O'Donell Lorenzo Codesido, tamén coñecido como Edelmiro II, nado en Pontevedra o 20 de xullo de 1910 e finado na mesma cidade o 14 de setembro de 1979, foi un futbolista galego, que xogaba na demarcación de dianteiro.

Traxectoria Formou parte dunha saga familiar de dianteiros xunto ao seu irmán xemelgo Edelmiro e ao seu outro irmán Gonzalo. Comezou a xogar ao fútbol en equipos do seu barrio antes de fichar polo Eiriña CF, co que debutou en marzo de 1928. Co equipo pontevedrés disputou o Campionato de Galicia nas tempadas 1928/29 e 1929/30.

En xaneiro de 1930 emigrou á Habana, onde levaban xa un tempo seus irmáns, e fichou como eles polo Iberia. Debutou nun partido do Campionato Nacional contra o Olimpia, formando na dianteira xunto a Edelmiro, Pedrito, Bebito e o coruñés Bergés, e marcando o seu primeiro gol. Con este equipo disputou o Campionato Nacional e en decembro de 1931 emprendeu con el unha xira por México, co equipo reforzado con xogadores como os coruñeses Chorens e Cholas. Xogou no Iberia ata xullo do ano 1933.

En agosto regresou a España e fichou polo Espanyol, seguindo os pasos de seu irmán Edelmiro, que xogaba no club catalán dende había tres tempadas. Por este motivo foi alcumado Edelmiro II dende a súa chegada. Debutou en partido oficial na primeira xornada da tempada 1933/34, marcando dous goles contra a Real Sociedad en Sarrià (4-0). Ese mesmo ano o Espanyol enfrontouse na Copa do Presidente da República ao Celta de Vigo, equipo no que xogaba o seu outro irmán, Gonzalo, coincidindo os tres irmáns sobre o campo, tanto no partido de ida como no de volta. Xogou no Espanyol ata o ano 1935, cando fichou polo Levante FC, da Segunda División.

Pasou a guerra civil en Galicia, xogando de novo nas filas do Eiriña, onde coincidiu outra vez co seu irmán Edelmiro. Co club pontevedrés disputou as tempadas 1936/37 e 1937/38 do campionato galego. A finais de 1939 o Celta de Vigo fixo varias fichaxes procedentes do Eiriña para reforzarse de cara ao seu debut na Primeira División, e desta maneira chegou a Vigo xunto a Cons e Pirelo.

Debutou co Celta na máxima categoría o 3 de decembro de 1939 ante o Zaragoza, formando na dianteira xunto a Venancio, Nolete e Toro. Porén este sería un dos tres encontros que disputaría en todo o campionato, aos que sumou dous na Copa do Xeneralísimo, sen marcou ningún tanto.

Na tempada 1940/41 xogou no Alfonso XIII, que militaba na Serie A rexional, e na tempada seguinte formou parte do Vigués FC.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas

Categoría:Nados en 1910 Categoría:Finados en 1979 Categoría:Nados en Pontevedra Categoría:Galegos de Cuba Categoría:Futbolistas de Pontevedra Categoría:Dianteiros de fútbol Categoría:Xogadores do Eiriña CF Categoría:Xogadores do Iberia Categoría:Xogadores do RCD Espanyol Categoría:Xogadores do Celta de Vigo