Leptotrombidium é un xénero de ácaros asiático da familia Trombiculidae, que funciona como reservorio e vector para a transmisión por medio da súa picadura da bacteria Orientia tsutsugamushi (antes chamada Rickettsia tsutsugamushi), a cal produce a febre tsutsugamushi. A forma larval deste ácaro parasita os roedores, pero tamén ocasionalmente os humanos e outros grandes mamíferos, e é a única fase vital do parasito na que este pode transmitir a doenza. Están relacionados co xénero Trombicula, que é da mesma familia, e vive en Europa e Norteamérica.

Pensábase orixinalmente que os roedores eran o principal reservorio natural de O. tsutsugamushi e que os ácaros simplemente funcionaban como vectores da infección, é dicir, que os ácaros limitábanse a transmitir a infección desde os roedores aos humanos. Pero hoxe sabemos que estes ácaros só se alimentan durante un período da súa vida nun só hóspede, o cal significa que a transmisión de roedor a home por medio dos ácaros é imposible (para iso o ácaro tería que alimentarse primeiro no roedor infectado e despois outra vez no home, cousa que non fai: só se alimenta nun deles). En realidade, o que ocorre é que a bacteria persiste nos ácaros por medio dunha transmisión transovárica, a través dos ovos, por medio dos cales os ácaros adultos transmiten a infección á súa futura descendencia. Os ácaros Leptotrombidium son, por tanto, tanto un vector de transmisión coma un reservorio da bacteria O. tsutsugamushi. A infección afecta predominantemente ás femias do ácaro, e non parece que afecte negativamente ao animal.

Ciclo de vida

A larva ten unha cor laranxa pálida e aliméntase de tecido epitelial licuado, pero non de sangue, xa que as súas pezas bucais (quelíceros) son demasiado curtas para chegar aos vasos sanguíneos subcutáneos. Teñen tres pares de patas (de adulto terá os 4 pares de patas que corresponden a un arácnido). As larvas normalmente parasitan a roedores mais tamén a humanos. Para os humanos a súa picadura é indolora, e a dor só se produce normalmente cando a larva se despega da pel, deixando unha pápula vermella no lugar da picadura, que pode orixinar unha éscara.

Os estados larvais duran de 1 a 2 semanas. Despois da alimentarse, a larva cae ao chan e transfórmase en ninfa. A ninfa ten cor vermella ladrillo e 4 pares de patas (típico dun arácnido). O estadio ninfal dura de 1 a 3 semanas. As ninfas maduran a adultos, que teñen catro pares de patas, e o primeiro par é o máis longo. Os adultos son inofensivos para os humanos. No estadio poslarval, non son parasitos e aliméntanse de material vexetal. As femias poñen ovos un por un, que eclosionan nunha semana. A media de vida dun adulto é de 6 meses.

Taxonomía L. akamushi é endémico do Xapón e é o reservorio do serotipo Kato da bacteria Orientia tsutsugamushi; L. deliense é o principal vector no sur da China e en Tailandia; é tamén endémico do Parque Nacional de Litchfield do Territorio do Norte de Australia, onde é portador do serotipo Litchfield da bacteria. L. pallidum é endémico do Xapón e é o reservorio dos serotipos bacterianos Karp e Gilliam; L. scutellare é endémico do Xapón e é o reservorio dos serotipos Kawasaki e Kuroki bacterianos.

Notas

Categoría:Arácnidos