Santo Estevo de Casteláns é unha parroquia que se localiza no oeste do concello de Covelo na comarca da Paradanta. Segundo o padrón municipal de 2004 tiña 230 habitantes (116 homes e 114 mulleres), distribuídos en 3 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 288 habitantes. Segundo o IGE, no 2014 a súa poboación descendera ata os 176 habitantes, sendo 94 homes e 82 mulleres.

Información A parroquia de Casteláns atópase no límite do concello de Covelo co de Mondariz e ten unha extensión de 7,5 quilómetros cadrados. Cunha gran probabilidade Casteláns foi na antigüidade un lugar onde habitaron escribáns e persoas de leis. En varias casas grandes da parroquia consérvanse aínda escudos heráldicos que posúen un grande interese.

As súas terras son fértiles por mor dunha menor altitude e recollen un viño afrutado e saboroso. Tamén o año e o cocido son dous pratos propios do lugar.

No barrio de Lourido emítense unhas augas sulfurosas que teñen fama en todo o concello e que sandan unha morea de enfermidades.

Patrimonio Consérvanse restos dunha igrexa románica de finais do século XII, do que foi mosteiro de Santo Estevo de Casteláns, de monxas beneditinas. O único que resta desta construción é a súa ábsida, de cuarto de esfera sobre nervios procedentes de columnas pequerrechas. Nos vans da ábsida, áchanse pequenas xanelas de arquivolta semicircular apoiada en columnas por dentro e por fóra. Tamén posúe canzorros e os arcos interiores dalgunha fiestra son de ferradura. Estes restos poden visitarse en Mondariz Balneario, onde foron trasladados a principios do século XX e na capela de San Roque da cidade de Pontevedra.

Galería de imaxes

Lugares e parroquias Lugares de Casteláns

Parroquias de Covelo

Notas

Véxase tamén Outros artigos Lugares de Covelo

Referencias

Ligazóns externas Casteláns na web do concello de Covelo

Categoría:Parroquias de Covelo Categoría:Parroquias de Galicia baixo a advocación de santo Estevo