Júlio Dantas Lagos, nado o 19 de maio de 1876 e finado en Lisboa o 25 de maio de 1962, foi un escritor, xornalista, diplomático e político portugués.
Na súa actividade intelectual foi un polígrafo, cultivando os máis variados xéneros literarios, da poesía á novela e ao xornalismo, mais foi como dramaturgo que ficou máis coñecido, en particular pola súa peza A Ceia dos Cardeais (1902), unha das máis populares producións teatrais portuguesas de sempre. Na política foi deputado, Ministro da Instrución Pública e Ministro dos Negocios Estranxeiros (1921-1922 e 1923), terminando a súa carreira pública como embaixador de Portugal no Brasil (1941-1949). Considerado retrógrado por algúns intelectuais da época, como foi o caso de Almada Negreiros, que escribiu o Manifesto Anti-Dantas, moi polémico, conseguiu granjear durante a vida grande prestixio social e literario, prestixio que decaeu tras a súa morte. Foi elixido socio da Academia de Ciencias de Lisboa (1908), institución a que presidiu a partir de 1922.
Traxectoria Fillo de Casimiro Augusto Vanez Dantas, militar, escritor e xornalista, e da súa muller Maria Augusta Pereira de Eça, estudou no Colexio Militar, en Lisboa, sendo admitido co número 114 en 1887, inscribíndose seguidamente no curso de Medicina da Escola Médico-Cirúrgica de Lisboa, que concluíu en 1900 cunha tese titulada Pintores e poetas de Rilhafoles. Pouco despois ingresou no Exército Portugués, sendo oficial médico a partir de 1902.
A carreira de medicina militar, onde optou por unha práctica no campo de psiquiatría, non o absorbeu: dedicouse simultaneamente á literatura e a unha intensa actividade intelectual e social, que o tornou coñecido nos medios políticos e nos círculos cultos de Lisboa. En 1905 foi elixido deputado ás Cortes.
Na literatura revelouse un grande polígrafo, dedicándose aos máis variados xéneros literarios, desde a poesía, o teatro, o conto, a novela e a crónica até ao ensaio. Alcanzou grandes éxitos coas súas pezas teatrais, con obras como A Severa, A Ceia dos Cardeais (obra que foi traducida para máis de 20 linguas), Rosas de Todo o Ano e O Reposteiro Verde.
Publicou o seu primeiro artigo en 1893 no xornal Novidades, e o seu primeiro libro de versos en 1897. A maior parte das súas obras de teatro e novelas son sobre o pasado histórico, mais as súas mellores obras, Paço de Veiros (1903) ou O Reposteiro Verde (1921) están escritas nun estilo naturalista.
Nas súas obras defende o culto do heroísmo, da elegancia e do amor, situando a trama das súas obras case invariabelmente no século XVIII, época que escollía case sempre como escenario das súas producións, salientando a decadencia da vida aristocrática da época. Nas súas obras é tamén común encontrar a exaltación do efémero, da morte e do sentimentalismo máis punxente. A súa obra poética está claramente inspirada na lírica palaciana do Cancioneiro Xeral de Garcia de Resende.
Desde o punto de vista estilístico, a súa obra sitúase entre o romanticismo e o parnasianismo, predominando nas obras de teatro e nas novelas os temas históricos. Con todo, as mellores obras de Júlio Dantas, sobre todo Paço de Veiros (1903) e o O Reposteiro Verde (1921) teñen unha clara inclinación cara ao naturalismo. Foi durante décadas un dos autores portugueses máis apreciados no estranxeiro.
A primeira produción dunha das súas pezas ocorreu en 1899, no Teatro Dona Amélia (actual Teatro San Luiz) de Lisboa, coa presentación da peza en catro actos O que morreu de amor, pola Compañía Rosas. Aínda no campo teatral dedicouse á tradución, publicando versións en lingua portuguesa de Cyrano de Bregerac, de Edmond Rostand, e do Rei Lear, de William Shakespeare. Eximio tradutor, as súas traducións cóntanse entre as mellores feitas para a lingua portuguesa.
A Ceia dos Cardeais (1902) foi enormemente popular o seu tempo. Con base na súa obra teatral A Severa, José Leitão de Barros realizou o primeiro filme sonoro portugués en 1931. A súa peza Os Crucificados aborda, por primeira vez no teatro portugués, a temática da homosexualidade.
Foi socio correspondente da Academia das Ciencias de Lisboa a partir de 1908 e socio efectivo desde 1913. Por varias veces foi escollido para presidente da institución. En 1949 recibiu o título de Doutor Honoris Causa pola Universidade do Brasil, título que en 1954 tamén lle foi atribuído pola Universidade de Coímbra.
Aceptou tamén unha carreira no ensino artístico e foi director do Conservatório Nacional de Lisboa, sendo alí profesor de Historia da Literatura e director da Sección de Arte Dramática.
O 14 de febreiro de 1920 foi feito Grande-Oficial da Antiga, Nobilíssima e Esclarecida Orde Militar de Sant'Iago da Espada, do Mérito Científico, Literario e Artístico.
Foi Ministro da Instrución Pública no outono de 1920, no goberno presidido por António Granjo, e Ministro dos Negocios Estranxeiros no goberno de Cunha Leal, no inverno de 1921-1922, e novamente en 1923 no goberno de Ginestal Machado. miniatura|Julio Dantas e Ramón Cabanillas no Balneario de Mondariz en 1929. O 14 de febreiro de 1930 foi agraciado coa Grã-Cruz da Orde Militar de Noso Señor Jesus Cristo e a 21 de marzo do mesmo ano foi elevado a Grã-Cruz da Antiga, Nobilíssima e Esclarecida Orde Militar de Sant'Iago da Espada, do Mérito Científico, Literario e Artístico.
En 1938-1940 presidiu á Comisión Executiva dos Centenarios, dirixindo a Exposición do Mundo Portugués que tivo lugar en Lisboa e colaborou na Revista dos Centenários, órgano de propaganda da mesma.
En 1941 foi un dos Embaixadores Especiais enviados ao Brasil para dignificar a cultura de Portugal e en 1949 foi nomeado embaixador de Portugal no Río de Xaneiro. Nesas funcións tivo papel destacado na elaboración dun acordo ortográfico co Brasil.
Foi considerado retrógrado por algúns, como foi o caso de Almada Negreiros, que lle dedicou o Manifesto Anti-Dantas. O feito de ser atacado por aquel manifesto e se ter transformado nun dos albos dos mozos seguidores do modernismo comproba a súa notoriedade de home público. A pesar diso, pasada a proba do tempo e amainadas as paixóns, Vitorino Nemésio e David Mourão Ferreira defenderon a súa calidade literaria e a súa invulgar mestría dramatúrxica, considerándoo merecedor de lugar destacado nas letras portuguesas.
No xornalismo e na crítica literaria, foi colaborador dos xornais máis importantes de Portugal, sobre todo do Diário Ilustrado, Novidades, Correio da Manhã e Renascença e escribiu no Correio da Manhã, do Rio de Janeiro, e no La Nación, de Buenos Aires.
Na area da prensa, tamén se encontra colaboración da súa autoría nas revistas Branco e Negro (1896-1898), Serões (1901-1911), Revista do Conservatório Real de Lisboa (1902), Illustração portugueza (1903-1980), Azulejos (1907-1909), O Palco (1912), Atlântida (1915-1920), Terra portuguesa (1916-1927), Revista de turismo iniciada en 1916, O domingo ilustrado (1925-1927), Ilustração (1926-), Feira da Ladra (1929-1943), Anais das bibliotecas, arquivo e museus municipais (1931-1936), Boletim cultural e estatístico (1937), Revista municipal (1939-1973) e Boletim do Sindicato Nacional dos Jornalistas (1941-1945).
Na política foi considerado oportunista, mostrando realmente unha grande versatilidade, servido como deputado na Monarquía, como ministro na Primeira República e finalmente como deputado, presidente da Comisión dos Centenarios e embaixador en pleno Estado Novo. Baixo a súa plasticidade política, Fernando Dacosta afirmou: "para se aproximar do Paço e da Raíña escribe a "Ceia dos Cardeais". Non recibindo os cargos e as honras a que xulgaba ter dereito, aprovéitase da crise do réxime monárquico e fai "UUm Serão nas Laranjeiras, denuncia da decomposición da corte. Mais non se afasta dela." Cando foi proclamada a República, Júlio Dantas adheriuse ao réxime e publicou, no diario A Capital, o folhetim "Cruz de Sangue", despois en libro co título Pátria Portuguesa (1914), facendo a exaltación do pobo e a condena da nobreza. En 1911, desencadeado o conflito entre a Igrexa Católica e o Estado Portugués por causa da Lei da Separación de Afonso Costa, publica a peza A Santa Inquisição (1910), un libelo contra a Inquisición. Co advento do salazarismo, publicou Frei António das Chagas, un "eloxio de quen se sacrifica, se inmola pola Patria". Rematada a segunda guerra mundial, prevendo a caída do Estado Novo, reformulou, introduciu, en 1946, na Antígona, peza de estrea de Mariana Rey Monteiro, unha crítica velada ao vello ditador por medio da personaxe de Creonte.
Foi un dos fundadores da Sociedade de Escritores e Compositores Teatrais Portugueses, a SECTP, da que foi o primeiro presidente. Aquela sociedade deu orixe á Sociedade Portuguesa de Autores (SPA).
Contrariando o estereotipo de conservadorismo ligado á súa imaxe pública, quebrou coa tradición e resistiu á presión social da época: casou civilmente, a 30 de maio de 1942, con Maria Isabel Penedo Cardoso e Silva, da cal non tivo descendencia, e rexeitou un funeral católico, manténdose fiel ás súas conviccións anticlericais dos inicios do século XX.
Júlio Dantas é lembrado na súa cidade natal, Lagos, por un busto, localizado en Santo Amaro, na área envolvente ao Mercado Novo, dando tamén o nome á biblioteca pública da cidade. É tamén patrón da Escola Secundaria Júlio Dantas, a principal escola pública de ensino secundario daquela cidade.
A Ceia dos Cardeais Este orixinal de Júlio Dantas foi encomendado polo Vizconde S. Luiz Braga e escrito a propósito para a festa artística de João Rosa, tendo, posteriormente, coñecido grande éxito con máis de 50 edicións en portugués e varias traducións noutras linguas. Foi, tamén, representado un pouco por toda a Europa, ben como na América do Sur. A peza nun acto, escrita en verso alexandrino, está composta, esencialmente, por tres grandes monólogos proferidos por tres cardeais, un portugués, un francés e un español, que, nunha luxosa sala do Vaticano setecentista, saborean unha riquísima cea e recordan os seus amores de mocidade.
Obra Poesía Nada (1896) Sonetos (1916) Teatro O Que Morreu de Amor (1899) Viriato Trágico (1900) A Severa (1901) A Ceia dos Cardeais (1902) Crucificados (1902) Paço de Vieiros (1903), Um Serão nas Laranjeiras (1904) Rosas de Todo o Ano (1907) Auto de El-Rei Seleuco de Camões (1908) Soror Mariana (1915) O Reposteiro Verde (1912) Antígona (1946) Frei António das Chagas (1947) Outono em flor (1949) Prosa Outros Tempos (1909). En co-autoría con Manuel Penteado Outros Tempos (1909) Figuras de Ontem e de Hoje (1914) Pátria Portuguesa (1914) O Amor em Portugal no Século XVIII (1915) Mulheres (1916) Abelhas Doiradas (1920) Arte de Amar (1922) Cartas de Londres (1927) Alta Roda (1932) Viagens em Espanha (1936) Marcha triunfal (1954)
Conferências
O Heroísmo, a Elegância, O Amor (1923)
Traducións
Rei Lear (de William Shakespeare) Cyrano de Bergerac (de Edmond Rostand) O Azougue (de Paul Saunière). Lisboa: Empresa Editora, 1898. O Caminheiro (tradución libérrima da peza en 5 actos homónima de Jean Richepin). Lisboa: Livraria da Viúva Tavares Cardoso, 1905. Notas
Categoría:Ministros de Portugal Categoría:Escritores en lingua portuguesa Categoría:Escritores de Portugal Categoría:Nados no distrito de Faro Categoría:Nados en 1876 Categoría:Finados en 1962 Categoría:Embaixadores de Portugal no Brasil