A pensión Eva é unha novela en lingua italiana de Andrea Camilleri. Foi publicada en 2006 por Arnoldo Mondadori co título orixinal de La pensione Eva, e foi traducida ao galego por Carlos Acevedo e publicada por Editorial Galaxia tamén en 2006.
Trama
Nenè é un rapaz de doce anos. Sospeita que a Pensión Eva non é un simple albergue ou hotel como os outros lugares para pasar a noite existentes en Vigàta, posto que de día está sempre pechada. Xa catro anos antes, ao pouco de cumprir os oito, Nenè probara a entrar mais o porteiro botárao fóra por ser moi pequeno.
Na preadolescencia Nenè descobre canda a súa curmá Angela o sexo a partir dos xogos do médico e a doente. Porén, ten conflitos morais pola educación católica recibida, especialmente trala primeira comuñón. Pensa que o que fai con Angela é pecado mortal. Ao cabo, a propia curmán é quen lle explica que a Pensión Eva é un prostíbulo.
Xa con dezaseis anos, Nenè adoita ir cear os luns á Pensión Eva xunto cos seus amigos Jacolino e Ciccio. Coñece as prostitutas que alí traballan -que cambian cada quince días-. Elas -a maioría procedentes da Italia peninsular- cóntanlles anécdotas que lles sucederon. Outras historias que suceden na Pensión son a do cabaleiro Calcedonio, un home de 80 anos xa impotente que recupera a súa virilidade durante un bombardeo, ou a de Tatiana, a puta comunista, que colabora coa resistencia partisana.
Porén, coa chegada da segunda guerra mundial a Sicilia comezan os bombardeos da vila e o desembarco de tropas alemás e finalmente estadounidenses. Coa guerra enriba a xente preocúpase de sobrevivir, pero o lupanar segue adiante.
Véxase tamén Ligazóns externas Ficha na web da editorial.
Categoría:Novelas en italiano Categoría:Obras literarias de 2006 Categoría:Novelas ambientadas en Italia Categoría:Obras traducidas do italiano ao galego