San Lourenzo de Almofrei é unha parroquia que se localiza no sur do concello de Cerdedo Cotobade. Segundo o IGE en 2010 tiña 268 habitantes (136 homes e 132 mulleres), 8 menos que en 2007. Dos 9 lugares da parroquia, 5 están habitados.

O topónimo "Almofrei" é de orixe xermánica, indicando o nome gótico latinizado do posesor Ermaufredus, seguramente altomedieval. O xenitivo Ermaufredi evolucionou a Almofrei, que dá nome á súa vez ó río Almofrei.

Patrimonio

Igrexa parroquial A igrexa parroquial, de estilo barroco, está no lugar da Arrotea. Ten planta de cruz latina, e na fachada está San Lourenzo nun fornelo cunha grella na man, baixo as dúas campás e unha espadana. No adro hai tres cruceiros. Tamén conta cun cemiterio.

Ponte de Almofrei Sobre o río Almofrei hai unha ponte do século XVI, construída en cantería foi apoiada sobre as propias pedras do río cun arco oxival de 7,70 metros de luz e máis de 10 de altura sobre o leito, era parte do camiño entre Almofrei e Mirón. Pola ponte cruza unha calzada empedrada, posiblemente de orixe romana e que enlaza coa parroquia de Tourón, xa no limítrofe concello de Ponte Caldelas.

A finais do ano 2017, a importante deterioración que presentaba a ponte debido ao paso do tempo motivou que se executasen sobre el —co fin de garantir a súa estabilidade e a seguridade do seu uso— diferentes obras de rehabilitación, acondicionamento e consolidación.

Muíño Xunto á ponte, a escasos metros río arriba, destaca a presenza dun antigo muíño de maquía: o coñecido como muíño dá Ponte, o número 54 contando desde o seu nacemento e, case con toda probabilidade, o máis interesante de todos eles. A existencia de vivenda na planta superior e a disposición dos seus catro rodicios en dúas alturas diferentes fan del un muíño único na comarca. É de titularidade pública

Galería de imaxes

Lugares e parroquias Lugares de Almofrei

Parroquias de Cerdedo Cotobade

Notas

Véxase tamén Outros artigos Lugares de Cerdedo Cotobade

Categoría:Parroquias de Cerdedo Cotobade Categoría:Parroquias de Galicia baixo a advocación de san Lourenzo