Gabino de Lorenzo Ferrera, nado o 14 de febreiro de 1943 en Oviedo, é un político asturiano que milita no Partido Popular.
Traxectoria Estudou no Colexio dos Irmáns Maristas e máis tarde obtivo o título de enxeñeiro na Escola de Minas de Oviedo e posteriormente o de doutor na Universidade de Oviedo.
A súa vida laboral empezou en Uninsa na Fábrica de Moreda de Xixón, e posteriormente, en Ensidesa (Veriña) e, tanto en Moreda como en Ensidesa, traballou nas oficinas do alto forno.
Afiliouse a Alianza Popular en 1983. No ano 1987 abandonou o exercicio da súa profesión cando foi elixido Concelleiro de Oviedo como cabeza de lista do PP, grupo maioritario da oposición neses momentos. Desde entón até o 2 de marzo de 2013 presidiu a Xunta Local do PP en Oviedo.
Catro anos máis tarde, en 1991, obtivo a alcaldía de Oviedo, cargo que repetiu con maiorías absolutas nas eleccións de 1995, 1999, 2003 e de 2007.
Desde 1995 é membro da Xunta Directiva Nacional do Partido Popular e tamén forma parte do Comité Executivo Rexional e da Xunta Directiva Rexional en Asturias.
Durante os anos da súa alcaldía Oviedo experimentou unha renovación do contorno urbano: foi pioneiro na peatonalización das rúas da cidade e no soterramento das vías férreas no centro. Durante a década dos noventa, a cidade foi remodelada na súa maior parte, dándolle un aspecto uniforme. Estas melloras permitiron que Oviedo se consolidara como un dos destinos turísticos principais da zona central de Asturias, á vez que se consolida como un importante centro de turismo de congresos (sobre todo a raíz da apertura do Auditorio-Palacio de Congresos Príncipe Felipe). Realizou grandes investimentos en limpeza, conseguindo varios premios para a cidade: en 1994 gañou a Vasoira de Prata á cidade máis limpa de España, en 1996 a Vasoira de Ouro, en 2002 e en 2004 a Vasoira de Platino (no 2004 foi pola recollida selectiva de lixo).
En xaneiro de 2008 foi designado cabeza de lista nas eleccións xerais por Asturias ao Congreso dos Deputados. O 9 de marzo de 2008 o PP perdeu as eleccións en número de votos en Asturias e Gabino renunciou á súa acta de deputado «por non acadar os obxectivos que se propuxeran».
Tras vinte anos ostentando de forma ininterrompida a alcaldía de Oviedo con maioría absoluta, o 22 de maio de 2011 de Lorenzo perde dita maioría no concello a causa da irrupción de Foro Asturias no panorama político asturiano: o Partido Popular baixou de 17 a 11 edís, e Arturo González de Mesa, candidato por FAC á alcaldía, conseguiu 7 edís, converténdose na segunda forza política no Consistorio, por diante do PSOE e de IU. Non obstante, Gabino de Lorenzo foi ratificado como alcalde por sexta vez, nesta ocasión para gobernar en minoría.
O 5 de xaneiro de 2012 foi nomeado delegado do goberno en Asturias, tendo que renunciar á súa acta de concelleiro e á alcaldía de Oviedo para asumir as súas novas responsabilidades o día 9 de xaneiro de 2012. Ocupou o cargo até 2018. Vida persoal
Está casado e ten dous fillos.
Notas
Categoría:Alcaldes de Oviedo Categoría:Políticos do PP Categoría:Nados en Oviedo Categoría:Nados en 1943 Categoría:Deputados no Congreso dos Deputados (IX Lexislatura)