Charles Robert Darwin [], nado o 12 de febreiro de 1809 e finado o 19 de abril de 1882, foi un naturalista, biólogo e xeólogo inglés que destaca pola súa achega á teoría evolutiva. Observou e postulou que todas as especies de organismos vivos evolucionaron a partir dun único antecesor común. Nunha publicación conxunta con Alfred Russel Wallace, introduciu a teoría de que ese fenómeno de diversificación é o resultado do que denominaron selección natural; un proceso no que a competición por persistir ten a mesma resultante que teñen os cruzamentos selectivos na selección artificial.

Darwin publicou a teoría evolutiva no libro do 1859 A orixe das especies, apoiándose en múltiples probas e refutando as ideas da transmutación das especies. A idea de evolución chegou a ser unha postura apoiada pola comunidade científica e pola sociedade ao final da súa vida, na década de 1870. Porén, a teoría da selección natural como proceso esencial que explica a evolución só se chegou a aceptar amplamente entre as décadas de 1930 e 1950. A síntese moderna da teoría evolutiva, co seu piar capital da selección natural, constitúe actualmente a teoría que unifica as ciencias naturais e a que explica a diversidade de vida existente hoxe.

Darwin deixou a un lado a súa formación profesional en medicina da Universidade de Edimburgo antes de se graduar para ir colaborar en estudos de invertebrados mariños, algo que si lle interesou desde novo. Afianzou esa paixón polas ciencias naturais na Universidade de Cambridge. A viaxe de cinco anos de Darwin na segunda expedición do HMS Beagle consolidouno coma un eminente xeólogo, xa que achegou probas ás ideas uniformistas de Charles Lyell. Así mesmo, tornouse coñecido coas súas publicacións de memorias da expedición do Beagle.

Sorprendido pola distribución xeográfica das especies salvaxes e dos fósiles que atopou no decorrer da súa viaxe, adicouse ao estudo da transmutación das especies chegando a concibir a súa teoría da selección natural no ano 1838. Malia que debateu as súas ideas con varios naturalistas, o traballo de estudo xeolóxico das probas recollidas na viaxe tívoo ocupado e fixo que adiase a publicación da súa teoría. De feito, cando comezou a escribilas no 1858, Alfred Russel Wallace envioulle un artigo que describía a mesma idea de selección natural. Así, con esa carta de Wallace, comezaron axiña a escritura da obra conxunta «Sobre da tendencia das especies a formar variedades, e na perpetuación das variedades e das especies por procesos naturais de selección», na que ambos ligaron as súas teorías. Na súa obra estableceu que a descendencia con modificacións herdables é a principal explicación científica da evolución e diversificación da vida. No 1871, primeiro analizou a evolución humana e a selección sexual en «A orixe do home e a selección en relación co sexo», e despois escribiu «Sobre da expresión das emocións no home e nos animais». As súas investigacións de botánica publicáronse en varios volumes. O seu derradeiro libro escrito foi un estudo das lombrigas e o seu efecto no solo .

A magnitude da obra de Charles Darwin fixo que fose unha das cinco persoas do século XIX non pertencentes á casa real inglesa que foi soterrada con honras de funeral de Estado. Xace enterrado na Abadía de Westminster, ao lado de John Herschel e Isaac Newton.

Vida de Darwin Infancia e educación miniatura|esquerda|upright|Charles Darwin con sete anos, 1816. Charles Robert Darwin naceu o 12 de xaneiro de 1809 en Shrewsbury, Inglaterra, no domicilio familiar the Mount. Foi o quinto dos seis fillos do adiñeirado doutor e financeiro Robert Darwin e Susannah Darwin (Susannah Wedgwood de solteira). Era neto de Erasmus Darwin, por vía paterna, e Josiah Wedgwood, por vía materna. Ambas as dúas familias eran unitaristas, aínda que os Wedgwood estaban a se pasar ao anglicismo. Robert Darwin, a pesar de ser un librepensador, bautizou ao seu fillo polo rito anglicano na igrexa de San Chad de Shrewsbury. Aínda así, os seus irmáns e mais el foron sempre aos oficios relixiosos das capelas unitarias, levados pola súa nai.

Aos oito anos de idade, en 1817, Charles comezou a asistir á escola de día que impartía o seu pastor. Naquela hora, Charles xa mostraba o seu gusto pola historia natural e o coleccionismo. Ese mes de xullo a súa nai morreu, así que dende setembro do 1818 estivo interno no colexio anglicano máis próximo, en Shrewsbury, onde xa estaba o seu irmán máis vello Erasmus.

No verán do 1825 Charles fixo de aprendiz de doutor co seu pai, tratando aos pobres de Shropshire. Rematado ese verán, en outubro, seguiu tamén os pasos do seu irmán Erasmus e comezou os estudos de medicina na Universidade de Edimburgo; naquela hora a mellor universidade para a formación médica. As clases maxistrais facíanselle aburridas e a cirurxía arrepiante, así que se decidiu a abandonar o estudo da medicina. Aprendeu taxidermia da man de John Edmonstone, un escravo negro ao que se lle concedera a liberdade e que acompañara ao naturalista Charles Waterton nas súas viaxes polo sur da América selvática. De Edmonston, Charles ten dito que era un home "moi agradable e intelixente".

No seu segundo ano de carreira, Darwin unírase á Plinian Society, un grupo de estudantes de historia natural, dunha visión democrática radical e materialista, que rebatía os conceptos ortodoxos relixiosos dentro da ciencia. Colaborou con Robert Edmond Grant nas súas investigacións acerca da anatomía e ciclo de vida de invertebrados na ría de Forth e en marzo de 1827 presentou na Plinian Society as súas observacións de que as esporas negras das cunchas de ostra son os ovos dunha samesuga. Nun momento determinado no que Grant gabara as ideas evolutivas de Lamarck, Darwin quedou sorprendido. Porén, había nada xa tiña lido ideas similares no xornal do seu avó, Erasmus Darwin. Nesa época Charles aborrecía as clases de historia natural de Robert Jameson sobre a xeoloxía, e os debates do neptunismo e plutonismo. Tamén aprendeu a metodoloxía da clasificación das plantas e colaborou no traballo das coleccións do Museo Nacional de Escocia, que era dos máis grandes de Europa nese momento.

Cando rexeitou seguir os estudos en medicina, o seu pai anoxouse e decidiu envialo ao Christ's College de Cambridge. O obxectivo era que cursase o Bacharelato de artes, o paso previo necesario para convertelo en pastor anglicano. Como non dispoñía da cualificación para concorrer ao proceso selectivo Tripos, comezou o curso dende o inicio. Era xaneiro do 1828, pero no canto do estudar preferiu adicarse a montar a cabalo e practicar o tiro. O seu curmán William Darwin Fox afeccionouno alí á popular cultura da recolección de escaravellos. Darwin, de alí en diante, afeccionouse con fervor ás recolectas. Algunha desas pezas das súas coleccións remataron nas «Ilustracións da Entomoloxía Británica de Stevens» (un tratado de entomoloxía das Illas británicas). Así mesmo, fíxose amigo intimo de John Stevens Henslow e coñeceu a outros naturalistas que entendían o traballo científico coma teoloxía natural. Para estes últimos, titores universitarios, el foi «o alumno que vai tras de Henslow». Mais cando tivo os exames cerca, Darwin preparouse, interesándose especialmente pola linguaxe e a lóxica de «Evidencias do cristianismo» de William Pasley, e conseguiu colocarse nos exames do 1831 coma o décimo de entre 178 persoas.

Darwin tivo que permanecer en Cambridge ata xuño. Nese momento estudou «A teoloxía natural ou as evidencias da existencia e os atributos da deidade» (1802) de Pasley. Nesa obra postúlase a intervención divina no deseño da natureza e explícase a adaptación como froito da forza de Deus actuando mediante as leis da natureza. Leu o «Discurso preliminar sobre dos estudos da filosofía da natureza» (1831) de John Herschel, no que se describe a intención da filosofía natural como o coñecemento adquirido do razoamento dedutivo baseado na observación, e a «Narrativa persoal» de Alexander von Humboldt, na que se narran as súas viaxes científicas de 1799 a 1804. O "fervor por colaborar" de Charles fixo que nese momento se propuxese facer unha viaxe a Tenerife acompañado dalgúns compañeiros de estudos para estudar a historia natural dos trópicos. Como preparación da viaxe, apuntouse ás clases de xeoloxía de Adam Sedgwick, nas cales se estratigrafaba en Gales durante o verán enteiro .

A viaxe no Beagle

miniatura|400px|A ruta marítima seguida polo Beagle. Despois desa semana con compañeiros de estudos en Barmouth, o 29 de agosto ao chegar á casa atopouse cunha carta de Henslow informándoo de que o propuxera como candidato naturalista idóneo, aínda que sen formación, para un posto no HMS Beagle. Propoñíalle embarcar na viaxe do capitán Robert FitzRoy, sen soldo pero non como un mero operario senón máis ben como o seu acompañante. O barco ía partir de porto en catro semanas a unha expedición pola costa de Suramérica. O seu pai púxolle obxección á viaxe, de dous anos, pois considerábaa unha perda de tempo. Pero o cuñado de seu pai, Josiah Wedgwood, conseguiu convencelo de que o deixase participar na expedición e o financiase. Naquel momento Darwin mirou de ter as súas coleccións ao seu coidado: o médico da navegación, Robert McCormick, partía como o naturalista oficial da expedición .

Despois de atrasos na partida, a expedición saíu de porto o 27 de decembro do 1831 e durou case cinco anos. Tal e como FritzRoy pensara en que fixese, Charles Darwin pasou a meirande parte do tempo en terra investigando a xeoloxía dos lugares visitados e recollendo material para coleccións de historia natural. Mentres, a frota do barco adicouse á exploración e cartografado das costas. Darwin anotou coidadosamente as observacións que foi realizando e as súas especulacións teóricas. Periodicamente enviaba os espécimes recollidos a Cambridge, acompañados de cartas que incluían copias desas notas para a súa familia. Darwin chegou a dominar a xeoloxía, adquiriu destreza na recolleita e tratamento entomolóxico de escaravellos e na disección de invertebrados mariños. Noutras áreas non deixou de ser un aprendiz, que intelixentemente recolleu espécimes para que outros expertos nesa materia os examinasen. Aínda que sufría forte e frecuentemente os trastornos propios da navegación, escribiu unha ampla cantidade de notas a bordo. A meirande parte das súas notas de zooloxía eran sobre de invertebrados mariños, comezando xa por mostras de plancto recollidas en momentos de mar calmo.

Na primeira parada en Santiago, Cabo Verde, Darwin atopouse con que unha banda branca, a elevada altitude nos acantilados de rochas volcánicas, era un estrato formado por cunchas mariñas. FitzRoy déralle a Darwin o primeiro volume dos Principios de Xeoloxía de Charles Lyell. Nese libro establecíanse os principios do uniformismo e falábase de levantamentos e inmersións de terras ao longo de inmensos períodos de tempo. Así que Darwin comezou a captar esas características xeolóxicas e entendelas do mesmo xeito que Lyell o fixera. De aí que comezase a postular teorías e pensase en escribir un libro sobre xeoloxía.

Ao chegar ao Brasil Darwin fascinouse polos bosques selváticos e escandalizouse ao ver a escravitude. Nese momento McCormick deixou a expedición e foi substituído por Darwin no seu posto de naturalista. A expedición seguiu navegando ata o sur da Patagonia. Fixeron un atraque na Bahía Blanca, Arxentina. En cantís Darwin fixo a importante descuberta de fósiles de grandes mamíferos extintos pero a carón de cunchas modernas. Iso constituíu un importante fito pois supoñía a descuberta dunha extinción recente sen que houbese signos de cambios climáticos ou catástrofes. Localizou o pouco coñecido Megatherium, identificándoo por un dente. De primeiras pensou que era unha coiraza ósea dunha versión xigante dos armadillos desa zona. Estas descubertas tiveron un enorme interese cando se fixeron públicas en Inglaterra .