Isaac Asimov (Isaak Yudovich Ozimov; en ruso: Исаак Юдович Озимов), nado en Petrovichi o 2 de xaneiro de 1920 e finado en Nova York o 6 de abril de 1992, foi un autor e bioquímico estadounidense nado en Rusia.

Trátase dun escritor de éxito e excepcionalmente prolífico coñecido polas súas obras de ciencia ficción e ciencia popular ou divulgación científica. A obra máis famosa de Asimov é a "Saga da Fundación", que despois combinou con dúas das súas outras series, a serie Imperio Galáctico e a serie de Robots. Tamén escribiu sobre misterio e fantasía, así como unha gran cantidade de novelas. De feito, escribiu ou corrixiu máis de 500 volumes e aproximadamente 90.000 cartas ou postais, e ten obras en cada categoría importante no sistema decimal Dewey, excepto en filosofía.

Asimov foi membro de Mensa e o asteroide (5020) Asimov foi nomeado así na súa honra.

Traxectoria Aínda que non se coñece a data exacta, a efectos legais considérase que Asimov naceu o 2 de xaneiro de 1920 en Petrovichi, Rusia (a 400 km ao suroeste de Moscova e 16 km da fronteira con Belarús). Os seus pais, Judah Asimov e Anna Rachel, de orixe xudía, trasládanse a Nova York a principios do ano 1923, cando o autor tiña tres anos. A súa infancia transcorre no barrio neoiorkino de Brooklyn, onde o novo Isaac aprende pola súa conta a ler á idade de cinco anos. A mocidade de Isaac transcorre entre os estudos e o traballo nas distintas tendas de lambetadas que o seu pai rexenta no barrio de Brooklyn. Foi entre eses andeis cheos de cómics onde o mozo Isaac se atopa por primeira vez coa ciencia ficción, e na súa adolescencia comeza a escribir as súas propias historias de ciencia ficción que vende ás revistas (agora clásicas) de ficción chamadas «pulps».

Graduouse na Universidade de Columbia en 1939, e consegue o doutoramento en química en 1948. Daquela únese á Universidade de Boston, onde permanece como asociado mais sen opción a ensinar. A universidade deixa de pagarlle o salario en 1958, mais por entón, os ingresos procedentes do seu traballo como escritor son maiores que os que consegue co seu labor universitario. Asimov permanece na facultade como profesor asociado, e en 1979 ascéndeno a profesor titular. Os seus documentos persoais dos anos 1965 en adiante arquívanse na Biblioteca Mugar Memorial da Universidade de Boston. En 1985 é elixido Presidente da Asociación Humanista Americana, cargo que ocupa ata a súa morte en 1992. O sucesor, amigo e colega de Asimov no seu traballo como escritor foi Kurt Vonnegut Jr. Foi tamén, ata a súa morte, vicepresidente honorario do club Mensa.

Asimov casa o 26 de xullo de 1942 con Gertrude Blugerman, coa que ten dous fillos: David, nado en 1951 e Robyn, en 1955. Tras un longo período de separación, divórcianse en 1973 e a fins deste ano casa con Janet O. Jeppson.

Asimov morre o 6 de abril de 1992, tras contraer o virus do VIH nunha transfusión de sangue durante unha operación de bypass en 1983. Sobreviven a súa viúva Janet e os fillos do seu primeiro matrimonio. Dez anos despois da súa morte, a biografía de Janet Asimov revelou que a súa morte debeuse a un fallo coronario e renal debido á SIDA. Janet dixo entón que os médicos de Asimov lles recomendaron non revelar a causa da súa doenza, mentres que os doutores aseguran que foi ela mesma quen quixo manter o segredo.

Posición intelectual Isaac Asimov foi un humanista e un racionalista. Non se opuxo ás conviccións relixiosas xenuínas dos demais, mais enfrontouse ás supersticións e ás crenzas infundadas. Tiña un medo a voar que fixo que só viaxara en avión dúas veces en toda a súa vida e que el relacionaba coa acrofobia que tamén padecía. Así mesmo, padecía claustrofilia, é dicir, gustábanlle os lugares pequenos e pechados.

Asimov era un progresista en temas políticos, e un seguidor incondicional do Partido Demócrata dos Estados Unidos. Nunha entrevista televisiva a comezos da década de 1970, apoiou publicamente a George McGovern. Sentiuse moi desilusionado cando veu as tácticas, que el consideraba irracionais, dos activistas progresistas desde fins dos anos sesenta en diante. A súa defensa das aplicacións civís da enerxía nuclear, sobre todo tras o accidente nuclear de Three Mile Island, danou as súas relacións coa esquerda. Publicou moito sobre o control da natalidade, reflectindo a perspectiva artellada por Paul R. Ehrlich. Nos últimos anos da súa vida, Asimov condenou a deterioración da calidade de vida que percibía na cidade de Nova York ao se reduciren os investimentos pola fuxida da clase media aos suburbios. O seu último libro que non foi de ficción, Our Angry Earth: A Ticking Ecological Bomb, escrito en 1991 xunto co autor de ciencia ficción Frederik Pohl, trata de aspectos medioambientais como o quecemento global e a destrución da capa de ozono.

Obra A carreira de Asimov pode dividirse en varios períodos. Nos seus primeiros anos o tema dominante foi a ciencia ficción, iniciándose con relatos curtos en 1939. Isto durou ata 1958, rematando coa publicación de The Naked Sun. Logo, diminuíu de xeito importante a súa produción de libros de ficción mentres se dedicaba a outros temas. Nos seguintes 25 anos publicou soamente catro libros de ciencia ficción. A partir de 1982, iniciou a segunda etapa da súa carreira en ciencia ficción coa publicación de Foundation's Edge . Desde entón e ata a súa morte, Asimov publicaría moitas secuelas das súas novelas xa escritas, dándolles un tratamento de conxunto dun xeito que seguramente non previra nin el mesmo.

Segundo o seu punto de vista, Asimov coidaba que as súas contribucións máis duradeiras serían as "Tres leis da robótica" e a serie Fundation (véxase Yours, Isaac Asimov, p. 329). Máis aínda, o Dicionario de inglés de Oxford dálle creto ao introducir as palabras positrónico, psicohistoria e robótica no idioma inglés. A primeira destas palabras aplícase a unha tecnoloxía enteiramente ficticia, aínda que baseada no nome da partícula subatómica de antimateria oposta ao Electrón, o Positrón, mentres que a segunda se utiliza con frecuencia nun senso diferente ao empregado por Asimov; porén, o uso de robótica continúa a se ampliar co senso dado por Asimov.

Divulgación científica Durante os últimos anos da década de 1950 e ata entrada a década de 1960, Isaac Asimov baixou substancialmente a súa produción de ficción e cambiou os seus intereses para os ensaios. Entre The Naked Sun de 1957 e Foundation's Edge de 1982, só publicou catro novelas, dúas das cales foron de misterio. Neste mesmo período, incrementou en gran medida a súa produción literaria noutras áreas, escribindo case sempre sobre temas científicos. O lanzamento do Sputnik 1 en 1957 espertou o interese do público sobre a ciencia, e debido a esta razón os editores de Asimov pedíronlle que cubrise con canto material fora capaz de escribir. Ao mesmo tempo, a revista mensual Magazine of Fantasy and Science Fiction invitouno a continuar a súa habitual columna, que comezara na xa pechada revista bimestral do mesmo grupo, Venture Science Fiction, especializada na divulgación científica, e deulle a Asimov unha completa liberdade para publicar. A primeira das contribucións a F&SF apareceu en novembro de 1958 e continuou desde entón con outras 399 colaboracións, ata que o seu estado de saúde impediu que continuase. Estas columnas, coleccionadas periodicamente en libros polo seu principal editor, Doubledai, axudaron a Asimov a crear unha reputación como gran divulgador da ciencia e, segundo el, foron as súas únicas obras de divulgación que escribiu nas que non tiña que supór dos seus lectores unha completa ignorancia nos temas discutidos. A popularidade do seu primeiro traballo de grande envergadura, A súa obra The Intelligent Man's Guide to Science tamén lle permitiu desprenderse de gran parte das súas responsabilidades académicas e converterse esencialmente en escritor a tempo completo.

Asimov publicou Asimov's Guide to the Bible en dous volumes que comprendían o Antigo Testamento (1967) e o Novo Testamento (1969), e logo combinounos nun só volume de 1.300 páxinas en 1981. Cheo de mapas e táboas, a guía conduce a través dos libros da Biblia en orde, explicando a historia de cada un e mailas influencias políticas que lles afectaran, como tamén información biográfica sobre as personaxes importantes.

Tamén escribiu bastantes ensaios sobre as convencións sociais do seu día, incluíndo "Thinking About Thinking" e "Science: Knock Plastic" (1967).

A gran variedade de información que cobren os escritos de Asimov levaron a Kurt Vonnegut a preguntarlle nunha ocasión: «Como se sente sabéndoo todo?». Asimov respondeulle que el só sabía como se sentía ao ter esta reputación de omnisciente: Inquedo (Ver «In Joy Still Felt», capítulo 10). No limiar da súa colección de historias Slow Learner, o novelista norteamericano Thomas Pynchon admitiu que obtivera nas obras de divulgación científica de Asimov e no Dicionario de Inglés de Oxford todos os seus coñecementos sobre a entropía.

Ciencia ficción De entre as súas obras de ciencia ficción, as máis coñecidas pertencen ao Ciclo Trantor ou a serie Foundation. A triloxía orixinal (Foundation, Foundation and Empire e Second Foundation) recibiu o premio Hugo á mellor serie de ciencia ficción de todos os tempos. Posteriormente, escribiu Foundation's Edge e Foundation and Earth, que seguen cos acontecementos de Second Foundation. En Foundation and Earth, Asimov liga a serie Foundation coas novelas de robots ao introducir unha das súas máis coñecidas personaxes: R. Daneel Olivaw. As súas novelas de robots salientan por seren do tipo policial, do cal Asimov se considera un pioneiro na ciencia ficción policial. Nas novelas de robots (As covas de aceiro, The Naked Sun, The Robots of Dawn, Robots and Empire ) Asimov cría outra das súas grandes personaxes: Elijah Balei. En Prelude to Foundation e Forward the Foundation, Asimov nárranos as orixes da psicohistoria, máxima creación de Hari Seldon. Estas novelas serven tamén de nexo entre as novelas de robot e as da Fundación, ao presentar o encontro de Hari Seldon con Daneel.

A obra de Asimov non é allea ao humor; na revista Astounding Science Fiction publicouse, en 1948, un artigo pseudocentífico e humorístico titulado " The Endochronic Properties of Resublimated Thiotimoline" , cuxo tema era unha substancia que se disolve exactamente 1.2 segundos antes de que se lle engada auga.

Tamén destacaron as súas antoloxías de ciencia ficción, especialmente a serie The Golden Years of Science Fiction, na que percorría gran parte da historia da ciencia ficción a través de relatos doutros autores.

Cronoloxía de novelas e coleccións de relatos curtos de ciencia ficción

I, Robot (1950) (colección de relatos) Pebble in the Sky (1950) Foundation (1951) Foundation and Empire (1952) Serie de novelas de Lucky Starr (1952-1958, escritas co pseudónimo de Paul French) Second Foundation (1953) As covas de aceiro (1954) The End of Eternity (1955) The Naked Sun (1957) The Gods Themselves (1972) The Bicentennial Man (1976) Foundation's Edge (1982) The Robots of Dawn (1983) Robots and Empire (1985) Foundation and Earth (1986) Robot Dreams (1986) Prelude to Foundation (1988) Nightfall (1990) (con Robert Silverberg) Towards the Foundation (1993) (póstuma) The Bicentennial Man (2001)

Divulgación histórica A partir de 1965 e ata mediados dos setenta, Asimov compaxina a creación literaria de ficción coa divulgación histórica a través de varios libros que comprenden as máis importantes civilizacións e períodos históricos. Como por exemplo a exipcia, grega e romana, pasando pola Idade Media, o descubrimento do Novo Mundo cada un deles nun libro e a formación dos Estados Unidos en varios volumes. O autor trata de atraer o gran público ao coñecemento da historia a través dunha narración amena e sinxela. Trátase principalmente de historia político/militar con visións persoais da autor.