Ladislav Pinkas, nado en Vaux de Cernay (Francia) o 11 de setembro de 1863 e finado en Praga o 28 de febreiro de 1936, foi un tirador de esgrima, tradutor, avogado, político e financeiro checo.

Traxectoria Neto do político Adolf Maria Pinkas e fillo do pintor Soběslav Pinkas, a súa nai era francesa. Estudou dereito na Universidade Carolina de Praga e na École libre des sciences politiques en París, traballando máis tarde como avogado. Desde a súa xuventude practicou a esgrima, en 1886 ingresou no Club de Esgrima Checo recentemente fundado por Gustav Hergsell, e foi un dos profesores da primeira academia de esgrima que se abriu o 26 de abril dese ano . Chegou a ser presidente do club, e unha das figuras máis destacadas da esgrima checa anteriores a 1900.

Desde 1895 foi deputado do Partido dos Novos Checos no Parlamento de Bohemia e membro do comité do partido e en 1911 entrou no comité de xestión da principal caixa de aforros checa, sendo o seu presidente durante moitos anos e tamén estivo á cabeza da Alliance française checa.

Tradutor ao checo, do francés traduciu a obra Les vieux de la vieille de Émile Erckmann e Alexandre Chatrian co título Staří vojáci (1886), e do alemán Unterricht im Säbelfechten de Gustav Hergsell, unha introdución ao sabre en esgrima co título de O šermu šavlí (1888).

Notas

Categoría:Nados en 1886 Categoría:Finados en 1936 Categoría:Esgrimistas da República Checa Categoría:Políticos Categoría:Personalidades da banca Categoría:Tradutores Categoría:Nados no departamento de Yvelines