Sergio Vallejo Folgueira, nado en Meira o 8 de xaneiro de 1967, é un piloto galego de rallys.

É un dos pilotos máis destacados da historia do Campionato de España de Rallys, no que compite dende finais dos anos 80 e do que se proclamou dúas veces campión (en 2009 e 2014) e tres veces subcampión (2003, 2008 e 2012), e no que logrou 24 vitorias. É o piloto con máis rallys disputados no campionato (253), o terceiro que máis veces subiu ao podio (78), só superado por Chus Puras e Miguel Fuster, o segundo con máis scratchs (253) e o terceiro con máis puntos acumulados (6.340), superado neste último rexistro por Puras e Luis Monzón. Competiu ademais no Campionato de Galicia de Rally, logrando varias vitorias, e no Campionato de España de Rallys de Terra.

Alcumado "o lobo de Meira", disputou en total máis de 350 rallys en 36 anos de carreira, dende o seu debut cun Seat Panda 45 no Rally de Noia de 1985, tendo como copiloto na maioría deles ao seu irmán Diego.

Traxectoria

Inicios en competición (1985-1989) Debutou no mundo dos rallys con 18 anos, só dous meses despois de obter o carné de conducir. Foi no Rally de Noia de 1985 cun Seat Panda e con Raúl Rego como copiloto, encadrado dentro da Copa Panda do Campionato de Galicia de Rally, que disputou ese ano e os dous seguintes. Durante eses anos tivo varios copilotos máis, entre eles o seu curmán Paulino Novo. Con Novo e co Panda rematou 10º en abril de 1988 no 1º Rally de Narón, pertencente ao campionato galego de terra. Ese mesmo mes estreou en Noia un Peugeot 309 GTI 8V do grupo N, co que disputou varios rallys ese ano, tanto do campionato galego, como do Campionato de España e da Copa de España. Conseguiu o noveno posto xeral no Rally Rías Baixas e no Rally San Froilán e o sexto no Rally CIdade de Cristal. Repetiu co mesmo coche ao ano seguinte, no que disputou xa varios rallys co seu irmán Diego, que sería o seu copiloto principal o resto da súa carreira. Con el logrou o quinto posto ese ano no Cidade de Cristal, da Copa de España, tras un duelo nocturno con Peitos.

Desafío Peugeot (1990-1994) En 1990 comezou a correr cun Peugeot 205 GTI, co que rematou quinto no grupo N do Campionato de España e cuarto no Desafío Peugeot. Ademais conseguiu subir ao podio en dous rallys do campionato de Galicia, o Rally Botafumeiro, onde quedou segundo por detrás só de Marc Etchebers, e o Rally de Ferrol, onde acabou terceiro compartindo podio con Germán Castrillón e Manuel Senra. No Rally do Lacón saíuse da pista e levou por diante a varios espectadores, que sufriron lesións de pouca gravidade. Co mesmo vehículo rematou sétimo no Desafío Peugeot nacional de 1991, e subiu ao podio en terceira posición nos rallys do Sil e Ferrol. Ademais rematou cuarto no San Froilán. En 1992 volveu correr cun Peugeot 309, este de 16 válvulas, co que rematou quinto ese ano tanto no Grupo N como no Desafío Peugeot nacionais, tendo como mellor resultado o cuarto posto absoluto no 25º Rally de Ourense. Logrou tamén o segundo posto no Rally de Noia, despois dun duro duelo co vencedor final, Germán Castrillón. miniatura|Sergio e Diego Vallejo no Rally San Agustín de 1995, a bordo dun Peugeot 106 Rallye. Na tempada seguinte mantivo unha gran regularidade no nacional, rematando sétimo na xeral absoluta, quinto do Grupo N e subcampión do Desafío Peugeot, a menos de 20 puntos de Jaime Azcona, despois de lograr seis vitorias dentro deste campionato. En 1994, cun Peugeot 106 Rallye, proclamouse finalmente campión do Desafío Peugeot.

Piloto oficial de Peugeot (1995) En 1995 entrou no equipo oficial de Peugeot, asento ao que accedían os gañadores do Desafío. Clasificouse entre a cuarta e a sexta posición en case todos os rallys que rematou, acabando sexto tanto no Campionato de España como no de Galicia.

Época Citroën (1996-1999) En 1996 cambiou o Peugeot por un Citroën ZX 16V, vehículo co que logrou en xullo a súa primeira vitoria absoluta nun rally. Foi no Rally Rías Baixas, na súa sexta participación, onde superou na meta por máis de tres minutos a Alfredo del Águila e por máis de catro a Javier Azcona. Logrou ademais subir ao podio (3º) no Botafumeiro. No Campionato de España rematou sétimo e segundo no Trofeo Citroën, por detrás de Javier Azcona.

En 1997 competiu co ZX a maior parte da tempada e quedou segundo no Rally de Noia, por detrás de Javier Piñeiro, mentres que logrou os seus primeiros podios nacionais, quedando terceiro no Rally Serra Morena e no Rally de Cantabria e segundo no San Froilán, neste caso cun Citroën Saxo VTS. Rematou sexto no nacional e segundo de novo no Trofeo Citroën por detrás outra vez de Azcona. En 1998 comezou a tempada co ZX, cambiando logo a Citroën Saxo Kit Car, co que subiu ao podio en terceira posición no Rally Príncipe de Asturias e no San Froilán. Acabou a tempada como quinto clasificado do nacional.

Correu a tempada 1999 de xeito íntegro co Saxo e con Mario González Tomé como copiloto, debido a que seu irmán estaba disputando o Campionato de España e o Campionato do Mundo con Manuel Muniente. Logoru dous podios no Rally da Coruña (2º) e no Rally de Avilés, e rematou como terceiro clasificado, só por detrás de Chus Puras e Luis Monzón.

Época Fiat (2000-2005) esquerda|miniatura|Fiat Punto S1600 dos irmáns Vallejo no Rally de Cantabria de 2004. No ano 2000 comezou a correr cun Fiat Punto, modelo co que correría durante os seguintes anos. Con este coche logrou dous podios ese ano e acabou quinto do nacional. En 2001 participou cun Fiat Punto 1600 na primeira edición do Campionato do Mundo de Rally Júnior, chamado entón Campionato S1600, pero varios abandonos fixeron que só puidese puntuar no Rally de San Remo e no Rally de Córsega. Ao mesmo tempo disputou o nacional cun Fiat Punto Kit Car, rematando en sétima posición.

No ano 2002 centrouse no nacional, onde mantivo unha gran regularidade, obtivo dous podios e rematou o campionato como terceiro clasificado da xeral e vencedor da Copa de España de Súper 1600. Ao ano seguinte mellorou os seus resultados, conseguiu tres podios nacionais e rematou como subcampión de España, só por detrás do Saxo de Miguel Ángel Fuster. Correu tamén o Rally San Froilán, do campionato galego, subindo ao podio en terceira posición, superado por Germán Castrillón (1º) e Bamarti (2º).

En 2004 conseguiu cinco podios no Campionato de España (catro terceiros e un segundo) e rematou cuarto na xeral, mentres que en 2005 só puido sumar un podio e ser quinto na xeral. Ademais nesas dúas tempadas disputou tamén o Campionato de España de Rallys de Terra, rematando sétimo en 2005, despois de lograr a vitoria no Rally da Gudiña-Ourense, a súa primeira vitoria a nivel nacional. No Rally San Froilán volveu rematar terceiro, con Pedro Burgo primeiro e Bamarti de novo segundo.

Renault Clio (2006) miniatura|Renault Clio S1600 dos irmáns Vallejo no Rally Rías Baixas de 2006. No 2006 correu cun Renault Clio S1600, obtendo cinco podios no nacional e rematando terceiro por detrás de Dani Solà e Miguel Ángel Fuster. No Rally San Froilán competiu por primeira vez cun Porsche, marca coa que correría durante os seguintes anos logrando os seus maiores éxitos da man do Nupel Rallye Team. Concretamente fíxoo cun Porsche 996 GT3 preparado por Oreca, quedando segundo por detrás de Burgo.

Porsche 997 e Nupel Team (2007-2009) No 2007 correu cun Porsche 997 GT3 preparado polo francés Bernard Vara, aproveitando a entrada dos vehículos GT no campionato de España. Tras abandonar na primeira proba do certame nacional, logrou a súa primeira vitoria no segundo, o Rally Illas Canarias, onde superou a Fuster e Chus Puras, aínda que a vitoria absoluta no rally foi para Luis Monzón, que competía só no rexional canario. Catro meses máis tarde logrou a vitoria no Rally de Ferrol, por diante dos Mitsubishi Lancer Evo IX de Víctor Senra e Josep Basols. Quedou segundo no Rally de Ourense e terceiro no Príncipe de Asturias, chegando á última proba, o Rally Costa Brava, con posibilidades de proclamarse campión. Con todo, quedou quinto na cita catalá e rematou terceiro o campionato por detrás de Fuster e Alberto Hevia e primeiro dos GT. En 2008 gañou o Rally Illas Canarias, o Villa de Llanes e o Costa Brava e chegou ao Rally Shalymar na segunda posición, a escasos puntos do líder, Enrique García Ojeda. A vitoria en Madrid foi para Vallejo, pero o segundo posto de Ojeda provocou un empate entre ambos tanto en puntos (106,5) como en vitorias (4), polo que o título decidiuse polo maior número de segundos postos, sendo este para Ojeda, con tres, polos dous de Vallejo. Vallejo gañou de novo o campionato GT. Correu de novo o Rally San Froilán, esta vez cun Lancer Evo VIII rematando de novo segundo por detrás de Burgo.

Campión de España (2009) miniatura|Vallejo co Porsche 997 no Rally Príncipe de Asturias de 2009.|esquerda A tempada 2009 comezou para os irmáns Vallejo, coa vitoria no Rally Comarca da Ulloa, primeira proba do certame galego. A continuación, xa no nacional, sufriron un abandono no Rally La Vila Joiosa por problemas de motor cando ían líderes. Venceron logo no Rally Illas Canarias e sufriron un novo abandono por avaría no Rally de Cantabria. A polémica da tempada chegou na cuarta proba, o Rally Rías Baixas, onde Vallejo foi o primeiro en cruzar a liña de meta, despois dun movido rally no que rompeu un palier do seu Porsche despois da cuarta sección e foi empurrado polo coche de Álvaro Muñiz ata o parque pechado situado no IFEVI. Uns días despois a Federación Española de Automobilismo anunciou que descualificaba a Vallejo e Muñiz e concedía a vitoria a Miguel Fuster. Finalmente tras un recurso formulado polo Nupel Rallye Team, foille revocada a exclusión, sendo esta substituída por unha penalización de 30 minutos e 3.000€ de sanción, polo que o seu posto final no rally foi o 33º.

Tras as primeiras catro probas Vallejo ocupaba o cuarto lugar da clasificación a case 50 de puntos de Fuster. A continuación logrou a súa primeira e única vitoria no Rally de Ourense, quedou segundo en Ferrol por detrás de Hevia e venceu no Príncipe de Asturias (entre os pilotos do nacional, xa que a vitoria absoluta foi para o checo Jan Kopecký). Despois de abandonar en Llanes obtivo unha vitoria en Serra Morena e un cuarto posto na Costa Brava, resultados que lle bastaron para proclamarse campión de España a falta dunha proba. Foi o primeiro galego en gañar o nacional de asfalto. Pechou a tempada coa vitoria no Rally Shalymar, por diante de Xevi Pons, segundo clasificado tamén no campionato. Ademais volveu correr ese ano o San Froilán, esta vez cun Evo X, pero o vencedor foi outra vez Pedro Burgo, con Xevi Pons segundo e Vallejo terceiro.

Ford Fiesta e Lotus (2010-2011) miniatura|Sergio e Diego Vallejo no Rally Illas Canarias de 2010, cun Ford Fiesta S2000. No 2010 cambiou de coche e pasou a montar un Ford Fiesta S2000, co que quedou terceiro en Vila Joiosa e Cantabria e sexto nas Canarias. Tras as tres primeiras probas abandonou o Nupel Team por desacordos con Luis Moya, director deportivo do equipo dende o ano anterior. Deste xeito Vallejo non disputou o seguinte rally, o Rías Baixas, pero reapareceu cun Peugeot 207 no Rally de Ourense, onde rematou en segunda posición por detrás do seu ex compañeiro de equipo Xevi Pons. Con todo, xa non disputou máis probas do nacional ese ano. En outubro gañou finalmente o Rally San Froilán, despois de numerosos intentos dende a súa primeira participación máis de 20 anos antes. Fíxoo con Moncho López como copiloto e sobre un Škoda Octavia WRC Evo2 que lle prestou Roberto Blach, superando por 40 segundos a Iván Ares e por un minuto a Bamarti. Correu tamén o Rally de Galicia Histórico a bordo dun Ford Escort RS 2000 MK1 pero tivo que abandonar por problemas eléctricos.

Iniciou a tempada 2011 conducindo un Lotus Exige S con malos resultados, tendo que abandonar en tres das cinco primeiras carreiras.

Regreso ao Porsche (2011-2015)