José Luis Iglesias Lago, nado en Vigo o 23 de novembro de 1934 e finado en Punto Fijo, Venezuela, o 21 de setembro de 2015, foi un futbolista galego, que xogaba de dianteiro.
Traxectoria Nacido en Vigo emigrou coa súa familia a Venezuela, instalándose en Punto Fijo, Falcón. No país caribeño xogou no Falcón e logo no Deportivo Portugués, co que conquistou a Primeira División de Venezuela en 1960, sendo ademais o máximo goleador do campionato.
Volveu a Galicia en 1960 fichando polo Pontevedra CF, que acababa de ascender a Segunda División. Tres anos despois conseguiu o ascenso a Primeira División, o primeiro na historia do club.
Na tempada 1963–64 debutou en Primeira División co Pontevedra, participando en 15 partidos de liga e marcando 3 goles. Foi o primeiro xogador do Pontevedra en marcarlle un gol ao Real Madrid. Ocorreu na xornada 8 no Estadio Santiago Bernabéu, cando Iglesias bateu a Araquistain no minuto 53, aínda que o equipo madrileño acabou gañando o partido por 3-1 con goles de Di Stéfano, Puskás e Gento. Ese ano o equipo galego descendeu a Segunda División.
Volveu participar dun novo ascenso na tempada 1964/65, na que anotou 8 goles, e ao remate da 1965–66 deixou o equipo. Disputou un total de 112 partidos co equipo granate e marcou 26 goles.
Regresou a Venezuela, onde rexentou en Punto Fijo unha tenda de xoias e regalos chamada Regalos Iberia. Faleceu en dita cidade o 21 de setembro de 2015, aos 80 anos de idade.
Vida persoal Casou o 7 de xuño de 1964 con María Esther Barreiro Vega na igrexa de San Bartolomeu de Pontevedra.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Datos do xogador en bdfutbol.com
Categoría:Nados en 1934 Categoría:Nados en Vigo Categoría:Finados en 2015 Categoría:Futbolistas de Vigo Categoría:Dianteiros de fútbol Categoría:Xogadores do Pontevedra CF Categoría:Galegos de Venezuela