Otto Jespersen en The Philosophy of Grammar (Londres, 1951) considera as preposicións, conxuncións, adverbios e interxeccións como unha soa clase de palabra, en base á ausencia de flexión. Segundo este lingüista, non hai razón para separar as preposicións das conxuncións: a única diferenza entre after his arrived (despois da súa chegada) e after he had arrived (despois de que chegase) radica en que o complemento é na primeira secuencia un substantivo e, na segunda, unha oración. A causa disto, as conxuncións poderían ser denominadas preposicións oracionais, que introducen unha oración, pois a diferenza baséase na natureza do complemento. A teoría de Jespersen foi primeiramente cuestionada porque algunhas conxuncións, que el considerou pouco relevantes, coordinan e non poden ser clasificadas como preposicións oracionais:You and I (eu e ti).

Nesta mesma dirección maniféstase Beckman, que pon preposicións e conxuncións baixo a denominación común de conectores. A preposición tería como fundamental función conectarse a un substantivo, e a conxunción conectar frases. A función sintáctica sería para este lingüista a base da clasificación. Unha liña semellante segue Louis Hjemslev.

Lonxe da controversia que pode supor a teoría de Jespersen, semella conveniente clarificar os lindes entre preposición e conxunción, intentar localizar unha liña de demarcación que debería vir dada pola función sintáctica que estas desenvolven.

Consideraríase así que son conxuncións os conectores coordinantes que poden unir oracións ou partes de oracións un grupo de iniciadores de oración que introducen oracións subordinadas; son as chamadas conxuncións de subordinación. Consideraríase así que son preposicións aqueles conectores que non subordinarían oracións, que terían fundamentalmente a súa acción centrada no sintagma nominal.

Esta segunda clasificación coincide no fundamental cos manuais tradicionais de gramática, pero hai outras perspectivas:

Ana María Barrenechea inclúe preposicións e conxuncións de subordinación baixo o denominador común de subordinantes, palabras que teñen a función privativa de establecer relacións entre distintos planos sintácticos.

Esta mesma liña séguea a teoría da translación de Lucien Tesnière, quen achega o concepto de translación para, no canto de falar de preposicións e conxuncións, distinguir xuntivos (conxuncións de coordinación, translativos de primeiro grao (preposicións) e translativos de segundo grao (conxuncións de subordinación).

Categoría:Clase de palabra