A Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia (ESCRBBCCG) é un centro educativo dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia. Ten a súa sede en Pontevedra, no antigo Cuartel de San Fernando, o mesmo edificio que a Facultade de Belas Artes de Pontevedra.

É a única Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia e do noroeste peninsular e é a segunda escola de restauración máis antiga de España.

Historia A escola ofrece estudos superiores de conservación e restauración desde o 12 de xaneiro de 1992. A creación da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia en Pontevedra remóntase a 1991 co Decreto 352/1991, do 17 de outubro (DOG do 24 de outubro).

Entre decembro de 1994 e xaneiro de 1995 finalizou a reforma do antigo cuartel de San Fernando destinado a albergar a Escola Superior Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia. En 1995 a escola trasladouse ao edificio.

Titulación O centro imparte estudos superiores en Conservación e restauración dende 1991. Na actualidade pódese cursar nesta escola o Título Superior en Conservación e Restauración de Bens Culturais (equivalente a grao universitario, a tódolos efectos). O título ten unha duración de catro anos, sendo os dous primeiros anos comúns e os dous últimos anos de especialidade. As tres especialidades que se imparten neste centro son conservación-restauración de bens escultóricos, conservación-restauración de bens pictóricos e conservación-restauración de bens arqueolóxicos.

Os dous primeiros anos de estudos céntranse nas técnicas de conservación e restauración, cun estudo de bioloxía, física e química relacionadas coa restauración e a historia da arte. Nos dous últimos anos realízase unha especialización segundo a opción elixida, na que se profunda na técnica e a teoría de cada apartado.

Admisión A escola é pública e esixe un título de bacharelato e un exame de ingreso específico. O exame consta de dous partes: unha análise textual (relacionado coas materias da escola) e un exame de artes plásticas (por exemplo, que unha cor degrádese en tres fases utilizando branco).

Instalacións O grande edificio da escola é o antigo cuartel neoclásico de San Fernando, obra do arquitecto Bonifacio Menéndez Conde, construído entre 1906 e 1909 e reformado en 1994 polo arquitecto César Portela Fernández-Jardón para converterse en sede da escola superior e albergar os estudos de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia.

A biblioteca da escola ten máis de 9.000 volumes, dos cales case 6.000 foron doados en xullo de 2020 polos herdeiros do médico Manuel Carballal Lugrís, que viviu en Pontevedra.

Galería

Notas

Véxase tamén

Outros artigos Cuartel de San Fernando de Pontevedra Facultade de Belas Artes de Pontevedra

Ligazóns externas Páxina en rede oficial da ESCRBBCCG Páxina en rede dos estudantes da ESCRBBCCG WordPress.

Categoría:Institucións de ensino de Pontevedra Categoría:Conservación e restauración