Manuel de Castro González, máis coñecido como Handicap, nado en Vigo o 9 de agosto de 1885 e finado na mesma cidade o 27 de agosto de 1944, foi un deportista e xornalista deportivo galego.
Traxectoria Foi redactor de Sprint e Faro de Vigo. No mundo do fútbol ocupou diversos postos, dende xogador ata árbitro e directivo. En 1921 comezou a desempeñar a función de adestrador da Selección de fútbol de España labor que desempeñou ata 1927 de forma colexiada con Julián Ruete e José Ángel Berraondo.
O labor de seleccionador compaxinábao coa función de vicepresidente do Real Vigo Sporting Club, posto que ocupaba cando en 1923 promoveu, xunto a Juan Baliño Ledo e Pepe Bar, a fusión deste co Real Club Fortuna de Vigo para dar lugar ao Celta de Vigo. miniatura|250px|Escultura adicada a Handicap, obra de Rafael Álvarez Borrás. Tras o nacemento do Celta seguiu vinculado a este club, tendo un papel moi importante na construción do estadio de Balaídos, nos encontros amigábeis ante conxuntos como a selección do Uruguai, Boca Juniors ou o Club Nacional de Football.
Amais da selección española tamén dirixiu a selección de fútbol de Galicia en numerosas ocasións, nunha época na que a maior parte do combinado estaba formado por xogadores do Celta. O seu vínculo co deporte foi moito máis xeral, sendo un dos promotores do equipo de atletismo do Celta e mesmo sendo presidente da Federación Galega de Atletismo. Tamén foi presidente da Federación Galega de Fútbol en 1922.
Durante os Xogos Olímpicos de 1934, celebrados en Roma, escribiu artigos de admiración a Benito Mussolini. Un mes despois do golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 comezou a desempeñar tarefas de censor postal, dependente da Garda Cívica de Vigo. En febreiro de 1937 foi nomeado Presidente da Asociación da Prensa en Vigo, e participou na depuración de profesionais. En xaneiro de 1937 uniuse ao sindicato de Artes Gráficas da Central Obrera Nacional-Sindicalista e en xaneiro de 1938 á FET-JONS.
Finou o 27 de agosto de 1944 atropelado por un tren na zona do Areal, ao saír dunha exposición. Unha efixie súa, esculpida por Rafael Álvarez Borrás en 1946, está situada nas proximidades do estadio de Balaídos.
Recoñecementos
No ano 2011 instaurouse o Premio Manuel de Castro, para elixir o mellor xogador do Celta de Vigo do ano natural, mediante votación entre xogadores do primeiro equipo, os xornalistas que seguen ao Celta, as peñas e os afeccionados a través de diversos medios dixitais.
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
Outros artigos Lista de pseudónimos e sobrenomes galegos Ligazóns externas
Categoría:Celta de Vigo Categoría:Xornalistas de Vigo Categoría:Adestradores da selección de fútbol de España Categoría:Adestradores da selección de fútbol de Galicia Categoría:Nados en Vigo Categoría:Nados en 1885 Categoría:Finados en 1944 Categoría:Árbitros de fútbol de Galicia Categoría:Faro de Vigo Categoría:Finados en accidente de tráfico