Antonio de Puga ou Antonio Puga, nado en Ourense en 1602 e finado en Madrid en 1648, foi un pintor galego do século XVII.
Traxectoria Antonio de Puga foi bautizado o 13 de marzo de 1602, fillo de Inés Rodríguez e do xastre Antonio de Puga. Un dos seus padriños, Pedro Gutiérrez, figura como entallador na partida de nacemento.
O 1 de marzo de 1635, enfermo de gravidade, Puga fixo testamento en Madrid. Nel reclama varias cantidades que se lle debían pola súa participación en dous cadros de tema bélico destinados ao Salón de Reinos do Palacio do Retiro. Así mesmo, pide que se devolvan a Juan Bautista del Mazo, xenro de Velázquez e tamén pintor, trinta e dous reais que lle tomara prestados.
Puga realizou un segundo testamento o 9 de marzo de 1648. Morreu ao día seguinte e a execución testamentaria iniciouse o 11 de marzo. Dous pintores, Santiago Morán e Antoine Grosjean, foron nomeados como executores do testamento. O pintor pediu ser enterrado na súa parroquia de Madrid, San Ginés.
Neste testamento Puga declarouse solteiro e sen fillos e residente nunha vivenda de alugueiro da rúa Mayor de Madrid. A maior parte dos seus ben legoullos á súa nai, que lle sobreviviu poucas semanas, e a unha irmá, Elena. Ambas residían en Ourense, casada Elena co alférez Santiago Diéguez. Tamén destinou trinta ducados a Petronila de Navas. Polo amor e coidados recibidos durante a súa enfermidade dispuxo que escollese unha xoia da súa propiedade. Petronila preferiu, en troques da xoia, unha imaxe da Virxe da Soidade pintada polo propio Puga.
No testamento relaciónase unha serie de cadros e imaxes da propiedade de Puga, entre os que destacan os nomes do Greco e de Alonso Sánchez Coello. Faise tamén unha relación de cadros dos que non se sinala autoría. María Caturla entende que poderían ser da man de Puga: retratos de persoas reais, Olivares ou cortesanos, santos inseridos en paisaxes, virxes e outras imaxes relixiosas ou bodegóns.
Obra A atribución de obras a Puga é moi difícil e insegura. Apenas se coñecían datos sobre o pintor, moitos deles errados, até mediados do século XX. Foi entón que María Luisa Caturla, conservadora do Prado, logrou avances fundamentais no seu estudo.
Con todo, o traballo de Caturla non está exento de hipóteses arriscadas pola falta de documentación. Así, aventurou a súa autoría no cadro Un soldado morto, que chegou a atribuírse a Diego Velázquez e figura desde 1865 na colección da National Gallery. Apoiábase en similitudes estilísticas con outras obras confirmadas, así como na presenza de armas no inventario post mortem das súas propiedades, que servirían para representar en cadros. Porén, a National Gallery cataloga Un soldado morto como un anónimo italiano do século XVII, en consonancia coas últimas investigacións.
No seu primeiro testamento, Puga reclama o pago pola paisaxe que pintou en dous cadros de Eugenio Caxés. Eses cadros eran A expulsión dos holandeses da illa de San Martín (en paradoiro descoñecido desde a Guerra da Indepedencia) e a Recuperación de San Juan de Puerto Rico (Museo de El Prado). Ambos os cadros quedaron seguramente sen rematar á morte de Caxés nas últimas semana de 1634 e tiveron que ser completados por outro artista. É posible que Puga rematase as paisaxes, ou polo menos que estivesen moi avanzadas, antes de sufrir a enfermidade que o levou a emitir testamento en 1635.
A realización de paisaxes en cadros en que outros artistas pintarían as figuras do primeiro plano debeu de ser unha práctica habitual en Puga, cando menos nos seus anos de aprendizaxe. En 1641 o embaixador de Módena en Madrid escribe ao seu duque falándolle duns cadros de Juan de la Corte, sinalando que "cada cadro adórnase con paisaxes da man de Antonio Puga, que son os máis estimados naquel xénero por esta corte e pola Súa Maxestade".
O único cadro no que figura a sinatura de Puga é un San Xerome, na colección do Bowes Museum, en Inglaterra. Á sinatura engádese a data, 1636. Este cadro parécelle a Caturla unha regresión a modelos manieristas pola postura forzada do santo e o frío colorido. Caturla inclínase a pensar que se trata da copia dun orixinal de José de Ribera conservado en El Prado. Esa mesma obra foi copiada por Francisco Collantes, discípulo de Vicente Carducho, nun cadro da colección do Museo Nacional de Arte de Dinamarca. Esta hipótese sería unha confirmación máis de que Puga participaba do amplo círculo de pintores que traballaba en Madrid na primeira metade do XVII. dereita|miniatura|Magdalena penitente da Colección Poletti.
Tamén se atribúe a Puga a Magdalena penitente] da Colección Poletti, adquirida en 1992 ao museo John Paul Getty de California. A atribución baséase en que no revés da tela figura o apelido do pintor. Caturla outorga credibilidade á atribución ao indicar que no inventario post mortem de Puga referénciase "un retrato de la Magdalena de Vna (sic) bara de alto". Esta atribución é moi problemática. Case non existen espidos femininos na pintura barroca española e ningún resulta tan rotundo como esta Magdalena. Ademais, no lombo do libro que a Magdalena deixa caer parece lerse "Vitte (sic) dei santi". Este título en italiano motivou que a obra fose atribuída durante séculos a distintos pintores italianos, até que a descuberta da inscrición no reverso fixo atribuírlle a tela a Puga. Nicita, Paola (2019). L’enigma del reale - Ritratti e nature morte dalla Collezione Poletti e dalle Gallerie Nazionali Barberini Corsini. Roma, p. 8. Entre os museos que teñen obra atribuída a Puga figuran o Museo de Pontevedra, o Museo Provincial de Ourense, o Museo Municipal Quiñones de León, a Colección Afundación, o Museo do Prado, o Ermitage e a National Gallery.
Estilo É de supoñer que Puga foi un membro destacado do obradoiro de Eugenio Caxés nos anos previos á súa morte o 15 de decembro de 1634. Caxés nacera en 1575, fillo do pintor aretino Patrizio Cacesi, estabelecido en Madrid a finais da década dos sesenta do século XVI, tras ser chamado por Filipe II.
Esta formación explicaría os trazos de manierismo escurialense que Caturla atopa en obras como o San Xerome. A medida que avanza na súa produción, sempre en opinión de Caturla, Puga convertiríase nun epígono de Velázquez. Antes de morrer acadaría "unha altura espiritual e técnica que encaixa con honra na grande evolución artística europea", é dicir, que Puga logrou desenvolver nos anos previos á súa morte unha linguaxe propia dentro dos códigos do primeiro barroco, que en España estarían fortemente influídos pola pintura de Caravaggio.
Galería de imaxes
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
Ligazóns externas Bibliografía de en pintoresgallegos.com.
Enciclopedia online Museo Nacional del Prado .
Categoría:Pintores de Galicia do século XVII Categoría:Nados en Ourense Categoría:Nados en 1602 Categoría:Finados en 1648 Categoría:Pintores de Galicia coa obra no dominio público