Mercury-Atlas 6 ou MA-6, e tamén coñecida como Friendship 7 polo nome da cápsula, foi a primeira misión orbital tripulada do proxecto Mercury e a primeira en que se puxo en órbita un astronauta estadounidense, John Glenn.
Desenvolvemento da misión
Os obxectivos de MA-6 foron avaliar o rendemento do sistema home-nave nunha misión cunha duración de tres órbitas, estudar os efectos do voo espacial no astronauta e obter as impresións do astronauta sobre o funcionamento da nave e dos sistemas de soporte vital.
O lanzamento da misión estaba planeado para finais de xaneiro, pero foi posposto dúas veces: a primeira pola meteoroloxía adversa, e a segunda por unha fuga de propelente no foguete Atlas LV-3B. O día do lanzamento a conta atrás detívose catro veces por distintos problemas que finalmente se resolveron. Xa en órbita, un dos propulsores de control quedou atascado, co que Glenn desactivou o sistema de control automático para pasar a pilotar manualmente a cápsula. Máis tarde un sinal do sistema do escudo térmico indicou que as grampas que sostiñan o escudo térmico contra a nave se soltaran, co que só seguiría unido á nave grazas ó equipo de retrofoguetes que sería usado máis tarde para deorbitar a nave e que se atopaba no extremo do escudo, unido por cintas á estrutura da nave. O control de terra decidiu que manterían unido os retrofoguetes á nave despois de finalizar o retroacendido co fin de que se o sinal era real o escudo permanecese o maior tempo posible unido á nave. Logo, en terra, determinouse que o sinal se disparara por culpa dun interruptor defectuoso e que o escudo nunca estivera en perigo.
Unha das anécdotas do voo foi cando Glenn informou de estar vendo "vagalumes" ó entrar na parte iluminada polo Sol dunha das órbitas. O fenómeno permaneceu inexplicado ata o seguinte voo dunha Mercury, cando Scott Carpenter experimentou o mesmo fenómeno, descubrindo que se trataba de xeo proveniente do sistema de control a reacción da nave.
Antes do voo os expertos expresaron a súa preocupación polos efectos da falta de gravidade e da radiación no espazo sobre o corpo humano. Durante o voo Glenn informou de que se sentía ben en todo momento, e máis tarde comprobouse que recibira menos da metade da radiación predita.
A cápsula reentrou tras tres órbitas e caeu no océano Atlántico, a 1300 km ó sueste das Bermudas. Glenn e a cápsula foron recollidos 21 minutos despois da amaraxe por un helicóptero do destrutor USS Noa.
Notas
Véxase tamén
Outros artigos Proxecto Mercury Mercury-Redstone 3 Mercury-Redstone 4 Mercury-Atlas 7 Mercury-Atlas 8 Mercury-Atlas 9
Categoría:Proxecto Mercury