Santiago de Landoi é unha parroquia que se localiza no sur do concello de Cariño. Segundo o IGE en 2010 tiña 169 habitantes (84 mulleres e 85 homes), distribuídos en 15 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 218 habitantes.

Xeografía Landoi esténdese pola aba oriental da Serra da Capelada co seu pico da Miranda como altura máis destacada e chega até os lindes da Ría de Ortigueira nas terras do lugar de Cabanán. Linda polo norte coas parroquias da Pedra dende a Pena do Monte da Herbeira até a Pena do Frade da Miranda e con Sismundi dende a Cova do Sisto até a Penarredonda da Curveira. Polo leste limita dende a punta anterior até a Punta do Cepo co litoral da ría. Polo sur limita coas parroquias de Feás e Veiga do concello de Ortigueira e Régoa do concello de Cedeira. Finalmente polo oeste linda coa anterior parroquia de Cedeira.

A estrada de Mera a Cariño atravesa a parroquia. Tamén o río Seixo baña as súas terras despois de captar auga de multitude de regatos que baixan dos montes da Capelada até desaugar na Ría de Ortigueira en Esteiro.

Patrimonio A igrexa parroquial, na honra de Santiago, cunha soa planta e espadana no fronte está rodeada polo cemiterio e atópase no lugar do Igrexario.

A Pena do Castelo conserva restos dun poboado castrexo, no que se aprecian vestixios dos muros.

Lugares e parroquias Lugares de Landoi

Parroquias de Cariño

Notas

Véxase tamén Outros artigos Lugares de Cariño

Categoría:Parroquias de Cariño Categoría:Parroquias de Galicia baixo a advocación de Santiago o Maior