miniatura|A banda da preprofase predí onde vai estar situado o plano da división celular nas plantas: 1) Formación da banda da preprofase durante a preprofase mitótica. 2) O fuso da metafase oriéntase no ecuador da célula ao longo do plano marcado pola banda da preprofase. 3) Fórmanse o fragmoplasto e a placa celular ao longo do plano marcado pola banda da preprofase. 4) A nova parede celular das células fillas conecta coa parede da célula parental na liña onde estaba anteriormente situada a banda da preprofase.
A banda da preprofase é un conxunto de microtúbulos que se encontra nas células das plantas que están preparándose para realizar a división celular e así iniciar a preprofase do ciclo celular das plantas. Xunto co fragmosoma, esta banda é o primeiro signo microscopicamente visible de que unha célula de planta está a piques de entrar na mitose. A banda da preprofase foi observada e descrita por primeira vez por Jeremy Pickett-Heaps e Donald Northcote na Universidade de Cambridge en 1966.
Xusto antes de que empece a mitose, fórmase a banda da preprofase como unha densa banda de microtúbulos situada arredor do fragmosoma e do futuro plano de división xusto por debaixo da membrana plasmática. Rodea o núcleo no plano ecuatorial do futuro fuso mitótico cando as células en división entran na fase G2 da interfase do ciclo celular unha vez que se completou a replicación do ADN. A banda da preprofase consta principalmente de microtúbulos e microfilamentos de actina e xeralmente ten unha amplitude de 2-3 µm. Cando se tingue con marcadores fluorescentes, pode verse como dous puntos brillantes pegados á parede celular a ambos os lados do núcleo.P.H. Raven, R.F. Evert, S.E. Eichhorn (2005): Biology of Plants, 7th Edition, W.H. Freeman and Company Publishers, New York, NY, ISBN 0-7167-1007-2.L. Taiz, E. Zeiger (2006): Plant Physiology, 4th Edition, Sinauer Associates, Inc., Publishers, Sunderland, MA, ISBN 0-87893-856-7.
As células das plantas carecen de centrosomas que funcionen como centro organizador de microtúbulos. No seu lugar, os microtúbulos do fuso mitótico agréganse sobre a superficie nuclear e reoriéntanse para formar o fuso ao final da profase. A banda da preprofase tamén funciona orientando axeitadamente o fuso mitótico, e contribúe á formación correcta do fuso durante a prometafase.
A banda da preprofase desaparece axiña que se disgrega a envoltura nuclear e se forma o fuso, deixando alí unha zona sen actina. Porén, a súa posición marca os sitios futuros de fusión da placa celular en formación coa parede celular da célula parental durante a telofase. Cando a mitose está completada, a placa celular crece desde o centro orixinando a nova parede celular divisoria das células fillas ao longo do plano ocupado polo fragmosoma e fusiónase coa parede nos puntos preditos pola posición que tiña a banda da preprofase.
Notas
Categoría:Bioloxía celular Categoría:Ciclo celular