miniatura|right|250px|Máscara de Dioniso conservada no Louvre A traxedia grega é un xénero teatral orixinario da Antiga Grecia. Inspirado nos ritos e representacións sagradas que se facían en Grecia e Asia Menor, alcanza o seu apoxeo na Atenas do século -V. Chega sen grandes modificacións ata o Romanticismo, época na que se abre a discusión sobre os xéneros literarios, moito máis do que o fixo durante o Renacemento.
Debido á longa evolución da traxedia grega a través de máis de dous mil anos, resulta difícil dar unha definición unívoca ao termo traxedia, xa que o mesmo varía segundo a época histórica ou o autor do que se trate.
Na Idade Media, cando se sabía pouco ou nada do xénero, o termo asume o significado de "obra de estilo tráxico", e estilo tráxico devén nun sinónimo bastante xenérico de poesía ou estilo ilustre, como De vulgari eloquentia, de Dante Alighieri.
O argumento da traxedia é a caída dun personaxe importante. O motivo da traxedia grega é o mesmo que o da épica, é dicir o mito, pero desde o punto de vista da comunicación, a traxedia desenvolve significados totalmente novos: o mythos (μύθος) fúndese coa acción, é dicir, coa representación directa (δρᾶμα, drama). Onde o público ve cos seus propios ollos personaxes que aparecen como entidades distintas que actúan en forma independente, a escena (σκηνή), provisto, cada un, da súa propia dimensión psicolóxica.
Os máis importantes e recoñecidos autores da traxedia foron Esquilo, Sófocles e Eurípides que, en diversos momentos históricos, afrontaron os temas máis sensíbeis da súa época. Orixe e evolución da traxedia Canción do bode miniatura|right|Sacerdotisas danzantes, que levan un año ou bode para sacrificios. A orixe da traxedia grega é un dos tradicionais problemas non resoltos pola filoloxía clásica. A fonte primaria deste debate atópase na Poética de Aristóteles. Nesta obra, o autor recolle documentación de primeira man sobre as etapas máis antigas do teatro en Ática. A súa obra, polo tanto, é unha contribución imprescindíbel para o estudo da traxedia antiga.
Respecto da orixe da traxedia os antropólogos indicaron, tal como o confirma a etimoloxía da palabra, que se trata dun ritual de sacrificio, no que se ofrecían animais aos deuses. Isto facíase sobre todo para obter boas colleitas e boa caza. Momentos cruciais que determinaban a vida dos antigos eran os de cambios astrais (equinoccio e solsticio, que marcan o cambio dunha estación a outra). Os sacrificios dábanse, polo tanto, nestes momentos, por exemplo, pouco despois do solsticio de primavera para asegurarse o advento desta boa estación para a agricultura. Como noutras relixións, mesmo na cristiá, o momento dos sacrificios coincidía coa primavera en razón de que a difusión debeu adaptarse ás festas pagás preexistentes, como o 25 de decembro que cae próximo ao solsticio de inverno. Nunha época prehistórica recente, tales sacrificios tiveron que ser transformados en danzas rituais, nas cales a loita primordial era do bo (representada polo día, a luz, a primavera) contra o malo (a noite e o inverno). Triunfaba finalmente o bo contra o malo.
Quedan aínda moitos puntos escuros sobre a orixe da traxedia. O primeiro refire á etimoloxía de traxedia (τραγῳδία). Distínguense nesta a raíz de "bode" (τράγος / trágos) e cantar (ῳδία), sería polo tanto "o canto do bode", quizais en referencia ao premio que era dado ao vencedor do certame tráxico (un bode); ou o sacrificio deste animal sagrado a Dioniso, que frecuentemente acompañaba a festa en honor ao deus. Unha teoría máis recente de J. Winkler fai derivar o termo traxedia do vocábulo raro traguízein (τραγὶζειν) que significa "cambiar de voz, asumir unha voz de beo como as cabras", en referencia aos actores. A menos que, suxire D'Amico, tragoidía non signifique máis que simplemente "canto do bode" dos personaxes satíricos que integraban o coro das accións sagradas a Dioniso. Outras hipóteses tentativas, sinalaron unha etimoloxía que refire á traxedia como unha oda á cervexaJane Ellen Harrison, Prolegomena to the Study of Greek Religion, 1903, cap. VIII, delineou como Dioniso, deus do viño (bebida das clases acomodadas) foi precedido en realidade do Dioniso deus da cervexa (bebida das clases populares). A cervexa ateniense obtíñase da fermentación da cebada, trásgos en grego. Así é probábel que o termo orixinario significase «oda á cebada», e só a continuación se estendese a outros significados similares.
O que é posíbel afirmar con certeza é que a raíz trag- (τραγ-), mesmo antes de referirse ao drama tráxico, foi utilizada para significar o estado "similar ao dun bode", pero tamén á aspereza, a luxuria, o pracer da comida, nunha serie de palabras derivadas que gravita en torno ao ámbito lingüístico do rito dionisíaco.
Do ditirambo ao drama miniatura|200px|Dioniso en torno aos sátiros Sinala Aristóteles que a traxedia nace ao comezo como improvisación, precisamente "do coro que entoaba o ditirambo" (ἀπὸ τῶν ἐξαρχόντων τὸν διθύραμβον, apò tōn exarchòntōn tòn ditýrambon), un canto coral en honor a Dionisio. Ao comezo estas manifestacións eran breves e dun ton burlesco porque contiñan elementos satíricos; daquela a linguaxe faise máis grave e cambia mesmo a medida, que de verso trocaico devén en iámbico.
O ditirambo, orixinalmente improvisado, asume logo, unha forma escrita e preestablecida. O primeiro ditirambo escrito foi a obra de Arión. O coro dirixíase ao thymele (θυμέλη), o altar dos sacrificios e cantaba en círculo dispoñéndose en torno ao mesmo.
Pódese supoñer que en determinado momento no que o coro entoaba este canto en honor a Dioniso, o corifeo, é dicir o portavoz do coro, sería separado e comezaría a dialogar co coro, converténdose así nun verdadeiro personaxe. Posteriormente o mesmo coro, desdobrándose en dous semicírculos, daría vida a un diálogo entre os dous corifeos, e introdúcese un hypocritès (ὑποκριτής, un contestador, posteriormente significará actor), que pronunciaba as palabras de Dioniso, mentres o coro movíase ao seu ao redor, dando así nacemento ao drama. Do canto épico-lírico, o ditirambo transfórmase en teatro.
Mentres nacía e se estruturaba a traxedia propiamente, o espírito máis popular dos ritos e das danzas dionisíacas sobrevivía no drama satírico. As primeiras traxedias A tradición atribúe a Tespis a primeira composición tráxica. Desta traxedia sábese pouco, salvo que o coro estaba formado aínda por sátiros e que foi a primeira traxedia ganadora dun concurso dramático. Outros dramaturgos da época foron Frínico, Quérilo, autor probabelmente de cento setenta traxedias (con trece vitorias) e Prátinas autor de trinta e dous dramas satíricos, que naquel momento afianzaron a representación da traxedia.
De Frínico tense maior información. Máis aló de introducir nos diálogos o verso iámbico, invento o xénero da traxedia con argumento histórico (A Toma de Mileto), introducindo unha segunda parte: a traxedia encamiñábase así á triloxía, que será introducida por Esquilo. A súa primeira vitoria en competencia dáse no ano -510
Esquilo: a codificación Sería Esquilo quen fixou as regras fundamentais do drama tráxico. Atribúeselle a introdución de máscaras e coturnos. Por outra banda, con el a traxedia empeza a ser unha triloxía. Ao introducir un segundo actor, fai posíbel a dramatización dun conflito. A representación da traxedia asume unha duración definida (do amencer á posta do sol, tanto na realidade como na ficción), e no mesmo día represéntase a triloxía, na cal as tres partes están relacionadas coa mesma historia.
No seu traballo, se se confrontan as primeiras traxedias cos de anos sucesivos, nótase unha evolución e un enriquecemento dos elementos propios do drama tráxico: diálogos, contrastes, efectos teatrais. Isto débese tamén á rivalidade que o vello Esquilo debe soster nos concursos dramáticos: cun mozo rival, Sófocles, que aumenta en popularidade e que introduciu un terceiro actor, complicou as tramas, desenvolvendo caracteres máis humanos, cos cales o público vese identificado.
Esquilo acepta as innovacións, aínda que sendo sempre fiel a un rigor extremo, a unha relixiosidade case monoteísta cuxa divindade suprema, Zeus, aparece representado ás veces como un tirano, ás veces como un deus omnipotente. En canto aos personaxes, son sempre heroes; case todos teñen características superiores ás humanas. Esquilo non busca neles o realismo, a naturalidade, ou unha cotidianeidade que chegará con Eurípides, senón unha sublimación suprema. A reforma de Sófocles Plutarco, na Vida de Cimón relata o primeiro triunfo do novo e talentoso Sófocles contra o soado e ata ese momento invicto Esquilo, concluído de modo insólito, sen o avezado sorteo dos árbitros, que provocou o exilio de Esquilo a Sicilia. As innovacións que Sófocles introduciu e que lle mereceron polo menos vinte triunfos, referían a moitos aspectos da representación tráxica, desde os detalles máis insignificantes (como os calzados brancos e os bastóns curvados) ata cambios de máis peso.
Introduciu un terceiro actor, que permitiu que a traxedia multiplicase o número de personaxes posíbeis, aumentou a quince o número de coreutas, interrompeu a ata entón obrigatoria triloxía, facendo posíbel a representación de dramas independentes, introduciu o uso da escenografía. Con respecto a Esquilo, os coros tráxicos de Sófocles tiveron cada vez menos participación na acción e comezaron a ser espectadores da escena e comentaristas dos feitos. Pertence a Sófocles a introdución do monólogo (por exemplo, Áiax ou Edipo), cuxa duración permitía ao actor demostrar a súa capacidade, e ao personaxe expresar completamente o seu pensamento. A psicoloxía do personaxe profúndase e emerxe unha análise descoñecida da verdade e do home. Sófocles intentou quitar a énfase nese estilo ampuloso, recargado e espectacular (ónkos/ὄγκος) dos seus personaxes e da propia acción, para restituílos totalmente á súa función dramática. En Edipo en Colono o coro repite "a sorte maior non nace". As peripecias que sofren os heroes non son consecuencia dunha culpa e nisto podemos ver o principio dunha reflexión sobre o sufrimento como elemento central da condición humana.
O realismo de Eurípides miniatura|right|300px|Relevo que celebra probabelmente o triunfo das Bacantes As particularidades que distinguen a Eurípides dos outros dous dramaturgos son, por unha banda, a procura da experimentación técnica efectuada en case todos os seus traballos e, por outro, a maior atención que pon na descrición das emocións dos personaxes, analizando a súa evolución durante o desenvolvemento dos acontecementos que narra.
A innovación absoluta do teatro de Eurípides, con todo, áchase no realismo co cal o dramaturgo traza a dinámica psicolóxica dos personaxes. Os heroes descritos nas súas obras xa non son os resoltos protagonistas dos dramas de Esquilo e Sófocles, senón que a miúdo son persoas problemáticas e inseguras, moi afastadas do modelo do heroe clásico. De feito estes continúan procedendo do mundo do mito, pero o seu comportamento é o de seres humanos, asediados en moitos casos pola tolemia, a perversidade ou un desexo de vinganza que poden parecer monstruosos. Non é, pois, frecuente atopar en Eurípides os personaxes luminosos da traxedia sofocleana, xa que o sufrimento e as humillacións que experimentan aféctanlles no máis fondo da súa alma. Esta é a razón pola que sexan tan importantes as mulleres (ás veces, mesmo estranxeiras), os escravos e as vítimas das guerras.
En efecto, as protagonistas femininas dos dramas, como Andrómaca, Fedra, Medea, son as novas figuras tráxicas de Eurípides, que presenta sabiamente como mulleres atormentadas e con impulsos irracionais que chocan co mundo da razón. Estrutura da traxedia