A dinactina ou complexo activador da dineína é unha proteína formada por moitas subunidades, que se encontra nas células eucarióticas, e colabora no transporte intracelular bidireccional ao unirse a poteínas motoras como a dineína e a cinesina-2 e ligalas a orgánulos ou vesículas celulares para que estes sexan transportados.

Estrutura e mecanismo de acción

A dinactina consta de moitas subunidades, das cales o dobrete p150Glued (codificado polo xene DCTN1) é o meirande e é esencial para o seu funcionamento. Esta estrutura da dinactina está moi conservada nos vertebrados. Existen tres isoformas codificadas polo mesmo xene p150Glued. O complexo dinactina visualizado por técnicas de microscopía electrónica parece un filamento curto de 37 nm de lonxitude, que lembra á actina F cun filamento orientado lateralmente e máis delgado que remata en dúas cabezas globulares.

O complexo da dinactina consta de tres dominios estruturais principais, que son: brazo lateral-ombreiro: DCTN1, DCTN2/dinamitina, DCTN3/p22/p24; o bastón Arp1: Arp1/centractina, actina, CapZ; o complexo do extremo bicudo: Actr10/Arp11, DCTN4/p62, DCTN5/p25, e DCTN6/p27. A dinactina interacciona coa dineína directamente pola unión das cadeas intermedias da dineína co dobrete p150Glued. A DCTN2 (dinamitina) está tamén implicada no ancoramento de microtúbulos aos centrosomas e pode xogar algún papel na formación de sinapses entre as neuronas durante o desenvolvemento do cerebro. A DCTN4 (p62) únese directamente á subunidade Arp1 da dinactina. A Arp1 é o dominio para a unión da dinactina a vesículas membranosas (como as orixinadas no aparato de Golgi ou endosomas tardíos) por medio da súa asociación coa β-espectrina. O complexo do extremo bicudo (PEC, pointed end complex) está implicado na unión selectiva do cargamento. As subunidades PEC p62/DCTN4 e Arp11/Actr10 son esenciais para a integridade do complexo dinactina e no establecemento do destino da dinactina/dineína cara a envoltura nuclear antes da mitose. A dinactina p25/DCTN5 e p27/DCTN6 non son esenciais para a integridade do complexo da dinactina, pero cómpren para o transporte de endosomas temperáns e reciclados durante a interfase e a regulación do punto de control (checkpoint) da ensamblaxe do fuso na mitose.

Funcións A dinactina é a miúdo esencial para a actividade da dineína e pode considerarse como un "receptor da dineína" que modula a unión da dineíma aos orgánulos da célula, que van ser transportados ao longo dos microtúbulos. A dinactina tamén potencia a procesividade dos motores dineína citoplasmática e cinesina-2. A dinactina está implicada en varios procesos como o aliñamento dos cromosomas e a organización do fuso na división celular. A dinactina contribúe a enfocar o polo do fuso mitótico por medio da súa unión á proteína do aparato mitótico nuclear (NuMA). A dinactina tamén se une ao cinetocoro por medio da unión entre DCTN2/dinamitina e zw10 e ten unha función na inactivación do punto de comprobación do fuso mitótico. Durante a prometafase, a dinactina tamén axuda a dirixir ao cinetocoro a quinase tipo polo 1 (Plk1) por medio da DCTN6/p27 fosforilada por quinase dependente de ciclina 1 (Cdk1), a cal está implicada na unión correcta entre microtúbulo e cinetocoro e o recrutamento da proteína Mad1 do punto de comprobación da ensamblaxe do fuso. Ademais, a dinactina ten unha función esencial no mantemento da posición nuclear en Drosophila, peixe cebra ou en diferentes fungos. A dineína e a dinactina concéntranse na envoltura nuclear durante a profase e facilitan a disgregación da envoltura nuclear por medio das súas subunidades DCTN4/p62 e Arp11. A dinactina tamén é necesaria para o ancoramento de microtúbulos aos centrosomas e á integridade do centrosoma. A desestabilización do conxunto de moléculas de dinactina do centrosoma tamén causa unha separación anormal dos centríolos en G1 e o atraso da entrada na fase S, o que parece indicar que a dinactina contribúe ao recrutamento de importantes reguladores do ciclo celular nos centrosomas. Ademais do transporte de varios orgánulos no citoplasma, a dinactina tamén une a cinesina-2 a orgánulos.

Notas

Véxase tamén Bibliografía

InterPro - IPR008603 Esta páxina utiliza contido de InterPro en dominio público.

Categoría:Proteínas Categoría:Proteínas motoras