Lepidochelys é un xénero de tartarugas mariñas da familia dos quelónidos. Inclúe só dúas especies. A tartaruga mariña pequena (L. kempii) está catalogada como en perigo crítico de extinción e a tartaruga mariña olivácea (L. olivacea) como vulnerable. É o único xénero actual de tartarugas mariñas que ten máis dunha especie."Marine Turtle Newsletter" - Harold A. Dundee Viven en augas cálidas; L. kempii esencilamente en augas americanas e L. olivacea en augas do Índico e Pacífico, africanas e americanas, e raramente se ven en Europa. Son as tartarugas mariñas máis raras nas costas europeas, especialmente L. olivacea. Os seus rexistros nas costas galegas son moi raros e ás veces inseguros, pero L. kempii está incluída na Lista de réptiles de Galicia. En 1988 citouse a especie L. olivacea como vista en Cangas de Morrazo (Pontevedra), pero algúns autores cren que é unha identificación dubidosa e que debe tratarse de L. kempii.Pedro Galán Regalado, Gustavo Fernández Arias. Anfibios e réptiles de Galicia. Colección Montes e Fontes. Edicións Xerais de Galicia S.A. 1993. Páxina 282. ISBN 84-7507-722-6.
As Lepidochelys adultas teñen uha lonxitude entre 51 e 71 cm e un peso de 36 a 50 kg, polo que son medianas ou pequenas dentro das tartarugas mariñas. Aliméntanse de cangrexos, peixe, cefalópodos, ameixas e vexetación mariña.
O nome do xénero deriva das palabras gregas lepidos, que significa escama, e chelys, que se traduce por tartaruga. Isto podería facer referencia á cantidade supernumeraria de escudos costais que ten este xénero.
Especies Lepidochelys kempii (Garman, 1880) — Tartaruga mariña pequena. Lepidochelys olivacea (Eschscholtz, 1829) — Tartaruga mariña olivácea.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas
Categoría:Quelónidos