus.
No seu racionalismo, Spinoza comparte cos estoicos a procura terapéutica da felicidade (a eudaimonia dos estoicos) pero sepárase deles nun importante respecto: non aceptaba a súa crenza en que a razón podía derrotar a emoción. Polo contrario, cría que a emoción só podía ser superada ou desprazada por unha emoción máis forte. A distinción crucial, para el, estaba entre as emocións activas e pasivas. As primeiras eran aquelas que podían ser entendidas racionalmente. As segundas, non. Tamén sostiña, anticipándose a Sigmund Freud, que o coñecemento das verdadeiras causas da emoción pasiva podía transformala nunha emoción activa e creadora.
O escocés David Hume (1711-1776) adopta a visión contraria: "A razón é, e debe ser, escrava das paixóns". Para Hume as emocións son "impresións" ("sensations") que se orixinan no "espírito animal" do sangue. Unha emoción é o resultado de interaccións con outras emocións preexistentes e "ideas" ("cognitions"). Coma Adam Smith, David Hume enfatiza o papel da "simpatía" ("empathy"), como aspecto universal da natureza humana. A emoción é parte da esencia da existencia social e da moralidade dos homes.