Xosé Constenla Vega, nado en Santiago de Compostela en 1980, é un xeógrafo e cantautor galego. Exerce como profesor da Universidade de Vigo na Facultade de Ciencias da Educación (Campus de Ourense).

Traxectoria Licenciado e Doutor en Xeografía pola Universidade de Santiago de Compostela, é técnico especialista en Sistemas de Información Xeográfica (2006). Foi profesor de Xeografía na Universidade da Coruña, na Universidade Carlos III de Madrid, na Universidade de León e investigador no Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA). Traballou durante 8 anos como xeógrafo na Área de Urbanismo e Ordenación do Territorio de IDOM. Na actualidade é profesor da Universidade de Vigo na área de Didáctica das Ciencias Sociais.

Ten publicado diversos traballos e artigos en revistas de ámbito estatal e internacional.

Como cantautor ten editado cinco discos, sendo os tres primeiros Quen fixo berrar ao silencio (2005), Olladas dun entusiasta (2008) e Sinecismo. Xosé Constenla ao vivo (2013), e ofrecido máis de 300 concertos e recitais. A súa música amosa estados de ánimo e impresións sobre o acontecer social e algunhas visións persoais de intrahistorias cotiás que están sometidas a unha constante avaliación sentimental.

Participou en ciclos e certames de canción autor, e recibiu diversos premios pola súa produción.

O 28 de xuño de 2013 gravou o seu terceiro traballo discográfico en directo no Salón Teatro. Despois de 18 concertos por distintos lugares do país acompañado polo pianista Xavier Constenla, gravou ao vivo e en directo un novo disco. Para esa ocasión reuniu unha banda formada por Leo Gianetto (guitarras), Kike Calzonetti (baixo) e Rober Vázquez (batería). No concerto fixo repaso dos seus dous discos anteriores e presentou 9 temas inéditos. No disco tamén participaron artistas convidados como o cantautor madrileño Javier Bergia, o catalán Litus, e os galegos Roberto Sobrado e César de Centi así o frautista Luis Soto (frautista da Real Filharmonía e membro do Taller Atlántico Contemporáneo).

En febreiro de 2016 lanzou Virada por Avante, producido e arranxado polo músico Fredi Marugán, o seu cuarto traballo, no que se aprecia unha evolución nas composición e no estilo musical cara ao folk-rock americano. O disco está composto por 11 cancións nas que se mestura a temática social coa sentimental. O tema de lanzamento é "A luz entre a desorde" que conta cun vídeo realizado e producido polo propio Xosé Constenla.

Noa ano 2017, resultou gañador do XVII Premio Ramón Piñeiro de Ensaio pola obra O colapso territorial en Galiza. Unha lectura dende o espazo da construción social do país, que organizan conxuntamente a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e Editorial Galaxia coa colaboración de Gas Natural Fenosa.

En outubro de 2020, publicou o traballo discográfico O Globo Vermello. Trátase dunha produción realizada polo propio Xosé Constenla nos meses de abril e maio do mesmo ano, coincidindo co estado de alarma decretado pola situación sanitaria en todo o Planeta. Saíu en formato libro con códigos de descarga e tamén coa posibilidade de adquirir un CD. Xunto coas nove cancións que compoñen o traballo, aparece o relato "O botones do Majestic".

Obra escrita

Ensaio (Re)Imaxinando o universo urbano, 2010, Laiovento. O colapso territorial en Galiza, 2018, Galaxia.

Narrativa O pesadelo de Punta Falcoeiro, 2022, Toxosoutos.O pesadelo de Punta Falcoeiro na páxina web da editorial.

Obra musical publicada

En solitario Quen fixo berrar ao silencio, 2004, Setestrelo Editora. Olladas dun entusiasta, 2008, Setestrelo Editora. Sinecismo. Xosé Constenla ao vivo (CD+DVD), 2013, Setestrelo Editora. Virada por avante, 2016, Setestrelo Editora O Globo Vermello, 2020, Setestrelo Editora e Sacaúntos Para nunca esquecer, 2024, Setestrelo Editora (EP)

En colaboración

Tres pés para un Suso, 2022, autoeditado (con Leo e Roberto Sobrado)

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Páxina web do autor Entrevista de Montse Dopico en Praza Pública.

Categoría:Músicos de Galicia Categoría:Cantantes de Galicia Categoría:Nados en Santiago de Compostela Categoría:Nados en 1980 Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes Categoría:Profesores da Universidade de Vigo Categoría:Alumnos da Universidade de Santiago de Compostela Categoría:Profesores da Universidade da Coruña Categoría:Profesores da Universidade Carlos III de Madrid Categoría:Profesores da Universidade de León Categoría:Cantantes en lingua galega