O complexo de Edipo é un concepto desenvolvido por Sigmund Freud e un dos principais descubrimentos da psicanálise. Carl Jung tamén describiu este concepto que tenta explicar a maduración do neno a través da identificación co pai e o desexo da nai. En sentido estrito defínese como o conxunto de impulsos que empuxan o neno no seu terceiro estadio de desenvolvemento (o estado edípico ou xenital) en torno ós tres, catro ou cinco anos, despois do estadio oral e do estado sádico-anal, caracterizado pola atracción cara á nai e a hostilidade cara ó pai.

Baséase no mito grego de Edipo que mata a seu pai Laio e casa coa súa muller Iocasta. O complexo de Edipo foi descrito como un estado de desenvolvemento e consciencia psicosexual da teoría freudiana coñecida tamén como fase fálica. miniatura Descubrimento e descrición do complexo Freud descubriu o complexo no curso dunha autoanálise, cando reflexionaba sobre a historia do heroe grego Edipo, tal e como é narrado na traxedia grega de Sófocles. Nos seus primeiros escritos Freud fala de « complexo nuclear » ou « complexo materno ». Non é ata 1910, no seu texto titulado Contribución á psicoloxía da vida amorosa, que aparece o termo « complexo Edipo ».

Segundo Freud, a elaboración dun complexo de Edipo constitúe unha etapa normal no desenvolvemento psicolóxico dos rapaces. En tanto que a nai é percibida despois do primeiro estadio de desenvolvemento como a « nutridora » que procura pracer dando o peito, o rapaciño tende progresivamente a « apropiarse dela ». Este tenro pulo ou "pulsión" desencadea o complexo propiamente dito, que se desenvolve en tres fases:

A fase fálica O neno ten a intuición dos xogos sexuais existentes entre os seus pais e toma consciencia de que existe entre eles unha complicidade da que é excluído. A frustración provócalle varios comportamentos típicos nos que o neno tenta interpoñerse entre seu pai e súa nai. Entra no cuarto dos pais sen chamar, por exemplo. Acaba por entrar en rivalidade con seu pais e exhibe o seu pene á súa nai.

A castración O pai oponse ós desexos do neno e toma, ós seus ollos, a estatura dunha figura autoritaria susceptible de castigalo. O neno imaxínase a castración como unha sanción do pai pola súa rivalidade (fálase entón de « complexo de Edipo positivo »), ou como identificación coa nai nun desexo invertido de seducir o pai (trátase neste caso dun « complexo de Edipo invertido », a través do que se dá conta da ambivalencia e da bisexualidade humana). Tanto nun caso coma no outro, os impulsos sexuais constitutivos do complexo son rexeitados. Neste senso, esta etapa xera moitas veces traumatismos e neuroses.

A resolución O rexeitamento dos impulsos sexuais dura ata a adolescencia, idade na que o temor á castración prepara o raparigo para renunciar á satisfacción sexual cun ou outro dos seus pais e lle permite así saír do complexo de Edipo, e buscar outros compañeiros sexuais que non sexan a súa nai e construír a súa propia personalidade tomando emprestado elementos tanto de seu pai como de súa nai. Máis tarde, a busca dunha parella permitiralle tornarse, á imaxe de seu pai, un home que goza conforme á lei, sublimando os seus desexos incestuosos a través de creacións diversas.

Exame crítico do complexo Esteándose en material tirado da súa propia autoanálise e de estudos antropolóxicos sobre o totemismo, Freud desenvolveu o complexo de Edipo como unha explicación da formación do ego, do superego e do id. O paradigma tradicional no crecemento psicolóxico dun neno consiste en seleccionar a nai como obxecto do seu desexo sexual. O esperable é a ira do pai e que o neno o sinta como unha especie de castración. O neno internaliza as regras impostas polo pai dando lugar a aparición do superego, que censura o incesto entre outras prohibicións. O pai convértese na figura coa que o neno se quere identificar en tanto que quere ter o seu falo pero desiste nos seus intentos de posuír a súa nai, transferindo a súa atención libidinal cara a novos obxectos de desexo.

Freud cría que o complexo de Edipo era universal. Tentaba amosar que a maior parte dos problemas psíquicos que afectaban a pacientes masculinos resultaban dun complexo de Edipo mal resolto ou non resolto. Freud demostra un asombroso virtuosismo neste exercicio (pódese ler por exemplo a obra práctica Cinco psicanálises).

Con todo, o complexo foi criticado dende diferentes ángulos.

A escola psicanalítica « ortodoxa» O mesmo Freud era consciente de que o modelo do complexo de Edipo non se podía adaptar tal cal ó caso dunha nena. O complexo de Edipo explica en efecto como o neno supera a atracción sexual cara á súa nai e a dirixe cara a outras mulleres. Tamén para a nena a nai se presenta, nos primeiros estadios de desenvolvemento como a nai « nutricia ». Se o complexo funcionaba igual nos nenos e nas nenas, entón non se comprende ben como as mulleres, unha vez adultas, son atraídas polos homes. A psicanálise tentou dar conta desta asimetría a través da noción do complexo de Electra.

As contestacións vidas da antropoloxía e a etnoloxía Claude Lévi-Strauss encontraba abusivo que Freud fundase os alicerces da psicoloxía humana sobre unha « peza de teatro de Sófocles », peza que, por outra parte, non tiña o aval de mito fundador do espírito europeo (o individuo opoñéndose á Cidade) que tiña a súa traxedia Antígona.

Críticas máis severas foron igualmente avanzadas pola etnoloxía. En particular, a noción de complexo de Edipo parecía indisociable dunha forma familiar precisa, unha familia "nuclear", onde o pai, a nai e os nenos viven baixo o mesmo teito e onde o pai biolóxico exerce a autoridade parental sobre o neno. A etnoloxía da familia ensínanos que esta forma de organización familiar non é en absoluto universal: son numerosas as culturas nas que o depositario da autoridade con relación ó neno non é o pai. Nalgúns casos é o tío materno, o cal suscita dificultades numerosas para que o complexo de Edipo funcione como Freud o supoñía.

Esta cuestión continúa alimentando un debate extremadamente vivo, en particular no contexto social en que se desenvolve a cultura occidental con novas formas de familia (a monoparentalidade e a recomposición familiar). Hoxe, numerosos psicanalistas tentan aproveitar a noción teórica do complexo de Edipo nos casos en que a figura da autoridade paterna se atopa ausente, intermitente, ou partillada entre varios pais.

A crítica de Carl Gustav Jung No seo da psicanálise, unha corrente disidente emerxía dos traballos de Jung, que atribuía á vida psíquica non soamente a pulsións individuais inconscientes (como propoñía Freud), senón a un nivel diferente, o do inconsciente colectivo cuxos arquetipos dominan a vida psíquica individual. Segundo Jung, certos impulsos atoparían expresión, no cadro da cultura occidental, no arquetipo cultural de Edipo: nesta análise, o arquetipo influencia a expresión das pulsións que acaban por constituír un complexo de Edipo; mais este complexo non é universal nin no espazo nin no tempo. Noutras culturas dispoñen doutros arquetipos estruturados segundo outro inconsciente colectivo. A atracción da nai e a hostilidade cara ó pai non terían por que articularse nun complexo de Edipo ó estilo occidental.

Non só o contido do complexo de Edipo senón a súa validez, en canto que noción científica, presentan serios problemas de aplicación en problemas neurofísicos e están suxeitos a debate.

As críticas filosóficas Alfred Adler non compartía a idea freudiana do dominio do sexo sobre o ego e atacou as ideas de Freud sobre a represión. Adler coidaba que a teoría da represión da libido debería ser substituída polos conceptos de "tendencias ego-defensivas" -o estado neurótico derivaría de sentimentos de inferioridade e sobrecompensación da protesta masculina. Os complexos de Edipo son para el insignificantes.

Michel Foucault e Gilles Deleuze, xunto co psicanalista radical Félix Guattari, usaron o traballo de Freud para mostrar como as estruturas de poder internalizadas son unha función da orde das cousas do mundo en que vivimos.

Deleuze e Guattari no seu Anti-Edipo falan da diseminación do complexo freudiano de Edipo, que eles denominan Edipalización. A súa visión é que o sistema capitalista e a psicanálise como ferramenta súa pretenden facerlle crer á xente nun pai que é máis poderoso ca eles e que ten un falo que nunca será acadable para eles. A súa idea é que a estrutura familiar representa a unidade máis pequena desa suxeición porque agora o poder non procede dunha forza central como era Deus ou o monarca, senón que está espallado en pequenas unidades de poder que manteñen a xente sometida. Para eles a psicanálise é un intento de producir neuroses ó tempo que o sistema capitalista é inherentemente esquizofrénico. A súa proposta defende estruturas anedípicas, confiando no concepto de obxectos parciais da psicanalista Melanie Klein e propoñendo a substitución da psicanálise por esquizoanálise.

As críticas da cultura popular Moi a miúdo, a cultura popular retratou a Freud de maneira simplista como un pervertido proclamando a súa teoría do complexo de Edipo un completo absurdo. En todo caso, de considerarmos a tenacidade con que o concepto alimentou a imaxinación cultural e os refinamentos a que foi sometido por filósofos e psicanalistas do século pasado é evidente que as condicións históricas suxeridas por Foucault fixeron que a idea resultase certamente atractiva e fose sometida a unha certa disciplina científica.

Véxase tamén Bibliografía Sigmund Freud "Un type particulier de choix d'objet chez l'homme", 1910, in La vie sexuelle, PUF 1969 Totem et tabou, 1913, Gallimard 1993 Melanie Klein, "Les stades précoces du conflit oedipien", 1928, in Essais de psychanalyse, Payot 1968 Ernest Jones, Hamlet et Oedipe, 1948, Gallimard 1967 Moustapha Safouan, Études sur l'Oedipe, Seuil 1974 Jean-Pierre Vernant, "Oedipe sans complexe", in Mythe et tragédie en Grèce ancienne, 1972 Outros artigos Psicanálise complexo de Electra

Categoría:Complexos