O abeto do Cáucaso (Abies nordmanniana) é unha especie arbórea do xénero Abies, orixinaria do Cáucaso e de Asia Menor. Emprégase coma árbore de Nadal.
Morfoloxía Altura: Pode acadar os 60 metros. Follas: Flexíbeis, de 2 a 3 cm de longo por uns 2 mm de largo e 0,5 mm de espesor; verdes e lustrosas pola face con dúas liñas claras polo envés; coas puntas dirixidas cara a parte superior da poliña que as contén e á que oculta; lixeiramente escotadas ou truncadas no ápice. Inflorescencias: as masculinas de cor verde amarelenta e as femininas averdadas durante a floración. conos: cilíndricos, de 10 a 20 cm de lonxitude e de 4 a 5 cm de largo, con exsudacións de resina. Tronco: casca agrisada, lisa nos espécimes novos e gretadas de forma lonxitudinal nos adultos. Madeira: suave e branca, utilizada fundamentalmente na construción e para elaborar papel.
Hábitat e cultivo Medra en climas frescos e con boa humidade ambiental. Os terreos non deben ser calcarios e estar ben drenados. Atura relativamente ben a polución.
Reprodúcese por sementes e por esgallos. Hibrídase con facilidade co abeto pinsapo (Abies pinsapo) e outras especies cultivadas en viveiros, polo que ás veces resulta difícil distinguir algúns exemplares.
Usos É o abeto clásico empregado coma árbore de Nadal en moitos fogares por mor a súa abondosa e atractiva follaxe; o arume ten os picos romos no canto de seren afiados, que non caen facilmente cando a árbore seca. Con esta fin cultívanse expresamente, xa que polo xeral está prohibida a súa talla ou extracción indiscriminada nos bosques.
De interese ornamental polo seu porte piramidal, é popular en parques e grandes xardíns. A súa madeira é branca e suave, úsase normalmente para a construción e fabricación de papel etc.
Notas
Véxase tamén
Categoría:Abies Categoría:Plantas ornamentais Categoría:Coníferas Categoría:Plantas de Nadal Categoría:Árbores forestais Categoría:Madeiras