Agaricales é unha orde de fungos da clase Agaricomycetes que inclúe algúns dos cogomelos máis coñecidos. Noutrora estaba incluída na clase Homobasidiomicetes, hoxe en desuso. A orde ten 33 familias, 413 xéneros, e arredor de 13000 especies descritas. Inclúe multitude de cogomelos coñecidos, dende o ubicuo champiñón común ou Agaricus bisporus, á mortal cacaforra Amanita virosa, así coma fungos alucinóxenos e velenosos coma o rebentabois (Amanita muscaria) ou especies bioluminiscentes coma o Omphalotus olearius.

Clasificación Algúns fungos con corpos frutíferos en forma de cogomelo con chapeu, coma Cantharellus, foron clasificados tradicionalmente en distinto grupo que o resto de Agaricales. Grazas aos estudos moleculares, estase a albiscar que hai máis grupos diverxentes do que se pensou nun principio, coma os xéneros Russula e mais Lactarius, aos que se teñen situado nunha orde distinta, Russulales, e outros fungos de lamelas, que inclúen especies coma Paxillus involutus e mais Hygrophoropsis aurantiaca, que amosan unha maior afinidade con Boletus, e aos que se teñen situado na orde Boletales.

Por outra banda, a algúns fungos de morfoloxía bastante diferente, como os Lycoperdon e algúns fungos clavaroides, coma o xénero Typhula e maila especie Fistulina hepatica, foron recentemente clasificados dentro da orde Agaricales.

O termo agárico ten sido tradicionalmente referido á orde Agaricales, aos que se definiron exactamente coma os fungos con lamelas. Tralos descubrimentos descritos enriba, eses dous termos non poden considerarse sinónimos (malia haber moitos solapamentos entre eles).

Distribución e hábitat A orde Agaricales é ubicua, sendo atopada en todos os continentes. Aínda que todos son terrestres, os seus hábitats inclúen todo tipo de pantanos, lameiros e pasteiros, variando grandemente dunha especie a outra.

Características Os basidiocarpos das especies desta orde son tipicamente carnosos, cun estipe ou pé, un píleo (ou chapeu) e lamelas, onde os basidios se almacenan. Esta é a estrutura tipo do que se coñece como cogomelo.

Ciclo de vida O ciclo de vida das especies da orde Agaricales é moi representativo de Basidiomycota. É frecuente neste taxon atopar especies que presentan hifas septadas, con fíbulas, ou conexións en abrazadeira (clamp connections), e células dicariotas.http://www.cienciaybiologia.com/botanica/criptogamas/basidiomycotiina.htm

As basidiosporas sempre son expulsadas dos basidios entre os bordos da lamela, para posteriormente caer no chan ou ser transportadas polo vento.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas

Os fungos con lamelas ("Agaricales") Moncalvo JM, et al. 2002. 117 clados de euagaricos. Filoxenética Molecular e Evolución 23:357-400. Tree of Life: Agaricales