San Cristovo de Briallos é unha parroquia que se localiza no concello de Portas. Segundo o Instituto Galego de Estatística, en 2024 tiña 349 habitantes (159 homes e 150 mulleres), o que supón unha diminución con respecto a 2010, cando tiña 422 habitantes.

Ten unha extensión de 3,7 km², o que a converten na parroquia máis pequena de Portas. Até a creación dos concellos coa División territorial de España en 1833, pertenceu á xurisdición de Peñaflor.

Patrimonio A igrexa parroquial de San Cristovo foi reconstruída en 1727. O 12 de abril do ano 2016 un raio impactou contra a espadana do campanario causando cuantiosos danos na estrutura do mesmo"Un raio provoca importantes danos no campanario da igrexa de Briallos", artigo en Pontevedra Viva, 13 de abril de 2016.. No interior do templo son interesantes os retablos do século XVIII.

A ermida de San Roque está situada no lugar de Castro. Nela celébranse as festas de San Roque e Nosa Señora de Lourdes.

Nas proximidades da estrada N-550 hai un cruceiro e un peto de ánimas, que ten unha talla e unha inscrición co texto Polas ánimas do purgatorio. Reformado por herdeiros de Manuel Herosa e familia ano de 1.898. Hai outros dous cruceiros en Outeiriño e outro na Bouza de San Blas.

O Camiño portugués, ó saír de Coruto, intérnase na parroquia de Briallos onde o concello posúe un albergue de peregrinos.

Festas A festa de máis sona nesta parroquia é a romaría de San Brais que ten lugar cada 3 de febreiro. Celébranse misas durante todo o día na igrexa parroquial, actos nos que os fieis unxen a gorxa con aceite bendito. Ao finalizar cada acto litúrxico os asistentes mercan os tradicionais fanchucos (pan) benditos de San Brais. Pola tarde celebranse as poxas de San Brais e na última misa do día, xa a última hora da tarde, ten lugar a tradicional procesión de candeas. No campo da festa a carón da igrexa parroquial de Briallos atópanse postos de gastronomía típica de romería: rosquillas, polbo, churros, embutidos.. etc tamén de roupa e produtos artesáns. O domingo anterior a romaria de San Brais celébrase a romaría de Nosa Señora da Saúde, tamén con misas e diferentes actividades

O Rosario da Aurora celébrase o último sábado de maio na honra da Virxe Inmaculada. Sae en procesión Nosa Señora pasando polos distintos puntos dunha parte de Briallos, unha procesión longa na que se fan paradas en todos os lugares. A continuación celébrase unha misa cantada na capela de San Roque e Nosa Señora de Lourdes. Ao día seguinte, domingo, celebrase a festa das "Fillas de María", cunha misa cantada e procesión na honra de Nosa Señora na igrexa parroquial.

A festa de San Roque e A Nosa Señora de Lourdes celébrase na capela de San Roque a primeira fin de semana de setembro, o sábado na honra de San Roque e o Domingo na honra da Virxe de Lourdes.

En xullo celébranse as festas patronais na honra da Virxe do Carme, A Nosa Señora do Perpetuo Socorro, San Cristovo (patrón) e o Santísimo Sacramento. No día de San Cristovo as persoas adornan os seus vehículos para saír en procesión detrás do camión que porta a imaxe do Santo, o día seguinte, celébrase o Santísimo, con grandes alfombras florais que ocupan a estrada dende o adro da igrexa ata o cruceiro de pedra que se encontra na bouza de San Brais.

Lugares e parroquias Lugares de Briallos

Parroquias de Portas

Notas

Véxase tamén Outros artigos Lugares de Portas

Categoría:Parroquias de Portas Categoría:Localidades do Camiño Portugués Categoría:Parroquias de Galicia baixo a advocación de san Cristovo