Charles John Huffan Dickens, nado en Portsmouth, Inglaterra, o 7 de febreiro de 1812 e finado en Gadshill Place o 8 de xuño de 1870, foi un escritor e crítico social inglés, un dos máis coñecidos da literatura universal. Creou algúns dos personaxes de ficción máis coñecidos do mundo, e, é considerado por moitos como o mellor novelista e o principal da era vitoriana.. Foi mestre do xénero narrativo, ao que imprimiu certas doses de humor e ironía, practicando á vez unha aguda crítica social. Na súa obra destacan as descricións de xente e lugares, tanto reais como imaxinarios. Utilizou en ocasións o pseudónimo Boz.
A experiencia que definiu a súa infancia, que algúns consideran a clave da súa xenialidade, foi o seu traballo aos doce anos en Warren, unha fábrica de betún, pouco antes de que o seu pai fose encarcerado por débedas na cárcere de Marshalsea. Alí, pegou etiquetas en latas de betún para zapatos durante máis dun ano. Aínda que máis tarde volveu á escola durante case tres anos, a súa educación seguiu sendo rudimentaria e a súa ampla cultura foi esencialmente o resultado dos seus propios esforzos.
Fundou e publicou varios xornais semanais, compuxo quince novelas importantes e cinco libros menos coñecidos, centos de relatos e artigos de prensa sobre temas literarios ou sociais. A súa paixón polo tea]]tro levouno a escribir e dirixir obras de teatro, actuar e dar lecturas públicas das súas obras, que, durante xiras a miúdo extenuantes, se fixeron rapidamente moi populares en Gran Bretaña e nos Estados Unidos.
Críticas posteriores, tales como as de George Gissing e Gilbert Keith Chesterton, defenderon e aclamaron o seu dominio da lingua inglesa como inigualable, os seus personaxes como inesquecibles, e en gran medida a súa profunda sensibilidade social. No entanto, tamén recibiu críticas dos seus mellores lectores -George Henry Lewes, Henry James e Virginia Woolf, entre eles- os cales achacaron certos defectos ás súas obras, como o sentimentalismo efusivo, acontecementos irreais e personaxes grotescos.
As súas novelas e relatos curtos gozaron de popularidade sen precedentes en vida do escritor, e aínda hoxe en día edítanse continuamente, críticos e estudosos recoñecérano como un xenio literario. As súas novelas e relatos son amplamente lidos hoxe en día... Dickens escribiu novelas por entregas, o formato usual na ficción na súa época, pola simple razón de que non todo o mundo posuía os recursos económicos necesarios para comprar un libro, e cada nova entrega das súas historias era esperada con grande entusiasmo polos seus lectores, nacionais e internacionais. Dickens foi e segue sendo venerado como un ídolo literario por escritores de todo o mundo.Stone, Harry. Dickens's Working Notes for His Novels, Chicago, 1987 Traxectoria
Primeiros anos
Dickens naceu o 7 de febreiro de 1812, no distrito de Landport, pertencente á cidade de Portsmouth, fillo de John Dickens (1786-1851), oficinista da Pagadoría da Armada no arsenal do porto de Portsmouth, e da súa esposa Elizabeth Barrow (1789-1863). En 1814, a familia trasladouse a Londres, Somerset House, no número dez de Norfolk Street. Cando o futuro escritor tiña cinco anos, a familia mudouse a Chatham, Kent onde pasou os seus anos de formación ata a idade de 11 anos. A súa nai era de clase media e o seu pai sempre arrastraba débedas, debido á súa excesiva inclinación ao despilfarro.
Aprendeu a ler da súa nai, que empregou para o seu ensino unhas cantas obras clásicas que posuía o pai. Charles non recibiu ningunha educación ata a idade de nove anos, feito que posteriormente reprocharíanlle os seus críticos, ao considerar a súa formación en exceso autodidacta. Con esta idade, logo de acudir a unha escola en Rome Lane, estudou cultura na escola de William Gile, un graduado en Oxford. Pasaba o tempo fóra da súa casa, lendo vorazmente. Mostrou unha particular afección polas novelas picarescas, como The Adventures of Roderick Random (As aventuras de Roderick Random) e The Adventures of Peregrine Pickle (As aventuras de Peregrine Pickle) de Tobias Smollett, e The History of Tom Jones, a Foundling de Henry Fielding. Este sería o seu escritor favorito. Tamén lía con fruición novelas de aventuras como Robinson Crusoe e Don Quixote da Mancha. En 1823, vivía coa súa familia en Londres, no número 16 de Bayham Street, Camden Town, que era entón un dos suburbios máis pobres da cidade. Aínda que os seus primeiros anos parecen ser unha época idílica, el describíase como un «neno moi pequeno e non especialmente coidado». Tamén falaría do seu extremo patetismo e da súa memoria fotográfica de persoas e eventos, que lle axudaron a trasladar a realidade á ficción..
A súa vida cambiou profundamente cando o seu pai foi denunciado por falta de pagamento das súas débedas e encarcerado na prisión de deudores de Marshalsea. A maior parte da familia trasladouse a vivir co Sr. Dickens ao cárcere, posibilidade establecida entón pola lei, que permitía á familia do moroso compartir a súa cela. Charles foi acollido nunha casa de Little College Street, rexentada pola Señora Roylance e acudía os domingos a visitar o seu pai na prisión.
Aos doce anos, considerouse que o futuro novelista tiña a idade suficiente para comezar a traballar, e así principiou a súa vida laboral, con xornadas diarias de dez horas en Warren's boot-blacking factory, unha fábrica de betume para calzado, situada preto da actual estación ferroviaria Charing Cross de Londres. Durante este período a súa vida transcorreu pegando etiquetas nos botes de shoes polish (betume para calzado); gañaba seis xilins semanais. Con este diñeiro, tiña que pagar a súa hospedaxe e axudar á familia, a maioría da cal vivía co seu pai, que permanecía encarcerado.
Logo dalgúns meses, a súa familia puido saír da prisión de Marshalsea, pero a súa situación económica non mellorou ata pasado un tempo, cando ao morrer a avóa materna de Charles, o seu pai recibiu unha herdanza de 250 libras. A súa nai non retirou a Charles de forma inmediata da compañía, que era propiedade duns parentes dela. Dickens nunca esquecería o empeño da súa nai de obrigarlle a permanecer na fábrica. Máis tarde Charles foi enviado a un colexio de Hamstead Road, onde permaneceu dous anos. Estas vivencias marcarían a súa vida como escritor: dedicaría gran parte da súa obra a denunciar as condicións deplorables baixo as cales sobrevivían as clases proletarias. Na súa novela David Copperfield, xulgada como a máis autobiográfica, escribiu: «Eu non recibía ningún consello, ningún apoio, ningún estimulante, ningún consolo, ningunha asistencia de ningún tipo, de ninguén que me puidese recordar. ¡Canto desexaba ir ao ceo!»
Primeira etapa En maio de 1827, Dickens empezou a traballar como pasante no bufete dos procuradores Ellis & Blackmore e logo dun tempo como taquígrafo xudicial.
En 1828 comezou a colaborar como reporteiro no "Doctor´s Commons" e posteriormente ingresou en calidade de cronista parlamentario no "True Sun". Por esta época interesouse pola escena teatral londiniense, apuntándose a clases de interpretación, pero o día da realización do casting, padeceu gripe e non puido asistir, apagándose así os seus soños de ser actor teatral.
En 1834 contratouno o Morning Chronicle como xornalista político, para informar sobre debates parlamentarios, e viaxar a través do país a cubrir as campañas electorais. En 1836 os seus artigos en forma de esbozos literarios que habían ido aparecendo en distintas publicacións desde 1833, publicáronse formando o primeiro volume de Sketches by Boz e que deu paso en marzo dese mesmo ano á publicación das primeiras entregas de The Posthumous Papers of the Pickwick Club («Os papeis póstumos do Club Pickwick»). Posteriormente continuou contribuíndo e editando xornais durante gran parte da súa vida. miniatura|Catherine Hogarth dona de Dickens O 2 de abril de 1836 contraeu matrimonio con Catherine Thompson Hogarth (1816-1879) e estableceu a súa residencia en Bloomsbury. Tiveron dez fillos: Charles Culliford Boz Dickens (1837-1896), Mary Dickens (1838-1896), Kate Macready Dickens (1839-1929), Walter Landor Dickens (1841-1863), Francis Jeffrey Dickens (1844-1886), Alfred D'Orsay Tennyson Dickens (1845-1912), Sydney Smith Haldimand Dickens (1847-1872), Henry Fielding Dickens (1849-1933), Dora Annie Dickens (1850-1851) e Edward Bulwer Lytton Dickens (1852-1902).
En 1836 aceptou o traballo de editor do Bentley's Miscellany, que mantería ata 1839, cando discutiu co dono. Outros dous xornais dos que Dickens foi asiduo contribuínte foron Household Words e All the Year Round. En 1842, viaxou xunto á súa esposa aos Estados Unidos, feito que describiu brevemente en Notas de viaxe americanas e que serviu tamén como base dalgún dos episodios de Martin Chuzzlewit. Pouco despois empezou a mostrar interese no Unitarismo cristián, aínda que el sería anglicano, polo menos nominalmente, durante o resto da súa vida. Os escritos de Dickens foron sumamente populares nos seus días e foron lidos extensamente. En 1856, a súa popularidade permitiulle comprar Gad's Hill Place. Esta gran casa situada en Higham, Kent, tiña un especial significado para o escritor, xa que de pícaro camiñara polas súas proximidades e soñara con habitala. O lugar foi tamén o lugar onde se desenvolven algunhas escenas da primeira parte do Henrique IV de Shakespeare, conexión literaria que compracía a Dickens.
Viu publicadas nove entregas en 1836 e as once restantes en 1837, de The Posthumous Papers of the Pickwick Club («Os papeis póstumos do Club Pickwick»). A súa seguinte obra foi Oliver Twist (1837-1838) un relato autenticamente autobiográfico e que se publicou por entregas durante dous meses. A esta obra seguiron Nicholas Nickleby (1838-1840) e The Old Curiosity Shop (A tenda de antigüidades) (1840-1841), onde narra as desditas da pequena Nelly, con pasaxes inspirados no recente falecemento da súa cuñada Mary Hogarth, de dezasete anos a quen Dickens adoraba. A obra tivo un grande éxito en Inglaterra e América.
Grazas ás obras que ía publicando, Dickens gañou un gran prestixio. En 1841 foi nomeado fillo adoptivo pola cidade de Edimburgo e viaxou a Estados Unidos, onde foi rexeitado pola sociedade deste país debido ás conferencias que impartía e á novela Notas de América, contraria á escravitude e que Dickens experimentara persoalmente na súa infancia. Malia iso renconciliouse co público logo da publicación de A Christmas Carol (Un conto de Nadal) en 1843.
A súa novela Dombey and Son («Dombey e fillo»), 1846-1848, significou un cambio no seu método de traballo: pasou da improvisación cara á completa planificación, apoiándose para a escritura na mestría que alcanzou no manexo dos recursos novelísticos. Fundou en 1849 o semanario Household Words, onde difundiu escritos de autores pouco coñecidos e no que publicou dúas das súas máis excelsas obras: Bleak House («Casa abatida»), 1852-1853, e Hard Times («Tempos difíciles»), 1854.
Xa era considerado como o gran novelista do social. Sometido como estaba a unha gran carga de traballo destinada a satisfacer a demanda dos seus lectores, Dickens non tardou en caer nunha crise que lle levou á ruptura cos seus editores, tras esixirlles unha maior remuneración, petición que foi rexeitada. Logo diso, Dickens iniciou unha serie de viaxes a Italia, publicando Imaxes italianas, Suíza e Francia, onde coñeceu a Alexandre Dumas e a un mozo Jules Verne, ademais de admirar a sociedade parisiense. Ao seu regreso a Inglaterra, obrigado por novas necesidades económicas, estendeu a súa actividade a outros campos: organizou representacións teatrais, fundou o Daily News, fixo de actor e comezou a dar conferencias, como as que daba sobre os dereitos de autor, defensa das prostitutas e condena da pena de morte, moi en voga en Londres como divertimento do pobo.