Ensinantes de Ciencias de Galicia (ENCIGA) é unha asociación galega de profesores de ciencias. Historia

Naceu no IES Alfredo Brañas de Carballo no ano 1988, sendo unha das máis antigas sociedades de profesores de España. É membro da Federación Española de Sociedades de Profesores de Matemáticas (FESPM), e do Consello Internacional de Asociacións para o Ensino das Ciencias (ICASE). Desenvolve como principal actividade un congreso anual no que se tratan temas de ensino das materias científicas e outros relacionados. Tamén edita unha revista societaria de nome Boletín das Ciencias dos que se levan editados máis de setenta números. Así mesmo promove charlas, conferencias e debates en prol do ensino científico.

Dentro dos actos conmemorativos do vixésimo aniversario da Asociación en 2008, deu unha conferencia en Carballo o premio Nobel de Química, Richard R. Ernst.

Presidentes de ENCIGA Frutos Fernández González (1988-1993) Comisión xestora presidida por Paulino Estévez Alonso (1993) José Mendoza Rodríguez (1993-2001) Comisión xestora presidida por Paulino Estévez Alonso (2001-2002) José Manuel Facal Díaz (2002-2008) Comisión xestora presidida por Paulino Estévez Alonso (2008-2009) Paulino Estévez Alonso (2009-2018) alt=Directiva de Enciga no XXXII Congreso (2019)|miniatura|Directiva de Enciga no XXXII Congreso (2019)María Inés García Seijo (2018- )

Congreso

O congreso de ENCIGA ten unha periodicidade anual e desenvólvese durante tres días, de xoves a sábado, do mes de novembro (agás o segundo congreso que foi en outubro) en vilas e cidades galegas. Durante o congreso teñen lugar tres conferencias plenarias, unha por día de congreso, comunicacións, obradoiros, táboas redondas, exposicións e carteis. A mañá dos venres adícase a excursións e visitas guiadas a lugares ou empresas da zona de interese turístico ou científico. A organización do congreso corre a cargo dun comité organizador formado pola directiva da asociación e un número variábel de profesores dun centro educativo da localidade onde ten lugar. Dito centro é a sede da maioría das actividades do congreso. Esta norma só se viu alterada no vixésimo congreso onde a organización correu a cargo da directiva do momento, realizándose as actividades nun hotel de Sanxenxo.

A sede vai rotando entre as catro provincias. Só nunha ocasión, e grazas ao interese da directiva do momento por cumprimentar aos socios portugueses da Asociación, o congreso tivo lugar en Portugal, concretamente en Póvoa de Varzim no 2006.

Congresos realizados Betanzos, 1988 Ribadavia, 1989 Monforte de Lemos, 1990 Tui, 1991 Carballo, 1992 Ourense, 1993 Lugo, 1994 Pontevedra, 1995 Cee, 1996 Santiago de Compostela, 1997 O Barco de Valdeorras, 1998 Gondomar, 1999 Noia, 2000 Chantada, 2001 Verín, 2002 Cangas de Morrazo, 2003 Ribeira, 2004 Ribadeo, 2005 Póvoa de Varzim, 2006 Sanxenxo, 2007 O Carballiño, 2008 Silleda, 2009 Narón, 2010 A Fonsagrada, 2011 Santiago de Compostela, 2012 Ourense, 2013 Moaña, 2014 Sarria, 2015 Negreira, 2016 Allariz, 2017 Lalín, 2018 Viveiro, 2019 Modalidade en rede, 2020 Modalidade en rede, 2021 Ponteceso, 2022

Publicacións O Boletín das Ciencias é a revista da sociedade. A súa tirada é variábel, sendo o máis habitual que saian tres ou catro números anuais. O do mes de novembro é un número especial que recolle todas as actividades que se desenvolven no congreso anual.

Co gallo da catástrofe do Prestige iniciouse unha serie de números monográficos sobre temas polémicos ou de actualidade, sempre desde unha visión científica e didáctica.

Boletíns monográficos Prestige. Maio 2003, nº 52 Incendios forestais. Xuño 2006, nº 60 Cambio climático. Xuño 2007, nº 63 Mendeleev. Marzo 2009, nº 67 Física. Xullo 2010, nº 70 Antonio Casares. Outubro 2012, nº 75 Táboa periódica dos elementos. Xullo 2019, nº 87

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Sitio web da asociación Sitio web da FESPM Sitio web da ICASE

Categoría:Ensino en Galicia Categoría:Asociacións de Galicia