Ramón Fernández Rico, nado en Vilasantar en 1891 e finado en Pontevedra o 5 de xuño de 1937, foi un político galego.
Traxectoria Torneiro de profesión, casou con Pura Prado Rey, coa que tivo nove fillos. Foi dono dunha ebanistería na avenida de América da Estrada. Chegou a ser vicepresidente do Partido Radical Socialista en 1931, e máis tarde rematou integrado na Unión Republicana. Tras as eleccións de 1936 e a vitoria da Fronte Popular, Jesús Ignacio Puente Fontanes converteuse en alcalde da Estrada e Ramón Fernández Rico en tenente de alcalde. O 14 de xullo de 1936, o alcalde marchou a Madrid cunha delegación de deputados e políticos galegos para presentar ante as Cortes os resultados do plebiscito sobre o Estatuto de autonomía de Galicia, quedando á fronte do goberno municipal Fernández Rico.
Sublevación de xullo do 36 Tras a sublevación militar do 18 de xullo a Garda Civil negouse a poñerse á disposición das autoridades municipais, polo que Fernández Rico recibiu ordes do Goberno Civil para armar a poboación e deter aos sublevados. Pero foi a Garda Civil quen destituíu ao goberno municipal e comezou a deter políticos, sindicalistas e republicanos. Aínda que nun principiou se agochou durante uns días, acabouse presentando perante a Garda Civil e foi enviado á Prisión Provincial de Pontevedra primeiro e ao improvisado cárcere da illa de San Simón despois.
Cárcere e execución Estivo preso durante máis de nove meses, acusado de múltiples cargos, como os de ser comunista, "instigador do alzamento revolucionario" e inimigo da Igrexa. Durante este tempo a súa muller e fillos saíron a traballar para poder aliviar a penosa situación económica da familia e para poder levarlle comida a Ramón, pois as condicións do cárcere eran lamentables. A pesar da súa confianza en salvar a situación, en marzo de 1937 é condenado á pena de morte.
Nunha das últimas cartas que envía á súa muller di que ten a conciencia moi tranquila, que non fixo mal a ninguén e que foi todo por defender un ideal. Na derradeira carta despídese de toda a familia e pídelle á súa muller que os cartos do enterro os gaste en vestir aos fillos.
Ramón Fernández Rico foi fusilado o 5 de xuño de 1937 na Avenida de Buenos Aires, nun cruzamento de camiños de Monte Porreiro, no concello de Pontevedra. A súa muller fora ese día para velo e presentarlle ao seu fillo nacido había pouco tempo, pero cando chegou xa estaba morto.
Homenaxes En 2006, á beira do río Lérez rendeuse unha homenaxe a Ramón Fernández Rico, Jesús Ignacio Puente Fontanes e José Rodríguez Sangiao, fusilados os tres en 1937.
En 2007, coincidindo co 70 aniversario do fusilamento, celebrouse no salón de plenos do concello da Estrada, unha homenaxe a Fernández Rico e a outros cinco estradenses asasinados canda el e na que participaron numerosos familiares dos represaliados. Tamén se colocou unha placa na casa consistorial para lembrar os fusilados. Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Unha familia desfeita pola represión franquista
Categoría:Concelleiros da Estrada Categoría:Concelleiros de Galicia durante a II República Categoría:Asasinados polo bando nacional en Galicia Categoría:Nados en Vilasantar Categoría:Nados en 1891 Categoría:Finados en 1937 Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes finados hai máis de 80 anos